1428-1847
Alcance y contenido: Este fondo consta, aproximadamente duns 400 documentos en papel, que abranguen cronoloxicamente o período 1428 – 1847, cunha relativa abundancia dos datados nos séculos XV e XVI, época de formación do dominio. Neste conxunto podemos distinguir, por unha banda, un grupo principal que ten que ver coa adquisición e administración de bens raíces e rendas, así como de padroado de obras pías (capelanías). Outra fracción do fondo comprende documentos relacionados coas funcións desempeñadas por algúns membros da liñaxe. Por último, hai un pequeno e incompleto caderno de notas de escribán de comezos do primeiro terzo do século XV, quizá atribuíble nun principio a esta última categoría, que é onde se acha transcrito un cancioneiro en galego que lle engade un valor excepcional a todo o conxunto.
No primeiro caso, predominan os títulos de propiedade sobre os de administración ou os de padroado de obras pías, e dentro deles, as escrituras de compravenda (un total de 89), xunto con escrituras de doazón, de dote, de testamento, de mellora, de partilla ou de poder, ente outras. Entre os segundos, achamos recibos de rendas ou “pensións” de fins do século XV e primeiros do XVI, que poden ser expresivos de prácticas temperás de administración non sempre ben documentadas nesta clase de fondos. Polo que se refire aos documentos de función, é relevante a presenza de certo número deles (memoriais, borradores de despachos, informes e pedimentos...) significativos procedentes do Marqués do Bosque Florido ou do seu entorno (por exemplo, o seu apoderado, Vicente Álvarez de Neira, primeiro arquiveiro do Archivo General y Público de Galicia).
Compra
Historia institucional o biografía: O apelido Pita da Veiga dá nome, segundo Crespo Pozo, a unha liñaxe procedente da comarca de Ferrol e Pontedeume, vinculada aos Andrade, señores desta comarca. As catro ramas principais desta liñaxe procederían de Alonso Pita da Veiga, escudeiro da casa de Andrade, avó doutro do mesmo nome que participou na batalla de Pavía (1525) e, xunto con outros dous, apresou ao rei de Francia Francisco I, o que lle valeu recoñecemento da fazaña, tanto por Francisco I coma por Carlos V.
Juan Piñeiro de Narahío, chamado tamén Juan Pita da Veiga, posuidor xa do vínculo e morgado de Pita da Veiga, casou con Bárbara Rodríguez de Bahamonde, dando orixe á Iª rama dos Pita da Veiga, señores dos morgados e señoríos da Casa da Ponte (“Casa del Puente”) e Casa do Relator (“Casa del Relator”), en Pontedeume.
Unha segunda rama arrinca do seu irmán, Pedro Pardo Lago, ou Pedro Pita da Veiga, casado con María Piñeiro, posuidores do morgado e señoríos chamados do Rexidor (“del Regidor”), con casas e facendas en Ferrol e Pontedeume.
Un terceiro neto de Alonso Pita da Veiga, chamado Francisco Pita da Veiga do Vilar, ou doutor Pita do Vilar, deu lugar, tras o seu matrimonio con María de Mandiáa e Parga, á terceira rama dos Pita da Veiga, señores da casa solar de Sedor, Santa María de Castañeda e señoríos e morgados de Vilacornelle.
Por último, un cuarto neto de Alonso Pita da Veiga chamado Diego Pita da Veiga, ou Diego Ares, casou con María Margarita de Andrade e Montenegro e deu lugar á cuarta rama, a dos señores da Torre, solar ou pazo de Serantes, couto de Serantellos, no lugar de Vilasanche (San Salvador de Serantes). Esta última rama entroncará cos Pardo de Aguiar e os Osorio de Albaredo. Pola información que consta no fondo documental, é posible que a rama da que procedan estes documentos sexa a terceira, a de Vilacornelle ou, máis probablemente, unha fracción da mesma que tivo como centro a casa ou pazo de Mandiá, e que se separaría no século XIX a raíz do proceso de supresión dos vínculos e morgados posto en marcha de forma definitiva en 1841.
Esta casa está situada á dereita da estrada que vai de Bustelo á igrexa de Santa Eulalia/Santa Uxía de Mandiá1, na parroquia do mesmo nome (Concello de Ferrol). O pazo pertenceu á familia Pardo de Lago nos primeiros tempos, segundo testamento de 1580, no que María Pardo de Lago llo entrega ao seu fillo, Juan Piñeiro de Narahío, pasando así a formar parte dos bens dos Pita da Veiga.
De acordo cos documentos conservados neste pequeno fondo documental, a maior parte do dominio da casa comprendía bens e rendas na parroquia nas que o pazo tiña o seu asento, así como noutras veciñas do actual concello de Ferrol, como San Salvador de Serantes, San Xurxo da Mariña, San Xoán de Esmelle, San Martiño de Covas, San Román de Doniños ou outras comprendidas na cidade; de Narón (Santa María a Maior do Val); de Mugardos (Santiago de Franza); de Ares (San Pedro de Cervás); de Pontedeume (San Pedro de Vilar, San Martiño de Andrade) ou, incluso, aínda que tardiamente (século XVIII), de Melide (San Salvador de Abeancos, Santalla de Agrón) ou de Cambados (século XIX).
Unha boa parte deste dominio foi adquirido mediante compra directa de terras e rendas, non por concesión de foros, nun proceso continuo iniciado a primeiros do século XVI e rematado a fins do século XVIII (1786).
Ademais das actividades ligadas á adquisición e administración de bens raíces, culminadas na fundación dos vínculos mencionados e na fundación de capelanías en Ferrol, e do desempeño de cargos militares polo citado antecesor das catro ramas da liñaxe Pita da Veiga ou por algún dos seus sucesores (Mateo Pita do Vilar, Ramón Pardo Montenegro, estes a comezos do século XIX), os documentos ratifican a relevancia social acadada por outros individuos da liñaxe aos que se menciona, ben como estudantes en Salamanca, ben como rexedores de Ferrol. Neste senso, cómpre destacar a figura de Vicente Álvarez de Neira, relacionado coa familia a través do matrimonio dun dos seus netos cunha integrante da familia Pita da Veiga, razón pola que se conservan neste arquivo documentos relacionados coa súa función como avogado de diversas institucións (Real Audiencia de Galicia, Xunta do Reino de Galicia), como tenente correxedor da Coruña, e mesmo como deputado do Reino. Mantivo unha intensa relación con José Francisco de Zúñiga Losada, marqués do Bosque Florido, rexedor da cidade de Santiago e activo deputado xeneral do Reino nun momento clave da Historia de Galicia e impulsor da creación do arquivo da Real Audiencia como Arquivo Xeral e Público de Galicia e do nomeamento de Vicente Álvarez de Neira como primeiro arquiveiro.
Organización e descrición realizada por Concepción García García, coa colaboración de Rocío Botana Iglesias e Eva Penedo Vázquez.
https://arquivo.galiciana.gal/arpadweb/gl/consulta/registro.do?id=1374986
und
Familia Pita da Veiga
Colección
5 Unidade(s) de instalación
Non existen copias
Papel
Historia archivística: Descoñecemos a xénese e os pormenores da evolución da custodia do fondo, producido pola familia no transcurso das súas funcións e actividades, aínda que se poida pensar que o conxunto actual é un fragmento dun fondo maior, dada a relevancia social que acadou no seu momento a familia propietaria. O fondo estaba organizado polo menos desde o século XVIII, segundo se indica no “Libro índice de gobierno de los papeles pertenecientes a la casa y hacienda de Villacornelle y sus partidos de que es dueño y poseedor el Sr. D. Gonzalo Pita y Porras en este año de 1760”, en “mazos”, pola súa vez divididos en “legajos”, e moitos dos documentos e das carpetas que os conteñen presentan notacións referidas a esta clasificación: Mazo 1: Genealogías, noblezas, armas, oficios honoríficos, testamentos, mejoras, vínculos, donaciones, dotes, cartas de pago y partijas”; Mazo 2 “Comprende los bienes de Santa Eugenia de Mandiaa en tres legajos: El primero, bienes en Serantes y Serantellos; el 2º, Señorío y Vasallaje; el 3º, bienes en Villacornelle y en demás lugares de la feligresía de Bal”. Esta organización perdeuse ao mesturarse os documentos sacándoos das súas carpetas. Aínda así, e grazas an notacións feitas sobre moitos deles, sería posible refacer a organización polo menos en parte.
TEXT
(unknown)
(unknown)