O Arquivo Municipal da Coruña pode definirse como o centro no que se reúnen, custodian e difunden case cincuenta fondos documentais públicos, privados  e coleccións relacionados coa cidade en particular, e con Galicia en xeral.

Dos fondos públicos o máis importante, voluminoso e o que lle proporciona carta de natureza á institución é o do Concello da Coruña. Trátase dun conxunto de documentos producidos e recibidos polo concello no exercicio das súas funcións e que se conservan debidamente organizados para seren utilizados na xestión administrativa municipal, na información, na cultura e na investigación. A súa orixe atópase íntimamente unida á creación da vila en 1208.

De diversa procedencia son outros fondos públicos entre os que hai que salientar: Concello de Santa María de Oza (anexionado ao da Coruña en 1912), Xunta do Reino de Galicia, Real Audiencia de Galicia, Protocolos notariais, etc…

Entre os fondos privados encontramos os que corresponden a asociacións- Confraría dos Ferreiros, Xunta de Defensa…-a individuos destacados pola sua actividade profesional-Angel del Castillo López, Ángeles Alvariño González, José Luis Bugallal y Marchesi, Antonio Tenreiro Rodríguez e Antonio Tenreiro Brochón…-, a familias – Bermúdez de Castro- e a empresas- Fábrica de mistos, Molina e Co., Martínez-Barbeito Construccions…

Por último, cabe citar as coleccións de estampas, carteis e postais da cidade, que complementan informativa e visualmente os fondos textuais.

 

ACCESO

O acceso á documentación é libre coas restricións que, por razón da materia, impón a lexislación vixente ou o estado de conservación.
Para a consulta dos documentos é necesario que o peticionario se identifique con algún documento oficial de identidade (DNI ou pasaporte)

 

HORARIO DE ATENCIÓN AO PÚBLICO

Inverno (16 de setembro a 19 de xuño) :
Luns a Venres: 8:00 a 14:30 h.

Verán (20 de xuño a 15 de setembro) :
Luns a Venres: 8:00 a 13:30 h.

 

CONTACTO

Teléfonos: 981 184 394
Fax: 981 184 395
Correo electrónico: archivo@coruna.es
Web: www.coruna.es/archivomunicipal