Juan Ignacio Casal Pardo (Xohán Casal) nace na Coruña a finais de 1935, no seo dunha familia republicana acomodada. Fillo de Xacobe Casal Rey e de María V. Pardo Pernas, foi o menor de catro irmáns. Xacobe Casal desempeñaba un cargo directivo na Caixa de Aforros e participaba activamente na vida cultural galega. Republicano de tendencia galeguista e vinculado ás Irmandades da Fala, Xacobe Casal foi escritor bilingüe, autor de diversas obras teatrais e contos en galego. A familia Casal viviu nunha casa do barrio residencial "Ciudad Jardín" da Coruña, de onde logo se trasladaría á rúa Pío XII, fronte ao mercado de San Agostiño. Aos seis anos declaróuselle a Xohán Casal unha grave cardiopatía que co desenvolvemento físico da adolescencia resultaba mortal de necesidade. Malia os contratempos provocados pola súa saúde delicada, Xohán puido rematar os estudos primarios e iniciou os cursos de comercio en 1949, ao ingresar na "Escuela de Altos Estudios Mercantiles" da Coruña. Alí coñeceu a Reimundo Patiño, con quen continuará a relación tras o seu abandono da escola tres anos despois, por culpa da fatiga que lle provocaba a súa enfermidade e que o condenaba a permanecer confinado na casa con frecuencia. No aspecto persoal e malia a súa pouca mobilidade, gozou da amizade dun grupo de amigos con inquedanzas políticas e literarias integrado por mozos coruñeses. Entre eles contábanse Enrique Iglesias Conde, Alfonso Gallego Vila, Eduardo Martínez, Xosé Parga, Carlos E. Pérez Ponte, José Luís Aranguren e Antón Avilés de Taramancos. En xaneiro de 1960 viaxou a Santiago de Compostela para coñecer o núcleo galeguista e a Ramón Piñeiro. Na madrugada seguinte chegoulle a morte mentres durmía, con vinte e catro anos. Durante a súa curta vida escribiu numerosos relatos, así como poesías e obras teatrais. Sen embargo non hai constancia de que Casal teña publicado nada en vida. Foi en 1970 cando se edita, postumamente, o libro de contos "O camiño de abaixo" grazas ao esforzo de Reimundo Patiño. En 1985 reedítase a obra con tres novas narracións.
Xohán Casal entregou a Raimundo Patiño cartas e manuscritos das súas obras. A documentación, despois da morte de Reimundo Patiño, quedou en mans da familia do pintor galego, ata que esta a doou á Real Academia Galega.
Descripción de la forma de ingreso: Doazón de María Vicenta Rábago, viúva de Reimundo Patiño, e das súas fillas, Esther e Raquel Patiño Rábago, do 6 de abril de 2010.
Forma jurídica del ingreso: Doazón
A documentación sitúase cronoloxicamente na década de 1950 e, tipoloxicamente, componse de correspondencia, notas autobiográficas, recortes de prensa e manuscritos literarios de Xohán Casal. Os manuscritos literarios recollen obras de teatro, poesías, ensaios e narracións que forman o grupo de maior volume. Finalmente tamén se conservan varios debuxos e notas soltas do propio Casal.
Para organizar o fondo empregouse o cadro de clasificación elaborado polo Arquivo da Real Academia Galega para os fondos persoais e familiares, realizado a partir do cadro proposto por Olga Gallego na súa obra "Manual de archivos familiares" (1995), tamén se tivo en conta o cadro proposto pola "Sección Nobleza" do AHN. O cadro de clasificación resultante é o seguinte: 02.32.1 Persoal 02.32.1.1 Correspondencia 02.32.1.2 Diarios 02.32.1.3 Material arquivístico vello 02.32.4 Función privada 02.32.4.1 Debuxos 02.32.4.2 Ensaios 02.32.4.3 Narracións 02.32.4.4 Notas 02.32.4.5 Obras teatrais 02.32.4.6 Poesías 02.32.5 Coleccións 02.32.5.1 Recortes de prensa e impresos
Documentación de libre acceso, de acordo co art. 57 e 62 da Lei 16/1985 de 25 de xuño do Patrimonio Histórico Español, o art. 82 da Lei 8/1995 do 30 de outubro do Patrimonio Cultural de Galicia, así como polo estipulado no art. 56 e 58 dos Estatutos da Real Academia Galega.
No existen copias
Descrición, catalogación e instalación do fondo: Ricardo Axeitos Valiño (maio a xuño de 2010). Traballos realizados baixo a dirección de Mercedes Fernández-Couto Tella.