Naceu nas Pontes o 4 de xuño de 1959, onde realizou os seus estudos de bacharelato no Colexio Pardo Bazán ata 1975. En setembro dese ano trasladase a Santiago de Compostela para cursar COU no Colexio La Salle. Tras finalizar COU e a selectividade entra a traballar como botones na sucursal pontesa do Banco Español de Crédito (BANESTO). Pouco interesado nas perspectivas laborais e no traballo bancario, matriculase na Facultade de Medicina da Universidade de Santiago de Compostela, onde ingresa na organización estudantil nacionalista ERGA (Estudantes Nacionalistas Galegos) no ano 1977, momento dende o que queda vinculado ao nacionalismo galego de esquerda.
Foi expulsado de ERGA, con gran parte da militancia universitaria, na gran purga do movemento nacional popular galego de 1981 que afectou a todos os organismos do entonces BNPG e acabou disolvendo varias das organizacións para integrar ao nacionalismo popular no sistema da Reforma Política española co nacemento do novo BNG. Totalmente contrario ao abandono da loita revolucionaria, intenta reorganizar o nacionalismo popular con varios compañeiros e compañeiras creando a Asemblea de Nacionalistas Galegos (ANG) que se negou a participar na fundación do BNG polas fondas diverxencias políticas entre ambos proxectos e acabou disolvéndose moi cedo afectada polas diferenzas políticas entre os seus membros. Fracasada nese momento a reorganización do nacionalismo revolucionario, sumase ao Comité de Solidariedade con América Latina (COSAL) de Compostela. Tras anos de campañas de solidariedade cos movementos populares de liberación de América Latina abandona o COSAL en 1986 cun grupo contrario á nova liña imposta polos grupos LCR e MC, que fundará a AGAP (Asociación Galega de Amizade con Palestina), de curto traxecto, e o Comité de Solidariedade Internacionalista Fernando Hoyos (CSI Fernando Hoyos) que traballaría especialmente na solidariedade con Guatemala, Sahara e Sudáfrica ata integrarse, anos despois, no refundado COSAL da Coruña.
Vinculado, amistosa e politicamente, a varios dos compañeiros e compañeiras procedentes da purga do 81, é chamado pola recentemente creada Confederación Xeral de Traballadores Galegos-Intersindical Nacional (CXTG-IN) para integrar o seu aparato político na Comisión de Relacións Internacionais, onde asume a responsabilidade das relacións con América Latina dende 1986 ata a fusión coa INTG e a fundación da Converxencia Intersindical Galega (CIG) en 1990. Descontento coa deriva burocrática dada na CXTG-IN dende o seu II Congreso e consolidada no proceso de unificación coa INTG, participa no intento de creación do Sindicato de Traballadores Galegos (STG) que tentaba integrar as esquerdas sindicais de ambas centrais, mais o proceso fracasou pola retirada da xente da INTG vinculada á FPG e, xa en 1994, participa na creación da Confederación Intersindical Galega (CIG).
Pese a non firmar a chamada Posición Soto, e ser o único en votar en contra de ingresar na FPG dentro do seu grupo compostelán, ingresa na mesma ao quedar en minoría, desempeñando varias responsabilidades a nivel comarcal e, en dous períodos, como membro da Dirección Nacional, ata abandonar a organización no ano 2000.
Máis interesado pola loita política que pola medicina abandonara a Facultade de Medicina para matricularse finalmente na Facultade de Xeografía e Historia da mesma Universidade. Licenciado e cos cursos de doutoramento terminados trasladase á Coruña para traballar como profesor nun centro privado.
En decembro de 1998 abandona a CIG para participar na fundación da Central Unitaria de Traballadores (CUT), onde asumirá varias responsabilidades na dirección comarcal do sindicato na Coruña en varios períodos, como titular ou suplente na mesma.
Elixido delegado sindical do colexio privado no que traballa pola CUT, permanece como tal ata que en 2007 aproba as oposicións a Profesor de Ensino Secundario da Xunta de Galicia.
Destinado como profesor en prácticas e despois con destino provisional, desenvolve o seu traballo de profesor de Ciencias Sociais, Xeografía e Historia no IES Pedra da Aguia da Ponte do Porto (Camariñas) no curso 2007-2008 e no IES David Buján de Cambre no 2008-2009.
No ano 2009 é expulsado da CUT xunto a toda gran maioría da afiliación da Comarca da Coruña dentro da serie de purgas realizadas pola dirección da Central que afectara ás zonas de Ferrol-As Pontes, A Coruña e, finalmente Santiago de Compostela, de xeito que participa na fundación e, en varios períodos, dirección da Central Obreira Galega (COG) que, con presenza fundamentalmente na Coruña, e en moita menor medida, en Ferrol e Santiago de Compostela, desenvolve o seu traballo sindical en moi precarias condicións ata que, en febreiro do ano 2015, se integra na CIG.
No 2009 é trasladado ao IES de Pastoriza (Arteixo) no que permanecerá ata que, no ano 2011 é destinado con praza en propiedade no CPI As Revoltas de Cabana de Bergantiños, no que actualmente é xefe do departamento de Ciencias Sociais, Xeografía e Historia.
Historia arquivística
Descoñecida
Alcance e contido
Documentación de organizacións sindicais nacionalistas galegas e do movemento obreiro galego. Tamén de organizacións de solidariedade internacional.
Condicións de acceso
Condicións de acceso
Descrición condicións de acceso:
Documentación de libre consulta, de acordo co art. 57 e 62 da Lei 16/1985 de 25 de xuño, do Patrimonio Histórico Español e o art. 82 da Lei 8/1995 do 30 de outubro, do Patrimonio Cultural de Galicia. Así como polo estipulado no art. 56 e 58 dos Estatutos da Real Academia Galega.
Os documentos que conteñan datos persoais de carácter policial, procesal, clínico ou de calquera outra índole que poidan afectar á seguridade das persoas, ó seu honor, á intimidade da vida privada ou familiar e á súa propia imaxe só poderán ser consultadas nos termos que establece o art. 57.1 c) da Lei 16/1685 de 25 de xuño do Patrimonio Histórico Español.
Documentación relacionada
Existencia e localización de copias
Existencia de copias: No existen copias
Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Xunta de Galicia