A Comisaría do Patrimonio Artístico e Monumental da Zona Noroeste foi creada a través do Decreto do 2 de abril de 1938 para xestionar a defensa e recuperación do patrimonio cultural nunha das nove zonas en que se dividía o territorio español ocupado polas tropas franquistas no contexto da Guerra Civil.
A Comisaría da Zona Occidental tiña a súa sede en León e ademais das catro provincias galegas comprendía tamén as de León, Zamora, Salamanca, Valladolid e Palencia. O Decreto do 8 de marzo de 1940 denominouna "Primeira Zona" e reduce o seu ámbito territorial ás provincias galegas mais Oviedo, León e Zamora. En 1945, o mesmo decreto que nomea a Manuel Chamoso Lamas comisario da Primeira Zona, determina que a súa sede se estableza en Santiago de Compostela.
En 1960 unha nova reorganización eleva a dez o número de zonas. O territorio integrado polas provincias galegas e Zamora constituirá agora a Oitava Zona. Esta división do territorio en "zonas" para os efectos da protección e administración dos bens culturais baseouse na división establecida no regulamento para a aplicación da Lei do tesouro artístico nacional de 1936, que creou seis postos de arquitectos conservadores e outros axudantes (artigo 37) e preveu a creación doutras tantas circunscricións. A figura destes arquitectos remontábase ao Real decreto lei do 26 de xuño de 1926.
A Comisaría de Zona dependía da Comisaría Xeral do Servizo de Defensa do Patrimonio Artístico Nacional, que era unhas das dependencias en que se organizou a Xefatura Nacional de Belas Artes do Ministerio de Educación Nacional no primeiro goberno de Franco. Asumiu todas as funcións que a Lei de patrimonio atribuía ás xuntas superiores e delegadas do Tesouro Artístico. No ano 1969, as comisarías de zona desaparecen como consecuencia da reorganización do Ministerio de Educación e Ciencia, e con ela, a da Comisaría Xeral do Patrimonio Artístico Nacional. A partir dese momento, serán as delegacións provinciais do Ministerio, a través dos conselleiros provinciais de Belas Artes e os arquitectos de zona, as que asuman en principio as funcións que desempeñaban as comisarías.
En 1970 créanse as comisións do Patrimonio Histórico-Artístico nas localidades onde existisen conxuntos declarados; xorden como órganos desconcentrados e dependentes das delegacións provinciais de Educación para a protección dos bens culturais. De acordo co Decreto 287/1960, os arquitectos de zona serán os inspectores xerais das obras realizadas na súa demarcación por orde da Dirección Xeral de Belas Artes; estarán ás inmediatas ordes dos comisarios de Zona, que serán inspectores do Patrimonio Artístico. As comisarías exercían as funcións que a Lei do Tesouro Artístico de 1933 e o seu regulamento de 1936 asignaban á Xunta Superior e delegadas do Tesouro Histórico-Artístico, órganos dependentes da Dirección Xeral de Belas Artes. Entre estas funcións predominaban as relacionadas coa ordenación e co control e inspección do patrimonio cultural da súa demarcación.
Historia archivística
Non consta no Arquivo o ingreso deste pequeno conxunto, pero puido entrar integrado na primeira remesa de documentos procedentes da Delegación Provincial de Educación e Ciencia, no mes de maio de 1972. Con todo, non figura nas relacións de entrega que acompañaron a transferencia nin se menciona na descrición do fondo incluída na segunda edición da Guía do Arquivo do ano 1976.
A Comisaría desaparece no ano 1969 e Manuel Chamoso Lamas, que desempeñara o cargo de comisario durante 24 anos, é nomeado conselleiro provincial de Belas Artes, un órgano con maior dependencia da Delegación Provincial de Educación. Isto aseguraría a continuidade de dirección na acción administrativa sobre o patrimonio cultural; e por outra parte, podería explicar que os expedientes informativos das provincias non galegas, agora carentes de interese administrativo, se remitisen á sede daquela delegación nese ano, aproximadamente, mentres que os restantes permanecían en Santiago, baixo o control de Chamoso.
Alcance y contenido
Esta é unha pequena fracción do fondo orixinal da Comisaría. Comprende unha única serie documental (fracción de serie, en realidade), a de "Expedientes informativos de monumentos e conxuntos histórico-artísticos", referida case na súa totalidade, cunha excepción, a bens culturais situados fóra de Galicia.
Documentación relacionada
Existencia y localización de copias
Existencia de copias:
No existen copias
Unidades de descripción relacionadas
Unidades de descripción relacionadas:
A fracción máis importante do fondo custódiase en Santiago de Compostela, no Arquivo de Galicia. Outra pequena fracción áchase no Museo de Santiago e das Peregrinacións, mesturada co propio fondo do Museo. Finalmente, na Real Academia de Belas Artes Nosa Señora do Rosario, na Coruña, áchanse as fotografías que doou a esta institución a familia de Manuel Chamoso despois do seu falecemento.
Información mantenida y publicada en internet por la Xunta de Galicia