Este fondo abrangue documentación xerada por tres unidades familiares: a casa Xunqueiras dos marqueses de Camarasa, a casa Bendaña e a casa Gasset.
A primeira delas (Xunqueiras) é a máis antiga e a que adquire e consolida o patrimonio, as rendas e as xurisdicións.
A casa Bendaña ten relacións de parentesco e administracións de bens en común coa de Xunqueiras.
Por último, a finais do S. XIX, a casa Gasset adquire as propiedades dos Camarasa e pasa a administrar os seus bens, situados maiormente na zona da Barbanza.
Historia arquivística
Na documentación atopamos referencias á existencia dunha peza habilitada para conter o arquivo da familia Camarasa, coas medidas de seguridade axeitadas (na serie Expedientes de entrega de protocolos notariais, sig. 29387). No ano 1890, o arquivo pasa a mans da familia Gasset, tras comprar Eduardo Gasset o pazo de Xunqueiras.
Alcance e contido
O maior volume documental corresponde á casa Xunqueiras dos Marqueses de Camarasa, cun abano cronolóxico que vai de 1296 ata finais do S. XIX. Podemos atopar información sobre o arquivo, pero fundamentalmente sobre a administración do patrimonio, con series bastante representativas: escrituras notariais (compravenda, foros, ...), libros cobradores e documentación contable e sobre a xurisdición desenvolvida nos seus territorios, sobre todo o relacionado coas veciñanzas, nomeamento de cargos do concello, recrutamento ou normativa.
A documentación da casa de Bendaña é escasa. Consérvanse unicamente series relacionadas coa administración do seu patrimonio, na parte relacionada co patrimonio dos Camarasa. O abano cronolóxico vai de 1585 ata 1881.
Da casa Gasset conservamos case exclusivamente documentación patrimonial, que en xeral continúa a da casa de Camarasa. O período cronolóxico vai de 1890 ata 1960, e case para unha soa persoa, Eduardo Gasset, por ser quen merca as propiedades.
Finalmente, sinalamos que o fondo proporciona escasa información sobre datos de carácter persoal ou xenealóxico das casas que o forman, xa que carecemos de documentos como árbores xenealóxicas, testamentos, partillas, certificados de defunción, de nacemento...
Condicións de acceso
Condicións de acceso
Descrición condicións de acceso:
A documentación é de libre acceso para os cidadáns en xeral.
Normativa:
Documentación pública de titularidade estatal xestionada pola Xunta de Galicia. Ao seren depositados no ARG, os documentos que integran o fondo adquiren a condición de bens de interese cultural, tal e como estipulan, respectivamente, os artigos 50 da Lei 8/1995, do 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia, e o 60 da Lei 16/1985, do 25 de xuño, do patrimonio histórico español. Así, pasan a gozar do réxime de protección establecido por esas normas.
Condicións de reprodución
Condicións de reprodución:
A normativa de aplicación é a que segue:
- Decreto 219/2011, do 17 de novembro, polo que se fixan os prezos públicos e as normas dos servizos de reprodución prestados nos arquivos xestionados pola Xunta de Galicia.
- Orde do 31 de agosto de 2010, pola que se establecen as normas para a consulta e reprodución dos documentos nos arquivos propios e xestionados pola Xunta de Galicia.
Dereitos de Autor
Situación de Dereitos de Autor:
Os deseños que forman parte do fondo son obxecto de propiedade intelectual por parte dos seus autores cando se teña constancia deste dato (art. 1, 4, 14 do Real decreto lexislativo 1/1996, do 12 de abril, de aprobación do texto refundido de propiedade intelectual).
Lingua:
Spanish; Castilian
Galician
Latin
Escritura:
Humanista
Albalaes
Características físicas
Estado de conservación:
Bo
Descrición do estado de conservación:
Basicamente, documentación textual manuscrita en papel e, en menor medida, en pergameo. O estado de conservación en xeral é bo, agás un 5 % da documentación, que precisa ser restaurada.
Documentación relacionada
Existencia e localización de orixinais
Localización de orixinais: Arquivo do Reino de Galicia
Existencia e localización de copias
Existencia de copias: Non existen copias
Unidades de descrición relacionadas
Unidades de descrición relacionadas: No Arquivo do Reino de Galicia: - Complemento importante deste fondo é o da Real Audiencia, onde atopamos un gran número de preitos ou procesos que implicaban as familias. - O fondo de Cornide, cunha árbore xenealóxica da familia. - O fondo de Brandeso, polas relacións que se establecen a partir da compra do pazo de Xunqueiras por esta familia. - Loxicamente, aqueles fondos privados correspondentes a familias que ao longo da súa historia mantiveron algún tipo de relación con esta. Noutros arquivos: - Os fondos familiares custodiados no Arquivo Histórico Nacional, Sección Nobreza, relacionados coas familias integrantes do fondo, como por exemplo os Camarasa. - As series de Fidalguía do Arquivo de Chancelería de Valladolid. - O fondo do Arquivo de Oca. - Todos aqueles arquivos privados pertencentes a familias que nalgún momento establecesen algunha conexión coas ditas familias. - Todos aqueles arquivos públicos nos que algún membro da familia tivera unha participación polas súas funcións.
Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Xunta de Galicia