As obras pías son institucións creadas para fins benéficos ou obras relixiosas. Durante o Antigo Réxime as iniciativas que contaban con recursos económicos implicaban o establecemento dunha fundación, é dicir, a dotación dunha masa patrimonial para un fin que se pretendía que perdurase no tempo. A motivación da maior parte das fundacións é piadosa, xa que se entenden como investimento na salvación da alma. Poden ir desde a encarga de misas e aniversarios pola alma do fundador e a súa familia, ata a construción de capelanías e obras pías: institucións benéfico-asistenciais ou educativas. A súa administración entrégase normalmente a entidades que aseguren a súa perdurabilidade, como congregacións relixiosas, bispos e cabidos, etc. Desta forma quedan vencelladas a elas, pero sen que isto supoña a perda da súa autonomía financeira nin da súa entidade institucional. As obras pías aparecen desde a Baixa Idade Media amosando a capacidade da sociedade do Antigo Réxime para xerar mecanismos de redistribución económica que garantisen a estabilidade social. Segundo a tipoloxía podemos distinguir entre as de esmola a pobres, as de repartimento de dotes a doncelas e orfas ou as benéfico-docentes. As obras de socorro a pobres e as de dotes a orfas coñecen o seu maior esplendor no século XVII. Na seguinte centuria xorden as educativas. As capelanías son unha modalidade de fundación pía que aparece no século XIV. A maior parte son de padroado de leigos, vinculadas a determinadas liñaxes que as usan para colocar membros segundóns da familia. O proceso desamortizador iniciado a finais do século XVIII supuxo o primeiro grande embate contra estas institucións.
Dona Juana Díaz de Lemos fundou unha obra pía para dotar orfas de calquera condición no seu testamento, outorgado o 19 de abril de 1564. O dote recibíase ao contraeren matrimonio as mozas ou entraren nun convento.
A fundación estaba rexida por un padroado no que participaban o corrixidor de Betanzos e o gardián e o prior dos conventos de San Francisco e Santo Domingo de Betanzos, respectivamente.
Historia arquivística
Descoñecemos con detalle a historia do fondo. No Arquivo Municipal de Betanzos hai constancia de que se gardaba no Convento de San Francisco de Betanzos nunha arca de tres chaves. Este arquivo quedou destruído durante a invasión francesa de comezos do século XIX.
Os documentos que conforman o fondo actual deben proceder do Concello de Betanzos e deberon recollerse ou enviarse á Administración de Facenda da Coruña no contexto da venda das súas rendas durante os procesos desamortizadores. Desde a Delegación de Facenda, sucesora da Administración, transferiríanse ao Arquivo do Reino de Galicia a partir de 1970.
Martínez Salazar debeu consultar os seus documentos para elaborar o traballo que publicou sobre a beneficencia en Betanzos. Quizais iso explique que este fondo se achase mesturado co do Colexio de Orfas/Escola de Nenas da mesma cidade.
Notas
Nota á área de identificación
Volume: son tres caixas compartidas
Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia