A xurisdición de Vilamourel conta cun alcalde maior e xustiza ordinaria de seu, mais a dos coutos agregados anexos á casa e torre de Lanzós, e entende en primeira instancia os negocios civís e criminais. Como autoridade máxima nas vilas que non eran cabeza de partido, ademais da súa función xudicial tamén exercía funcións de goberno.
Esta configuración cambia cando entra en vigor o Decreto da Suprema Xunta de Goberno de Galicia do 3 de marzo de 1820, que divide a provincia en 47 partidos e establece un xulgado de primeira instancia en cada un deles. Seguindo co proceso reestruturador, o Decreto do 5 de marzo de 1820 suprime os xulgados ordinarios ou de primeira instancia do foro ordinario e conserva unicamente os de cabeza de partido. Desde o momento en que toman posesión os xuíces dos partidos, cesan os corrixidores, alcaldes, meiriños, xuíces e aqueles que viñan administrando xustiza en primeira instancia.
Pero cando remata o Trienio Liberal, todo volve á situación anterior. Haberá que esperar ata 1834 para que desaparezan coutos e xurisdicións. Así, o Real decreto do 21 de abril dese mesmo ano ordena que cesen todos os alcaldes ordinarios e que os procesos e os expedientes que teñan abertos llelos remitan aos xuíces letrados das cabezas de partido (neste caso, ao de Betanzos).
Historia arquivística
Este fondo ingresou por transferencia o 16 de novembro de 1982. Viña mesturado coa documentación do Xulgado de Primeira Instancia e Instrución de Ferrol, que foi o encargado de transferir ao Arquivo do Reino de Galicia o fondo da antiga xurisdición de Ferrol.
A chegada destes documentos ao Xulgado de Ferrol explícase no expediente de execución do Decreto da Suprema Xunta de Goberno de Galicia do 3 de marzo de 1820 (5143/12). O novo decreto establecía a obriga de construír ou dedicar unha peza para arquivo na capital cabeza de partido; nesa peza debíanse gardar todos os procesos civís e criminais correspondentes ás vilas, xurisdicións e coutos indicados, ademais dos protocolos dos escribáns que falecesen no seu distrito, con formal lista duns e doutros, con expresión do seu estado e foliación (fol. 3). O decreto tamén dispuña, no seu artigo 11 (fol. 6), que unha vez que o xuíz tomase posesión do seu cargo, debía obrigar os escribáns a entregar no xulgado os procesos civís e criminais do seu partido; e os que pertencesen a outro, ao xulgado correspondente.
No couto de Vilamourel traballaba o escribán Pedro Benito Meigide de Laxe, que no ano 1762 aparece como veciño de Ferrol: por isto, é posible que o seu sucesor entregase a documentación en 1820 e que con ela viñesen mesturados estes expedientes xudiciais que debían pasar a Betanzos.
Alcance e contido
Este fondo conta con dúas series documentais: Causas e Preitos
Clase de documento:
Textual
Condicións de acceso
Condicións de acceso
Descrición condicións de acceso:
Acceso libre en xeral.
Condicións de reprodución
Condicións de reprodución:
A reprodución da documentación deste fondo está suxeita ás seguintes disposicións:
- Decreto 219/2011, do 17 de novembro, polo que se fixan os prezos públicos e as normas dos servizos de reprodución prestados nos arquivos xestionados pola Xunta de Galicia.
- Orde do 31 de agosto de 2010, pola que se establecen as normas para a consulta e reprodución dos documentos nos arquivos propios e xestionados pola Xunta de Galicia.
Características físicas
Estado de conservación:
Bo
Documentación relacionada
Existencia e localización de copias
Existencia de copias:
Non existen copias
Unidades de descrición relacionadas
Unidades de descrición relacionadas:
Real Audiencia de Galicia, Audiencia Territorial de Galicia, Real Intendencia de Galicia, Documentación notarial
Notas
Nota xeral
Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia