Os documentos que integran o fondo permiten reconstruír a historia da familia ata comezos do século XVIII. Identifícanse dous núcleos principais: 1. Núcleo da familia Pedrosa. Enlaza coas familias Miranda e Armada, nas que se conserva o título do condado da Torre Penela. 2. Núcleo da familia Pérez Dávila. Enlaza coa familia Casares Gil, notable saga de científicos composteláns, na que destacaron Antonio Casares Rodríguez, José Casares Gil e Antonio Casares Gil.
As liñas de desenvolvemento do parentesco son as seguintes: 1. Núcleo Pedrosa: 1.1. Familia Miranda-Armada (Casa de Vilanova de Arroxo e outras): José María Puga Miranda, conde da Torre Penela casou con Mercedes Armada Guerra. Sen descendencia. Deixan como herdeira a Ramona Luisa Armada. Esta casou con José Miranda. Terán unha filla: Carmen Miranda Armada.
1.2. Familia Pedrosa Miranda. Carmen Miranda Armada casa con Jacobo Pedrosa Ulloa. Teñen varios fillos, entre eles, Juan Pedrosa Miranda.
2. Núcleo Pérez-Dávila: 2.1. Familia Casares: José Casares Becerra casa con Teodora Rodríguez. Teñen un fillo: Antonio Casares Rodríguez (1812-1888).
2.1. Familia Casares Gil. Antonio Casares Rodríguez casa con Jesusa Gil. Teñen varios fillos, entre eles, Concepción Casares Gil e José Casares Gil (1866-1961).
2.2. Familia Pérez-Dávila: Juan José Pérez-Dávila casa con Carmen González Ron Figueroa. Teñen varios fillos, entre eles, Fermín Pérez-Dávila González e Ramón Pérez-Dávila González.
3. Núcleo Pedrosa Pérez-Dávila: 3.1. Familia Pérez-Dávila Casares: Fermin Pérez-Dávila casa con Concepción Casares Gil. Teñen dúas fillas: María e Carmen Pérez-Dávila Casares. En segundas nupcias, Concepción casa co seu cuñado, Ramón Pérez-Dávila. 3.2. Familia Pedrosa Pérez-Dávila. Carmen Pérez-Dávila Casares casa con Juan Pedrosa Miranda. Teñen dúas fillas: Carmen Pedrosa Pérez-Dávila e Concepción Pedrosa Pérez-Dávila, a doadora dunha parte dos documentos.
Historia archivística
Os documentos que constitúen este fondo permaneceron en poder da familia ata o momento do ingreso no Arquivo. Recibíronse en dous momentos e por dúas vías diferentes. En primeiro lugar, adquiriuse por compra un conxunto de 880 fotografías familiares. Dous anos despois ingresaron por doazón dúas unidades de instalación que contiñan documentos de carácter textual.
Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Xunta de Galicia