De acordo cos principios liberais da separación de poderes, a Constitución de Cádiz organizará un poder xudicial independente baseado na igualdade dos cidadáns ante a lei, a unidade de foros e xurisdicións e a simplificación e aplicación automática dos procedementos por parte de xuíces inamovibles e predeterminados. Establécese deste modo unha estrita xerarquización dos órganos xudiciais. No cumio estará o Tribunal Supremo de España e Indias. No chanzo máis baixo, os alcaldes, que actuarán como xuíces de paz e ordinarios. Por riba deles, os xuíces de primeira instancia (de partido), no civil e no criminal, subordinados ás audiencias reais, iguais e independentes entre si. Así, o Decreto da Suprema Xunta de Goberno de Galicia do 3 de marzo de 1820 divide a provincia en 47 partidos e dispón que en cada partido se establecerá un xulgado de primeira instancia.
Seguindo co proceso reestruturador, o Decreto do 5 de marzo de 1820 suprime os xulgados ordinarios ou de primeira instancia do foro ordinario e conserva unicamente os de cabeza de partido. Desde o momento en que toman posesión os xuíces dos partidos, cesan os corrixidores, alcaldes, meiriños, xuíces e aqueles que viñan administrando xustiza en primeira instancia.
Pero a inestabilidade política do primeiro terzo do século XIX impediu o desenvolvemento real da Administración de Xustiza ata o ano 1834, en que se establece a demarcación xudicial, unificándoa coa administrativa, e se crean novas audiencias, iguais en autoridade e facultades (Real decreto do 26 de xaneiro de 1834). Disposición complementada, entre outras, co "Reglamento provisional para la administración de justicia en lo respectivo a la real jurisdicción ordinaria” (Real decreto do 26 de setembro de 1835). Dentro da "real xurisdición ordinaria" achábanse os xulgados de partido, circunscricións en que se divide todo o territorio español, que estarían a cargo de "xuíces letrados de primeira instancia" únicos para a súa demarcación para as "causas civís e criminais" (artigo 36). Este deseño conceptual e organizativo perdurará basicamente ata a actualidade. Plásmase así, por exemplo, noutras disposicións posteriores, como o Real decreto de 1 de maio de 1844 ou na Lei orgánica do Poder xudicial de 1870. Pero non será ata a promulgación da Lei adicional á Orgánica do Poder xudicial de 14 de outubro de 1882 que se consolide a denominación actual de "Xulgados de Primeira Instancia e Instrución". Esta lei estableceu que naqueles lugares onde houbese necesidade, pola súa poboación, de crear máis dun xulgado, numeraríanse de forma correlativa. Ao número seguiríalle o nome da localidade. (No entanto, os xulgados denominaranse inicialmente polo nome do distrito municipal onde se atopasen). Con esta denominación e carácter mantivéronse practicamente sen cambios ata que o Decreto 2.160/1973, do 17 de agosto, atribuíu a xulgados distintos as xurisdicións civil e penal, e creou así xulgados de 1ª instancia por un lado, e de instrución, por outro. Os xulgados de primeira instancia e instrución eran órganos unipersonais que coñecían en primeira instancia en materia civil e tiñan facultade de instrución no criminal. Ademais, reciben en apelación os asuntos dos xuíces inferiores (xulgados municipais, comarcais e de Paz). Poden intervir tamén en cuestións disciplinarias do persoal xudicial baixo a súa xurisdición e na resolución de cuestións de competencia.
O Real Decreto do 21 de abril de 1834 ordenou o cesamento dos alcaldes ordinarios das vilas e a remisión dos procesos e expedientes en que estivesen entendendo aos xuíces letrados das cabezas de partido, neste caso ao de Ferrol.
Por este decreto, pasan a formar parte do partido de Ferrol os concellos de Ferrol, Moeche, Narón, Neda, San Sadurniño, Serantes, As Somozas e Valdoviño.
Pero o xulgado de primeira instancia comeza a traballar a partir do 1 de novembro de 1835, cando o gobernador da cidade pasa ser xuíz de primeira instancia interino, mentres non se incorpora o xuíz titular, que o fará en decembro.
Historia archivística
Este fondo ingresou por transferencia o 16 de novembro de 1982, procedente do Xulgado de Primeira Instancia e Instrución de Ferrol, encargado de transferir ao Arquivo do Reino de Galicia a documentación da antiga xurisdición de Ferrol.
A chegada dos fondos doutras xurisdicións ao Xulgado de Ferrol está documentada no “Expediente sobre a incorporación de parroquias do partido xudicial de Ferrol e razón dos asuntos civís e criminais que se van recibindo, e escribáns que os recollen ou que por ser orixinarios os reteñen no seu poder para a súa continuación” (5.207/20). Cumpríanse así as disposicións do Real decreto do 21 de abril de 1834: que cesasen todos os alcaldes ordinarios das vilas e que lles remitisen aos xuíces letrados das cabezas de partido todos os procesos e expedientes que tivesen abertos.
As transferencias máis recentes das que temos constancia obedecen á Real orde do Ministerio de Graza e Xustiza do 27 de novembro de 1845 máis as providencias da Audiencia Territorial e do propio xuíz de primeira instancia de Ferrol. Así vemos como, entre os anos 1846 e 1863, no Arquivo do Concello de Ferrol fóronse recollendo as notas de todos os notarios defuntos, expedientes xudiciais ou protocolos.
Alcance e conteúdo
Clase de documento:
Textual
Condiciones de acceso
Condiciones de acceso
Descripción condiciones de acceso:
Acceso libre en xeral.
Condiciones de reproducción
Condiciones de reproducción:
A reprodución da documentación deste fondo está suxeita ás seguintes disposicións:
- Decreto 219/2011, do 17 de novembro, polo que se fixan os prezos públicos e as normas dos servizos de reprodución prestados nos arquivos xestionados pola Xunta de Galicia.
- Orde do 31 de agosto de 2010, pola que se establecen as normas para a consulta e reprodución dos documentos nos arquivos propios e xestionados pola Xunta de Galicia.
Lengua:
Spanish; Castilian
Características físicas
Estado de conservación:
Bo
Documentación relacionada
Existencia y localización de copias
Existencia de copias: Non existen copias
Unidades de descripción relacionadas
Unidades de descripción relacionadas: Real Audiencia de Galicia, Audiencia Territorial de Galicia, Real Intendencia de Galicia, Xulgado da vila de Ferrol e da Graña, Subdelegación de Rendas de Ferrol, Xulgado de Guerra e Mariña, Documentación notarial
Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Xunta de Galicia