Audiencia Territorial da Coruña (España). (1834 - 1989)
1.5 Otras formas del nombre:
Real Audiencia da Coruña. (1834-1870)
2. Área de descripción
2.1 Fechas de existencia:
1834 - 1989
2.2 Historia/Descripción:
A Audiencia Territorial da Coruña, sucesora da Real Audiencia da Coruña, nome que conservará ata 1870, creouse polo Decreto do 26 de xaneiro de 1834 e perdurará ata 1989, ano no que foi substituída polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.
O decreto de 1834 inaugura, no contexto da consolidación do Estado liberal-burgués, un proceso de cambio radical na organización xudicial e no réxime xurídico dos tribunais e dos xulgados: eríxense novas audiencias, delimítanse os territorios da súa demarcación e establécese a igualdade en autoridade e facultades de todas elas. Así, esta e outras normas que a sucederon, trataron de harmonizar a organización e as funcións das audiencias cos principios da doutrina da separación de poderes, a igualdade ante a lei, a unidade de foros e xurisdicións e a simplificación e aplicación automática dos procedementos por parte de xuíces inamovibles e predeterminados. Establécese deste modo unha estrita xerarquización dos órganos xudiciais de acordo co modelo da Constitución de Cádiz. No cumio estará o Tribunal Supremo de España e Indias. No chanzo máis baixo, os alcaldes, que actuarán como xuíces de paz e ordinarios.
De acordo con este esquema, a Audiencia Territorial da Coruña era o tribunal superior do territorio das novas catro provincias galegas. Como sucedía coa súa antecesora, a Real Audiencia de Galicia, organizarase en tres salas: unha do criminal e dúas do civil. Estará presidida por un rexente a quen se coloca, por Real decreto do 5 de xaneiro de 1844, á fronte dunha Xunta Gobernativa, composta ademais polos presidentes de sala e os fiscais, coa finalidade de "resolver todos os negocios que ata agora foron competencia da Audiencia Plena".
O artigo 58 do Regulamento provisional de 1835 establece as súas funcións, entre as que se poden mencionar, entre outras:
- Coñecer en segunda instancia, "e tamén en terceira cando o admita a lei", das causas civís e criminais que os xuíces de primeira instancia do seu distrito lle remitan en apelación ou en consulta.
- Coñecer en primeira e segunda instancia das causas que se formen contra os xuíces inferiores do seu territorio por culpas ou delitos relativos ao exercicio do ministerio xudicial.
- Coñecer dos recursos de nulidade e dos recursos de forza.
Coa Lei provisional sobre organización do poder xudicial do 15 de setembro de 1870 rematarase de acomodar a organización xudicial aos principios do réxime liberal establecidos na Constitución de Cádiz. Esta lei compleméntase, xa baixo os presupostos políticos da Restauración, coa Lei adicional á orgánica do poder xudicial (Real decreto do 14 de outubro de 1882), modificada polo Real decreto do 16 de xullo de 1892 e coa Lei de orzamentos do 5 de agosto de 1893. A Audiencia organizarase agora nunha Sala de Goberno, unha do Civil e outra do Criminal.
En 1892 suprímense as 46 audiencias do criminal creadas pola Lei adicional á orgánica do poder xudicial de 1882. As restantes, incluídas as salas do criminal das audiencias territoriais, pasarán a denominarse audiencias provinciais. A Lei orgánica de 1870 fixou as competencias que en materia civil e penal lles correspondían ás audiencias territoriais para acomodalas á nova planta. As novidades con respecto ao regulamento son substanciais no criminal, ao establecerse a única instancia, o xuízo oral e público para determinadas causas e a intervención do xurado para aquelas en que as leis sinalasen penas máis graves. Non obstante, a Lei adicional de 1882 suprimirá a mención a esta última institución.
En materia de procedementos, os cambios producidos ao longo do século XIX foron, se cadra, aínda máis radicais. Enmarcadas no vasto proceso de codificación iniciado no ano 1843, as leis de axuizamento civil, do 3 de febreiro de 1891, e sobre todo, de axuizamento criminal, do 24 de febreiro de 1882, significarán a ruptura definitiva coas prácticas procesuais do Antigo Réxime. Coa constitución do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia o 23 de maio de 1989, desaparece a Audiencia Territorial. Este proceso, desenvolvido segundo as previsións da Constitución de 1978, iniciouse coa Lei orgánica do poder xudicial do 1 de xullo de 1985.