A fotografía aérea e o Catastro

A utilización da técnica da fotografía aérea incidiu en primeiro lugar na substitución da realización dos deseños a man alzada das parcelas por ampliacións das fotografías aéreas durante o período do Avance catastral previsto na Lei de 1906. Esta, aínda que foi substituída por outra durante a Ditadura de Primo de Rivera (1923-1929), recuperouse novamente durante a República e o franquismo.

A realización de voos sistemáticos sobre o territorio de cada concello plasmouse no fotografado a escala da superficie de cada municipio. Así, as ampliacións das fotografías resultantes, convenientemente numeradas e distribuídas en relación cos diferentes polígonos topográficos, ofrecen, en conxunto, unha imaxe fiel daquel, tal e como podemos observar na imaxe deste plano correspondente ao concello da Baña:

 

Desta forma, a obtención das fotografías aéreas a escala con referencia a cada polígono facilitaba a realización dos “traballos agronómicos” de identificación e descricións das características das parcelas dentro de cada polígono, tal e como vemos, por exemplo, na fotografía 11-B-Bis do Catastro da riqueza rústica do Concello da Baña.

Aínda que xa en 1923 se iniciaran os estudos de viabilidade para implantar a fotografía aérea nos traballos catastrais, será a Lei de 9 de agosto de 1932 a que promoveu esta técnica de forma decidida para a identificación das parcelas e subparcelas. Esta norma autorizaba ao Ministerio de Facenda para abrir un concurso entre empresas nacionais  que facilitasen as fotografías. No entanto, o Decreto de 16 de febreiro de 1933 establecerá que

“los trabajos relativos a la obtención de fotografías aéreas y los de ampliaciones puestas a escala con aplicación al Avance catastral serán realizados por los organismos oficiales del Estado.”

Para estes efectos, a Dirección de Aeronáutica organizaría os voos para obter as fotografías mentres que sería a Dirección do Instituto Xeográfico, Catastral e de Estatística a que lle proporcionara as cámaras fotográficas que aquela necesitase.

Unha Orde do 4 de outubro de 1935, que desenvolvía o Decreto do 28 de setembro dese ano sobre reorganización dos servizos de Facenda, establecía un Servicio de Vuelos y Fotografía, que se encargaría de todos os traballos necesarios para a obtención das fotografías do terreo en coordinación cos servizos de Valoracións Agrícola e forestal.

Esta norma detalla o revelado das películas e a obtención de copias positivas, que serían recibidas por unha Comisión receptora encargada da distribución e envío das fotografías aos servizos provinciais.

Por fin, finalizada a Guerra Civil, a Lei de 20 de decembro de 1952 apostou decididamente pola fotografía aérea “por su baratura y aun  por su perfección técnica” para establecer o catastro da riqueza rústica “en todo el territorio nacional en un plazo breve”. En consecuencia, autorizaba ao Ministerio de Facenda para adquirir fotografías aéreas do terreo ou fotogrametrías ata un límite de tres millóns de hectáreas anuais ata rematar o Catastro en todas as provincias.