O Catastro parcelario da década dos anos de 1950

 

O Catastro parcelario dos anos da década de 1950 é o antecedente inmediato do actual. Realizouse e implantouse lentamente en España desde 1896 ao longo da primeira metade do século XX. Finaliza aproximadamente arredor do ano 1960, despois de tomar un grande impulso entre 1944 e 1959. Este avance consolidouse en boa medida pola necesidade do Estado de ampliar e racionalizar a súa recadación fiscal e grazas tamén á utilización da fotografía aérea como medio para cartografar de forma xeral o territorio, tralas primeiras experiencias con esta técnica desenvolvidas desde 1933, logo paralizadas pola Guerra Civil.

A conclusión do Catastro parcelario viña, pois, colmar un vello anhelo ilustrado de racionalizar a recadación tributaria mediante a creación dun imposto directo e obxectivo sobre a riqueza dos contribuíntes. De forma paradoxal e tras moitos atrancos, dificultades políticas, técnicas e financeiras, o seu remate chegou cando xa estaban a cambiar as bases que fundamentaban o conxunto da riqueza en España, na que a renda agraria diminuiría relativamente a súa importancia no conxunto da economía.

Este Catastro tiña unha finalidade  basicamente fiscal, se ben compartida con outras, tal e como se establece no artigo 1º da Lei do 23 de marzo de 1906, que sentou as bases para a súa implantación posterior:

“El Catastro parcelario de España tendrá por objeto la determinación y representación de la propiedad territorial en sus diversos aspectos, con el fin de lograr que sirva eficazmente para todas las aplicaciones económicas, sociales y jurídicas, con especialidad para el equitativo reparto del impuesto territorial, y  en cuanto sea posible, para la movilización del valor de la propiedad”

Dunha forma intelixente, esta lei daba prioridade á realización do denominado Avance catastral, con esa finalidade fiscal, ademais de estatística, económica e administrativa, sobre o Catastro parcelario, que debería consolidar o coñecemento sobre a realidade parcelaria da superficie catastrada, con eses mesmos fins, ademais dos “de orde xurídica e social” (artigo 2º do regulamento da Lei -Real decreto de 23 de outubro de 1913-).

A lei de 1906 creou tamén a contribución territorial sobre a riqueza rústica, por unha banda, e sobre a riqueza urbana, por outra, antecedente directo do actual Imposto sobre os Bens Inmobles (IBI).

Esa contribución veu substituír á antiga contribución de inmobles, cultivo e gandería, establecida no ano 1845, que se recadaba por un sistema de cotas fixas, en vez de tomar en conta a riqueza obxectiva de cada propietario. As cotas repartíanse polo Estado entre as provincias e estas entre os diversos concellos. Pola súa vez, estes valíanse dos amillaramentos (valoración en “millares”) para repartir as cotas entre os propietarios.

A lentitude na realización dos avances catastrais, que incluían ata a década dos anos de 1930 o levantamento planimétrico manual do territorio, explica a subsistencia do sistema de amillaramento ata a definitiva implantación do Catastro na década de 1950.