No Antigo Réxime, o cárcere tiña a función de reter o detido ata que se emitira a sentenza, é dicir, funcionaban como prisións preventivas. Raramente eran lugar de castigo. A privación de liberdade non é considerada unha pena ata o século XIX, sobre todo a partir do Código Penal de 1848. As penas, na Idade Moderna eran corporais, pecuniarias, presidios arsenais, presidios africanos e traballos en obras públicas, minas e galeras. Nesa etapa, os cárceres eran de atribución municipal e ao seu fronte había un alcaide. Para o pensamento liberal, estaba claro que todo o sistema penitenciario debía ser sufragado e dirixido polo Estado, pero os cárceres de partido seguiron a cargo de concellos e deputacións todo o século XIX. Como isto lles supoñía custos e funcións que sentían como impropios, boicotearon todos os intentos de reforma, que non levaban aparellado financiamento, e así é como se mantivo a penosa situación carceraria herdada do Antigo Réxime. Polo Real Decreto de 21 de abril de 1834, prodúcese a división en partidos xudiciais. Dende a creación dos xulgados de primeira instancia e instrución aparecen os cárceres de partido, que constitúen unha reclasificación funcional dos vellos cárceres municipais. Estas institucións seguirán sendo o lugar de retención dos presos en espera de sentenza e de cumprimento de pequenas penas de arresto (ata 6 meses), e correccionais en grado baixo (ata 2 anos). Por debaixo destas prisións, estaban os depósitos municipais, nos que, ademais da detención ata o traslado ao cárcere do partido, podían cumprirse penas de arresto menor (dun día a un mes). A Lei de 1849 establece que o nomeamento de alcaides compete ao goberno a proposta do gobernador civil.
Historia archivística
Esta documentación chegou ao Arquivo Histórico Provincial de Lugo mesturada coa da Prisión Provincial de Lugo, doutras prisións de partido e dos destacamentos penais do Courel e Toiriz en dúas ocasións. A primeira parte, que contén toda a documentación administrativa, foi recollida polo arquivo en 1989 tras aparecer abandonada no edificio do antigo cárcere do partido de Lugo. Probablemente quedou tralo traslado da prisión a Bonxe debido ao seu deficiente estado de conservación. Posteriormente, no ano 2003, o Centro Penitenciario de Bonxe transferíu 220 caixas de expedientes procesuais de penados, tanto da Prisión Provincial como das de partido.