A Liga Gallega constitúese na Coruña o 31 de outubro de 1897. A primeira xunta directiva elixiuse na Xunta Xeral do 4 de xaneiro de 1898. Nela designouse a Salvador Golpe como presidente e a Manuel Murguía como Presidente de Honra. Tiña a súa sede na Librería Regional de Uxío Carré. Á cabeza do seu organigrama estaba a Xunta Xeral de socios, se ben a xestión recaía na Xunta Directiva, formada polo Presidente, o Secretario e o Tesoureiro, xunto a varios vocais. Ademais tivo correspondencias para afiliados que non residían na Coruña. Estes tiñan dereitos limitados e que só exercían cando estaban na vila herculina. Nos seus estatutos establecíanse como obxectivos da sociedade a "defensa dos intereses moraes, materiaes, políticos, económicos e sociaes de Galicia". No artigo 3º do seu regulamento establece o galego como "idioma oficial" da organización. Despois do impulso do seu comezo a Liga caeu na atonía e a actividade rexionalista estivo moi reducida. No comezo a xunta directiva reúnese con frecuencia, cinco veces no primeiro semestre de 1898. Pero desde xullo non temos constancia de ningunha outra sesión ata a asemblea xeral de xaneiro de 1899, na que se renova a directiva, que pasa a estar presidida por Waldo Álvarez Insua. Logo a directiva xúntase catro veces ata o 20 de novembro. Desde entón non hai máis reunións ata a xunta xeral do 21 de agosto de 1906 que é a última xuntanza recollida no libro de actas. Polo que toca á súa actividade pública esta centrouse na propaganda das súas ideas e que os seus integrantes fixeron na prensa ou mediante conferencias, especialmente nas follas da "Revista Gallega" que foi o seu voceiro oficial. Tamén organizaron varios actos públicos como o do 23 de abril de 1899, celebrado en Carral en homenaxe aos fusilados en 1846. Logo, en 1904 constrúese no mesmo Carral un monumento dedicado a eles, grazas a subscrición aberta na "Revista Gallega" en 1898 e organizada pola propia Liga. Despois de meses de inactividade, en setembro de 1907 convocouse unha xunta da que non temos máis noticias. Despois desta convocatoria pódese dar por finalizada a actividade da Liga Gallega.
Descoñecida.
Descripción de la forma de ingreso: Descoñecida.
Fundamentalmente a documentación componse da correspondencia recibida e copias da correspondencia remitida pola organización, xunto do seu libro de actas. Cronoloxicamente estes documentos abarcan todos os anos de vida da Liga, se ben a maior parte deles pertencen aos anos de 1897 a 1900, momento de maior actividade da sociedade. Ademais destes documentos tamén se conserva o manuscrito do seu regulamento, papelería corporativa, un libro de gastos (con só dúas follas escritas) e un expediente sobre a subscrición e construción do monumento aos mártires de Carral de 1846.
Pola escasez de documentación non se estableceron niveis superiores aos das series: 1 Libros de actas 2 Correspondencia 3 Normativas 4 Papelería corporativa 5 Contas 6 Expedientes de actividades
Documentación de libre consulta, de acordo co art. 57 e 62 da Lei 16/1985 d e 25 de xuño, do Patrimonio Histórico Español e o art. 82 da Lei 8/1995 do 30 de outubro, do Patrimonio Cultural de Galicia. Así como polo estipulado no art. 56 e 58 dos Estatutos da Real Academia Galega.
No existen copias
Descrición de documentos e inventario /Mercedes Fernández-Couto Tella (ARAG) Instalación e descrición do fondo : Jacobo Manuel Caridad Martínez 2008) Traballos realizados baixo a dirección de: Mercedes Fernández-Couto Tella