Ramón Otero Pedrayo (Ourense, 1888 - 1976). Naceu no seo dunha familia adiñeirada e culta. Foi o único fillo de Enrique Otero Sotelo, médico de ideoloxía política liberal, e Eladia Pedrayo Ansoar, filla do prestixioso avogado ourensán Ramón Mª Pedrayo Silva, alcalde desta cidade en 1860. Ramón Otero Pedrayo é considerado o patriarca das letras galegas. Foi ensaista, narrador, poeta, historiador, xeógrafo, orador… . É unha figura senlleira da cultura galega, pola súa contribución literaria e humanística tanto coma pola súa personalidade e polo seu compromiso galeguista. Foi membro da chamada Xeración ou Grupo Nós, entre os que estaban Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, Vicente Risco, Antón Losada Diéguez, Florentino López Cuevillas, e outros. Este grupo xurdiu arredor da revista homónima (Nós), aparecida en Ourense en 1920 e publicada ata o comezo da Guerra Civil en España (1936). A revista fundouse nun ideario de compromiso galeguista inserido na modernidade, co uso da lingua galega como eixe de manifestación da cultura propia, a conexión coa Europa de vangarda, e a defensa da indentidade nacional de Galicia.
Ramón Otero Pedrayo fai os estudos primarios e secundarios na súa cidade natal con brillantez. Despois estudou as carreiras de Dereito e Filosofía e Letras en Madrid. En 1911 volta a Ourense coas dúas carreiras rematadas e comeza a súa incesante actividade dinamizadora da cultura, vinculándose á formación do Ateneo (1914) e á revista La Centuria. Revista Neosófica (1917), na que colaborarán Primitivo R. Sanjurjo, Arturo Noguerol Buján, Vicente Risco, ou Florentino L. Cuevillas; nela publica Otero os seus primeiros artigos. En 1920 apareceu a revista Nós, núcleo cultural do galleguismo anterior á Guerra Civil. Ao longo da súa vida Otero Pedrayo publicará en multitude de publicacións periódicas.
Esta actividade dinamizadora vai parella ao seu desenvolvmento profesional. En 1919, tras diversos intentos, consigue aprobar as oposicións de profesor de instituto, sendo destinado primeiro a Burgos e despois, por permuta, a Santander. En 1921 convértese no catedrático de Xeografía e Historia do Instituto de Ourense onde fixo os seus estudos. Pouco despois, en 1923, casa con Josefina Núñez Bustamante, natural de San Vicente de Toranzo, no Val do Pas.
En 1924 a súa novela curta Pantelas, home libre gaña o premio convocado polo Seminario de Estudos Galegos con motivo da Festa da Lingua Galega; é o comezo dunha extensa obra literaria. Un ano despois (1925) ingresa no Seminario de Estudos Galegos, institución creada co fin de coñecer e divulgar o patrimonio cultural de Galicia; fíxoo coa lectura dun traballo titulado Síntesis xeográfica de Galicia (1926). A súa vinculación co galeguismo intelectual lévao a ingresar en 1929 na Real Academia Galega, cun discurso titulado Romantismo, saudade e sentimento da raza e da terra en Pastor Díaz, Rosalía de Castro e Pondal (1931), contestado por Vicente Risco. Outro fito na súa actividade intelectual é a defensa (1936) da súa tese de doutoramento na Facultade de Filosofía e Letras de Madrid: Los orígenes de la Galicia moderna.
En 1928 a editorial Nós publica Os camiños da vida, a primeira gran novela do escritor e obra esencial da literatura galega contemporánea, que retrata o cambio social que propiciou o ascenso da burguesía e a caída da vella fidalguía. Dous anos despois aparece na mesma Arredor de si, novela de aprendizaxe que narra a transformación de Adrián Solovio, o protagonista, desde o individualismo ao compromiso co ideario galeguista. A novela, era, según Vicente Risco, o retrato xeracional do grupo Nós.
Ramó Otero Pedrayo desenvolveu tamén unha importante actividade política, cercana ao compromiso galeguista das Irmandades da Fala nas décadas de 1910 e 1920; ata chegar a obter a acta de deputado polo Partido Nazonalista Repubricán d´Ourense para as Cortes constituíntes do ano 1931. No Parlamento de Madrid defenderá, xunto a Castelao e Ramón Suárez Picallo, un modelo federal, na procura da autonomía de Galicia. Nese ano funda con outros o Partido Galeguista, no que se mantivo a pesar do laicismo ideolóxico que defendía, contrario ao catolicismo conservador de Otero, que permaneceu fiel ao proxecto galeguista. Otero participou da principal conquista política galeguista daquela, o Estatuto de Autonomía para Galicia, plebiscitado polo pobo galego o 28 de xuño de 1936.
O triunfo do chamado bando nacional tras a Guerra Civil fixo que, a pesar da súa defensa previa da confesionalidade católica do Estado, fose expedientado e apartado da súa cátedra do instituto ata a súa restitución no posto no ano 1948. Son anos difíciles dende o punto de vista económico, tendo que vivir das rendas xeradas polas terras de Trasalba, e da venda do patrimonio familiar. A súa escrita tivo que abandonar obrigadmante o galego, polo que sinou con pseudónimo o que saía en castelán. A partir de 1947 cos seus artigos do Parladoiro aparecidos no xornal compostelán La Noche comeza a recuperar a escrita en galego de modo progresivo. Ese ano viaxa a Bos Aires, onde se reencontra con vellos amigos, entre eles Castelao. Desde alí dirixe a edición dos tres volumes da Historia de Galiza, ambicioso proxecto patrocinado por Manuel Puente.
En 1950 supera a oposición que o converterá en catedrático de Xeografía e Historia na Universidade de Santiago de Compostela. Es ano participa na creación da Editorial Galaxia, núcleo intelectual de resistencia do galeguismo durante a ditadura de Franco e crisol da cultura literaria e científica galega da segunda metade do século XX. Otero será o primeiro presidente. Son anos de ledicia vital, coas clases universitarias, a actividade literaria e o pulo do galeguismo. En 1958 xubílase da cátedra universitaria arroupado multitudinariamente na súa última disertación, titulada Unha visión xeral de Galicia.
Os anos finais da súa vida estiveron marcados por unha intensa vida intelectual, a través de conferencias, artigos e obras literarias; entre as que podemos citar O señorito da Reboraina, El padre Feijoo. Su vida, doctrinas e influencias ou O espello no serán. Entre o Pedroso e o Viso.
Ramón Otero Pedrayo faleceu o 10 de abril de 1976, na súa casa da rúa da Paz. Tivo un funeral multitudinario, honrado pola súa cidade, pola intelectualidade galega e por moitas persoas chegadas de toda Galicia para despedilo. No ano 1988 a Real Academia Galega dedicoulle o Día das Letras Galegas.
Historia archivística
O fondo de Ramón Otero Pedrayo
Condiciones de acceso
Condiciones de reproducción
Condiciones de reproducción:
Xerais
Documentación relacionada
Existencia y localización de originales
Localización de originales: A Fundación Penzol de Vigo é a legataria da documentación persoal de Otero Pedrayo
Existencia y localización de copias
Existencia de copias: No existen copias
Unidades de descripción relacionadas
Unidades de descripción relacionadas: Os fondos doutros intelectuais galegos (Ferro Couselo, Risco, Xocas, ...).
Correspondencia co presidente da Diputación (caixa 9190).
Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Xunta de Galicia