Por Real cédula do 3 de agosto de 1480, iniciouse un proceso gradual de creación e formalización da Real Audiencia de Galicia que se recoñece oficialmente como tal cara 1514.
Conformada como tal a principios do século XVI, a Real Audiencia irá perfilando a súa estrutura orgánica e competencias como tribunal de xustiza e órgano de goberno do Reino por sucesivas ordenanzas.
Nesta época está presidida por un gobernador-capitán xeneral e organízase en dúas salas, con competencia en asuntos civís e criminais. Cada unha delas conta con 4 alcaldes maiores e ten asignadas dúas escribanías de asento (a Sala Primeira, Gómez e Pillado; a Segunda, Fariña e Figueroa).
En outubro de 1760 créase a Sala do Criminal e dótase de 3 alcaldes maiores e dúas escribanías (Taboada e Valado) Entre 1566 e 1587 o gobernador é substituído por un rexente. Suprimida esta figura na última data indicada, restitúese no ano 1726, pero esta vez para coexistir coa de gobernador. Gobernador /rexente e alcaldes maiores conformaban o Real Acordo, o órgano de Goberno da Audiencia
Como tribunal real con xurisdición en todo o territorio de Galicia, as competencias da Real Audiencia incluían o coñecemento en 1ª instancia no termo da súa residencia e en cinco leguas á redonda (que serán 8 a partir da creación do Xulgado de Provincia en 1760) así coma nos casos de Corte. En apelación, a Audiencia coñecía das de todos os procesos civís, criminais e de goberno das xustizas do reino e das sentenzas ditadas polos seus xuíces no espazo das cinco leguas. As sentenzas da Real Audiencia eran apelables ante a Chancelería de Valladolid. Nos preitos civís, o límite, fixado inicialmente en 10 000 marabedís, elévase progresivamente, ata acadar 1 000 ducados de ouro en 1580. No criminal, aínda que nun principio podía apelarse das sentenzas de mutilación de membros ou desterro de dez anos en diante, finalmente restrinxiuse a apelación aos casos de pena de morte. Contaba ademais a Audiencia de Galicia, a través do Real Acordo, con amplas facultades en materia gobernativa en todo o Reino.
O Decreto de 26 de xaneiro de 1834 —que crea novas audiencias, establece cadanseu territorio e sinala a igualdade en autoridade e facultades de todas elas— inaugura un proceso de mudanza radical do réxime xurídico destes tribunais en consonancia co resto das normas que por estes anos contribuíron a liquidar o Antigo Réxime e por tanto considérase que puxo fin a esta institución.