O fondo de Sanidade Provincial custodiado no Arquivo do Reino de Galicia cínguese ao século XX, en concreto ao período comprendido entre 1917 e 1985. Na súa evolución atopamos catro institucións diferentes, aínda que basicamente coas mesmas funcións.
Así, atopamos en primeiro lugar a Inspección Provincial de Sanidade, creada xa en 1903, e que é substituída no 1939 pola Xefatura Provincial de Sanidade. Ambas encádranse a nivel central no Ministerio da Gobernación. Un cambio importante prodúcese coa creación do Ministerio de Sanidade e Seguridade Social no ano 1977, xa que ademais dun cambio de denominación da institución provincial (Delegación Territorial do Ministerio de Sanidade e Seguridade Social ), hai un aumento de atribucións, xa que asume as da Seguridade Social. O segundo cambio importante vén dado polo establecemento do Estado das autonomías: coas leis de traspaso de competencias á Xunta de Galicia de 1980, no eido da sanidade o Estado conserva case exclusivamente a función de Sanidade Exterior, desenvolvida a nivel provincial pola Dirección Provincial do Ministerio, que agora se denomina de Sanidade e Consumo.
A Xefatura Provincial de Sanidade, como institución que encadra os servizos provinciais de sanidade, aparece fugazmente no ano 1935: nalgúns decretos recibe esta denominación a Inspección Provincial. Con todo, a súa creación definitiva concrétase na Orde do 30 de setembro de 1939, do Ministerio da Gobernación, de reorganización das xefaturas provinciais de Sanidade, antes inspeccións provinciais.
As inspeccións, antecesoras das xefaturas, aparecen por primeira vez coa Instrución xeral de Sanidade Pública do 12 de xaneiro de 1904, que establece un inspector de Sanidade en cada provincia.
A Lei de coordinación sanitaria de 1934 establece un organismo administrativo en cada provincia: a Mancomunidade de Municipios da Provincia, baixo a dirección técnica do inspector provincial. A Inspección Provincial de Sanidade é o órgano coordinador de todas as actividades sanitarias desenvolvidas nas provincias e correspóndelle a dirección dos institutos provinciais de Hixiene, nos que quedan refundidas todas as actividades de carácter técnico: o Decreto do 31 de xullo de 1931 reorganiza os Institutos Provinciais de Hixiene.
No tocante á sanidade exterior, temos unha organización paralela, dado que non se incorpora á estrutura provincial da sanidade interior ata a creación das xefaturas provinciais. A Orde do 30 de setembro de 1939, que crea as xefaturas provinciais, reorganiza tamén as súas seccións (Sección Técnica e Sección Administrativa) e inclúe dentro da Sección Técnica a Sanidade Exterior; os directores de estacións sanitarias pasan a depender da Xefatura Provincial de Sanidade. A estrutura anterior ten importancia xa que a xefatura é herdeira das funcións e da documentación da Inspección de Sanidade e das direccións de sanidade dos portos. Os órganos para a execución da función técnico-sanitaria son os institutos provinciais de Sanidade, antes denominados institutos provinciais de Hixiene, baixo a dirección do xefe provincial de Sanidade.
A organización dada por esta Orde ás xefaturas mantense practicamente sen cambios ata a súa desaparición, no ano 1977, coa creación das delegacións territoriais do Ministerio de Sanidade e Seguridade Social (Real decreto 1918/1977, do 29 de xullo).
A Lei de bases para a organización da Sanidade do 25 de novembro de 1944 non cambia o esquema: os servizos sanitarios provinciais estarán a cargo da organización sostida pola Dirección Xeral de Sanidade (as xefaturas), as deputacións provinciais e as mancomunidades sanitarias. Mantense o principio da xefatura única en cada provincia, insistindo en que a sanidade é única e que ningunha das súas actividades pode ser desarticulada.
Sen prexuízo das atribucións dos gobernadores civís (representantes do Goberno en cada provincia), os xefes provinciais de Sanidade actuarán como delegados permanentes da Dirección Xeral de Sanidade, vixiarán o cumprimento das disposicións de carácter sanitario e ordenarán todos os servizos sanitarios da súa xurisdición.
Os institutos provinciais de Sanidade seguen a exercer a función técnico-sanitaria nas provincias baixo a dirección do xefe provincial de Sanidade.
En cada provincia haberá unha Mancomunidade Sanitaria de Municipios coa finalidade principal de pagar aos funcionarios sanitarios que non perciban os seus haberes polo presuposto xeral do Estado, ademais de soster os institutos provinciais de Sanidade.
Nas normas reguladoras posteriores, de organización ou reorganización dos servizos a nivel central, non se producen cambios na estrutura provincial. Se cadra, o cambio máis significativo neste período vén dado polo Decreto 2149/1967, do 19 de agosto, que suprime as mancomunidades sanitarias de municipios e os institutos provinciais de Sanidade. As funcións das mancomunidades serán realizadas directamente polos concellos, mentres que as dos institutos serán asumidas polas xefaturas; en ambos os casos, o seu patrimonio pasará a ser propiedade do Estado e quedará adscrito ao Ministerio da Gobernación.
A creación do Ministerio de Sanidade e Seguridade Social (Decreto 1558/1977, do 4 de xullo) non supón a desaparición automática das xefaturas, pois o Real decreto 2109/1977 do 11 de xullo establece que as xefaturas provinciais de Sanidade seguirán exercendo, con carácter transitorio, as funcións e competencias atribuídas ata o momento. Desaparecen definitivamente coa creación das delegacións territoriais do Ministerio de Sanidade e Seguridade Social, co Real decreto 1918/1977 do 29 de xullo, sobre reestruturación do Ministerio de Sanidade e Seguridade Social. Os seus órganos de actuación de ámbito provincial reestrutúranse co Real Decreto 211/1978 do 10 de febreiro. O Ministerio de Sanidade e Seguridade Social aglutina as funcións e competencias da anterior Dirección Xeral de Sanidade e as do Ministerio de Traballo en todo o referente á Seguridade Social. Consonte os Reais decretos 2109 /1977, do 11 de xullo, e 211/1978, do 10 de febreiro, as delegacións territoriais do Ministerio de Sanidade e Seguridade Social asumirán as competencias das xefaturas provinciais de Sanidade, e os titulares destes organismos pasarán a exercer o cargo de directores de Saúde. Todos os servizos técnicos das xefaturas provinciais de Sanidade e o seu persoal integraranse coas súas estruturas nas delegacións territoriais do departamento.
Baixo as ordes directas do delegado, existirá unha Secretaría Xeral, unha Dirección de Saúde e unha Dirección de Servizos Sociais e Asistenciais.
En cada delegación existirá un Consello de Sanidade e Seguridade Social como órgano consultivo do delegado.
A Orde do 29 de xuño de 1978 desenvolve a estrutura das delegacións territoriais do Ministerio de Sanidade e Seguridade Social. Estarán baixo a dependencia directa do delegado as correspondentes unidades administrativas de Inspección da Seguridade Social e de Inspección de Sanidade e Saúde, ambas con nivel orgánico de sección.
Estes órganos acomodarán o seu funcionamento e composición ao que establezan as disposicións polas que se traspasan competencias da Administración do Estado aos entes preautonómicos.
O Real decreto 1634/1980, do 31 de xullo, de traspaso de competencias sobre traballo, industria, comercio, sanidade, cultura e pesca, transfire á Xunta de Galicia as competencias da Administración do Estado en materia de Sanidade. Isto supón un corte, por tanto, na evolución da sanidade provincial: a meirande parte das funcións sanitarias pasan a depender da Xunta de Galicia, mentres que en mans do Estado queda case exclusivamente a sanidade exterior.
Como consecuencia dos traspasos de competencias ás comunidades autónomas, a Administración periférica do Estado ten que adaptarse á nova configuración territorial. Así, o Real decreto 1801/81, do 24 de xullo, de reforma da Administración periférica do Estado, supón no eido que nos interesa a aparición das direccións provinciais departamentais. Na reforma contémplase que a Administración periférica está integrada polas delegacións xerais do Goberno no territorio das comunidades autónomas e polos gobernos civís. Dentro dos gobernos civís atopamos as direccións provinciais, que —aínda que baixo a autoridade do gobernador— dependen orgánica e funcionalmente dos respectivos ministerios, e agrupan os servizos periféricos de ámbito provincial dos diferentes ministerios e dos seus organismos autónomos.
A nivel central tamén se producen cambios na organización da sanidade, que terán loxicamente o seu reflexo na organización provincial: créase o Ministerio de Sanidade e Consumo polo Real decreto 2823/1981, do 27 de novembro, de reestruturación de determinados órganos da Administración do Estado.
Da mesma data e ó Real Decreto 2824/1981, do 27 de novembro, de coordinación e planificación sanitaria, que volve incidir na competencia exclusiva do Estado no referente ao establecemento das bases do sistema sanitario, á coordinación xeral da sanidade, á sanidade exterior, á normativa sobre os produtos farmacéuticos, ás normas básicas para a protección do medio e ás estatísticas para fins estatais.
A organización da Administración periférica complétase co Real decreto 3321/1981, do 29 de decembro, de adaptación da estrutura periférica de ámbito provincial do Ministerio de Sanidade e Consumo ao Real decreto 1801 /1981, do 24 de xullo. Integra as dependencias periféricas de ámbito provincial do Ministerio de Sanidade e Consumo nunha Dirección, que se denominará Dirección Provincial de Sanidade e Consumo. No mesmo Real decreto disponse que os delegado s territoriais de Sanidade e Seguridade Social asuman coa denominación de directores provinciais de Sanidade e Consumo, no seu respectivo ámbito territorial, as competencias do Ministerio de Sanidade e Consumo.
A supresión desta institución vén dada polo Real decreto 1223/1983, do 4 de maio, de medidas de reorganización das direccións provinciais departamentais: é consecuencia da necesaria adaptación da Administración periférica do Estado ao proceso de transferencias de competencias ás comunidades autónomas. Segundo esta norma legal, as funcións e servizos periféricos non afectados polas transferencias serán desenvolvidos polas unidades correspondentes das direccións provinciais suprimidas, que quedarán adscritas aos respectivos gobernos civís, dos que dependerán organicamente, aínda que mantendo unha dependencia funcional respecto do ministerio respectivo.
Segundo o que dispón este Real decreto, a Dirección Provincial de Sanidade e Consumo da Coruña queda suprimida polo Real decreto 2825/1983, do 19 de outubro .
Historia arquivística
O fondo chega ao Arquivo do Reino de Galicia no ano 1992, xunto con oito unidades de documentación producida pola Dirección de Saúde da Xunta de Galicia (organismo que herdou unha parte das súas funcións), dende o Sanatorio Marítimo de Oza, onde se achaba a piques de ser destruído. Ata Oza chegara desde a Estación Sanitaria do Porto, situada na avenida da Mariña, despois dunha remodelación das oficinas. Este feito foi o que levou a pensar nun primeiro momento que se trataba dun fondo de Sanidade Exterior exclusivamente. Chega moi fragmentado e incompleto, non soamente polos traslados e a deficiente instalación en Oza, senón tamén porque foi obxecto dun roubo estando xa alí depositado. Ademais, nos anos 1946-1 947, véndese ao peso, mediante poxa, un lote de material da Estación Sanitaria do Porto, entre o que había unha partida de papel do arquivo, de mil quilos de peso, "deteriorado e inservible". De feito, a meirande parte da documentación chega amoreada en grandes caixas de cartón.
Alcance e contido
O fondo abrangue os anos 1917-1985 e a meirande parte da documentación céntrase nas décadas de 1960 e 1970, aínda que hai algunha documentación anterior, herdada da Inspección Provincial de Sanidade.
Este fondo caracterízase por abarcar unha gran cantidade de series, a maioría moi curtas; quizais a máis voluminosa sexa a de Expedientes sanitarios de barcos, da sección de Sanidade Exterior, de 1969 a 1983.
Outras series salientables serían: Actas de visita ordinaria, de 1971 a 1980; Estados semanais de enfermidades infecciosas, de 1972 a 1977; Expedientes de traslado de cadáveres, de 1959 a 1977; Fichas de vacinación, de 1962 a 1981; Fichas epidemiolóxicas de enfermidades infecciosas, de 1939 a 1978; Expedientes de retribucións ao persoal, de 1944 a 1982; ou Expedientes persoais, de 1921 a 1979.
A documentación correspondente á Delegación Territorial de Sanidade e Seguridade Social comprende un período cronolóxico moi curto: 1978-1981. Cómpre destacar que, como consecuencia da adscrición da Seguridade Social ao Ministerio de Sanidade no momento da súa creación, atopamos series relacionadas con ese ámbito de actuación, como os Informes para a concesión de subvencións de 1979.
Hai que salientar a existencia dunha serie facticia: Mapas de pozos, fontes e traídas de auga dos concellos da Coruña, formada por 92 mapas (non están todos os concellos). Unicamente o mapa do concello de Santiago está datado e asinado polo farmacéutico titular, cunha lenda explicativa dos símbolos. Esta información extrapolouse ao resto.
A documentación da Dirección Provincial de Sanidade e Consumo abrangue os anos 1981-1983. Hai que ter en conta que se trata dunha documentación de moi escaso volume e moi fragmentada. A meirande parte das series deste período corresponden a Sanidade Exterior.
Condicións de acceso
Condicións de acceso
Descrición condicións de acceso:
Acceso libre en xeral.
Normativa:
Trátase de documentación pública de titularidade estatal, xestionada pola Xunta de Galicia. Ao seren depositados no ARG, os documentos adquiren a condición de bens de interese cultural (art. 50 de la Lei 8/1995, do 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia, e 60 da Lei 16/1985, do 25 de xuño, do patrimonio histórico español), e pasan a gozar así do réxime de protección establecido nestas normas.
Condicións de reprodución
Condicións de reprodución:
A reprodución da documentación deste fondo está suxeita ás seguintes disposicións:
- Decreto 219/2011, do 17 de novembro, polo que se fixan os prezos públicos e as normas dos servizos de reprodución prestados nos arquivos xestionados pola Xunta de Galicia.
- Orde do 31 de agosto de 2010, pola que se establecen as normas para a consulta e reprodución dos documentos nos arquivos propios e xestionados pola Xunta de Galicia.
Lingua:
Spanish; Castilian
Escritura:
Humanista
Características físicas
Estado de conservación:
Bo
Descrición do estado de conservación:
Trátase basicamente de documentación textual sobre papel, en bo estado de conservación
Documentación relacionada
Existencia e localización de copias
Existencia de copias: Non existen copias
Unidades de descrición relacionadas
Unidades de descrición relacionadas: - A documentación ten continuidade no fondo da Dirección de Saúde da Xunta de Galicia, conservado en parte neste Arquivo; tamén na que se custodia actualmente nas oficinas de Sanidade Exterior da Coruña. - Poden considerarse complementarios os fondos do Sanatorio Marítimo de Oza e do Goberno Civil da provincia conservados no Arquivo do Reino de Galicia. - Existe tamén documentación noutros arquivos históricos provinciais, no Arquivo Xeral da Administración e no Arquivo Central do Ministerio de Sanidade.
Notas
Nota xeral
Das 242 unidades de instalación, 122 están compartidas por varias series do mesmo ou de diferente fondo.
A unidade de instalación nº 16965 contén rótulos e selos de caucho.
A unidade de instalación nº 26104/13 contén unha serie, Expedientes de gastos da Federación Galega de Natación, que non pertence ao Fondo da Xefatura. Seguramente chegaría coa documentación de Sanidade porque o tesoureiro da dita Federación sería un funcionario da Xefatura, ou, máis probablemente, da Estación Sanitaria do Porto, pola letra. Gárdase co fondo da Xefatura provisionalmente, dentro da serie de "Correspondencia".
Conta con instrumentos de traballo complementarios: estudos das series identificadas.
Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Xunta de Galicia