Ferrol foi vila de reguengo ata 1371, ano en que Enrique II cede o seu señorío a Fernán Pérez de Andrade. A xurisdición desta vila comprendía as freguesías de Narón, Covas, Esmelle, Marmancón, Leixa, Mandiá, Santa Mariña do Vilar, San Xurxo, Meá e Chantelos. En 1726 a vila é declarada capital do Departamento Marítimo Norte. No ano 1733, a través do Real decreto do 21 de setembro, é reincorporada á xurisdición real xunto á Graña.
Á fronte da administración civil atopamos un alcalde maior en Ferrol e un xuíz na Graña. Co tempo, as atribucións deste último pasarán ao de Ferrol, que exercerá funcións de xustiza e goberno auxiliado por escribáns de asento. A carón do alcalde encontramos o gobernador político e militar —normalmente un militar— a quen se dirixen as peticións e demandas para que as resolva ou llas remita ao alcalde maior. Cando resolve como gobenador militar, atende os negocios o Xulgado de Guerra e Mariña. O alcalde maior é tamén subdelegado da Real Xunta de Comercio e Moeda. En 1813 pasa a chamarse xuíz de letras de primeira instancia de Ferrol, nome que manterá ao par de alcalde maior.
Serán as reformas introducidas en 1820 as que instauren o Xulgado de Primeira Instancia de Ferrol cun xuíz á súa fronte: o Decreto da Suprema Xunta de Goberno de Galicia do 3 de marzo de 1820 divide a provincia en 47 partidos; o do 5 de marzo suprime os xulgados ordinarios ou de primeira instancia do foro ordinario e conserva unicamente os de cabeza de partido. Investido desta autoridade pola Orde do 13 de abril de 1820 da Suprema Xunta de Goberno de Galicia, o xuíz de Ferrol convoca os responsables das antigas demarcacións, agora encadradas no seu partido, e comunícalles o seu cesamento e a entrega da súa xurisdición. Así, entre o 17 de abril e o 6 de maio, todos estes xuíces entregan as xurisdicións e os escribáns presentan os títulos.
Pero cando remata o Trienio Liberal, todo volve á situación anterior. Haberá que esperar ata 1834 para que desaparezan coutos e xurisdicións. Así, o Real decreto do 21 de abril dese mesmo ano ordena que cesen todos os alcaldes ordinarios e que os procesos e os expedientes que teñan abertos llelos remitan aos xuíces letrados das cabezas de partido (neste caso, ao de Ferrol). Os concellos de Ferrol, Moeche, Narón, Neda, San Sadurniño, Serantes, As Somozas e Valdoviño quedan integrados no partido de Ferrol.
Historia arquivística
Este fondo ingresou o 16 de novembro de 1982 por transferencia do Xulgado de Primeira Instancia e Instrución de Ferrol, que foi o encargado de transferir ao Arquivo do Reino de Galicia o fondo da antiga xurisdición de Ferrol.
A chegada de documentación doutros xulgados ao de Ferrol está documentada en varias remesas: a primeira, no expediente de execución do Decreto da Suprema Xunta de Goberno de Galicia do 3 de marzo de 1820 (5143/12). O novo decreto establecía a obriga de construír ou dedicar unha peza para arquivo na capital cabeza de partido; nesa peza debíanse gardar todos os procesos civís e criminais correspondentes ás vilas, xurisdicións e coutos indicados, ademais dos protocolos dos escribáns que falecesen no seu distrito, con formal lista duns e doutros, con expresión do seu estado e foliación (fol. 3). O decreto tamén dispuña, no seu artigo 11 (fol. 6), que unha vez que o xuíz tomase posesión do seu cargo, debía obrigar os escribáns a entregar no xulgado os procesos civís e criminais do seu partido; e os que pertencesen a outro, ao xulgado correspondente.
Unha vez rematado o Trienio Liberal, case todo volve á situación anterior, pero non consta a saída da documentación de Ferrol para os seus antigos xulgados.
A seguinte transferencia en masa a este xulgado quedou recollida no “Expediente sobre a incorporación de parroquias do partido xudicial de Ferrol e razón dos asuntos civís e criminais que se van recibindo, e escribáns que os recollen ou que por ser orixinarios os reteñen no seu poder para a súa continuación” (5207/20). Cumpríanse así as disposicións do Real decreto do 21 de abril de 1834: que cesasen todos os alcaldes ordinarios das vilas e que lles remitisen aos xuíces letrados das cabezas de partido todos os procesos e expedientes que tivesen abertos.
Alcance e contido
Este fondo documental conta con trinta e sete series. Algunhas recollen funcións xudiciais, como as series de Causas, Contas de Tutela, Expedientes de demarcación e deslinde, Expedientes de partillas, Expedientes de ratificación de escrituras, Expedientes de reconto de bens e Preitos (a máis voluminosa), entre outras. Outras reflicten funcións gobernativas, como as de Expedientes de solicitude, Expedientes de abastos, Expedientes de elección de cargos municipais, de repartimento de impostos ou os Expedientes de sorteo de mozos.
Clase de documento:
Textual
Condicións de acceso
Condicións de acceso
Descrición condicións de acceso:
Acceso libre en xeral.
Condicións de reprodución
Condicións de reprodución:
A reprodución da documentación deste fondo está suxeita ás seguintes disposicións:
- Decreto 219/2011, do 17 de novembro, polo que se fixan os prezos públicos e as normas dos servizos de reprodución prestados nos arquivos xestionados pola Xunta de Galicia.
- Orde do 31 de agosto de 2010, pola que se establecen as normas para a consulta e reprodución dos documentos nos arquivos propios e xestionados pola Xunta de Galicia.
Lingua:
Spanish; Castilian
Portuguese
French
English
Catalan; Valencian
Dutch; Flemish
Características físicas
Estado de conservación:
Bo
Documentación relacionada
Existencia e localización de copias
Existencia de copias: Non existen copias
Unidades de descrición relacionadas
Unidades de descrición relacionadas: Real Audiencia de Galicia; Audiencia Territorial de Galicia; Real Intendencia de Galicia; Xulgado da Subdelegación de Rendas de Ferrol; Xulgado de Guerra e Mariña; Documentación notarial; Xulgado da xurisdición de Abegondo; Xulgado da vila de Ares; Xulgado da cidade de Betanzos; Xulgado da xurisdición de Caaveiro; Xulgado da xurisdicción de Doniños; Xulgado da xurisdición de Esmelle; Xulgado da Superintendencia da Real Casa da Moeda de Xuvia; Xulgado da xurisdición de Mabegondo; Xulgado da xurisdición de Mandiá; Xulgado da xurisdición de Meroi e coutos agregados; Xulgado da meirindade de Moeche; Xulgado da vila de Mugardos; Xulgado da xurisdición de Naraío; Xulgado da vila e xurisdicción de Neda e couto de Narón; Xulgado da vila de Ortigueira/ Xulgado de primeira instancia do partido de Ortigueira; Xulgado da xurisdición de Oza; Xulgado da vila de Pontedeume; Xulgado da vila das Pontes de García Rodríguez; Xulgado da meirindade e marquesado de San Sadurniño e couto de Santa María do Monte; Xulgado do couto de San Xoán de Filgueira; Xulgado da xurisdición de Serantes e couto de Serantellos; Xulgado da xurisdición de Trasancos e dos coutos de Barcia, Vilar e Lourenzá; Xulgado da xurisdición do Val e coutos de Vilacornelle e Baltar; Xulgado da xurisdición de Vilamourel; Xulgado da xurisdición de Xuvia; Rexistros documentación notarial
Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Xunta de Galicia