O "Fuero del Trabajo", aprobado o 9 de marzo de 1938, estipulaba na súa declaración sétima a creación das maxistraturas de traballo como tribunais especiais encargados da xurisdición laboral. Neste mesmo ano, o Decreto do 13 de maio suprime os xurados mixtos e crea as maxistraturas de traballo, que asumen as competencias laborais daqueles xurados. Será a Lei orgánica do 17 de outubro de 1940 a que estableza as funcións e a organización da Maxistratura de Traballo como única institución xurisdicional contenciosa na rama social do dereito. A súa función sería intervir nos conflitos individuais entre empresarios e traballadores; nas reclamacións contra o Estado; nos conflitos colectivos; nos preitos sobre Seguridade Social; nas cuestións contenciosas entre os asociados e as súas mutualidades e nas execucións en vía de prema derivadas do incumprimento das obrigas coa Seguridade Social.
A Maxistratura de Traballo dependía do Ministerio de Traballo; por iso, malia ser órgano de xustiza, ficaba arredada da administración xudicial. A segunda instancia correspondíalle ao Tribunal Central de Traballo, que tamén dependía do Ministerio de Traballo.
A base territorial da Maxistratura era a provincia, onde había polo menos un maxistrado de Traballo. O Ministerio de Traballo podía modificar o número de maxistrados por proposta do director xeral competente, unha vez oído o inspector xeral das maxistraturas.
Na provincia da Coruña, créase, en 1946, outra Maxistratura; a máis antiga denominarase entón "número 1", mentres que a nova será a "número 2". Unha e outra faranse cargo dos asuntos mediante sorteo. Con todo, cando a número 2 é suprimida pola Orde do 11 de decembro de 1962, farase cargo de todos os asuntos a Maxistratura de Traballo número 1. Non será ata 1967, a través da Orde do 10 de outubro, cando volva crearse na provincia a número 2. Xa na década de 1970, segundo a Orde do 19 de outubro de 1978, créase unha terceira Maxistratura de Traballo, con sede na capital e xurisdición en toda a provincia. O Real decreto 493/1985, do 2 de abril, crea unha cuarta maxistratura que non estará na Coruña, pois a súa sede establécese en Santiago de Compostela. Con posterioridade, o Real decreto 607/1988, do 10 de xuño, crea a número 5, con sede outra vez na Coruña. As Maxistraturas de Traballo desaparecen en 1988, consonte a Lei 38/1988, do 28 de decembro, de demarcación e planta xudicial. Os Xulgados do Social pasan a desempeñar as súas funcións. O Tribunal Central de Traballo tamén desaparece segundo o estipulado no Acordo do Consello do Poder Xudicial do 10 de maio de 1989. As súas competencias son asumidas pola Sala do Social da Audiencia Nacional e polas salas do social dos tribunais superiores de xustiza en cadanseus territorios. O Tribunal Supremo queda como órgano revisor exclusivo fóra da área da comunidade autónoma.
Historia arquivística
O fondo permaneceu en poder do seu produtor ata a transferencia ao Arquivo do Reino de Galicia.
Alcance e contido
Esta fracción de fondo abrangue o período cronolóxico comprendido entre os anos 1969 e 1984 e está formada por dúas series documentais: "Expedientes laborais" e "Expedientes de prema", que reflicten as funcións propias deste órgano xudicial.
Condicións de acceso
Condicións de acceso
Descrición condicións de acceso:
Acceso restrinxido de acordo coa normativa de aplicación.
Condicións de reprodución
Condicións de reprodución:
A reprodución da documentación deste fondo está suxeita ás seguintes disposicións:
- Decreto 219/2011, do 17 de novembro, polo que se fixan os prezos públicos e as normas dos servizos de reprodución prestados nos arquivos xestionados pola Xunta de Galicia.
- Orde do 31 de agosto de 2010, pola que se establecen as normas para a consulta e reprodución dos documentos nos arquivos propios e xestionados pola Xunta de Galicia.
Lingua:
Spanish; Castilian
Características físicas
Estado de conservación:
Bo
Documentación relacionada
Existencia e localización de copias
Existencia de copias: Non existen copias
Unidades de descrición relacionadas
Unidades de descrición relacionadas: As primeiras transferencias de documentación das Maxistraturas de Traballo da Coruña (única, número 1 e número 2) foron organizadas e descritas por medio dun inventario en fichas manuais que se conserva neste arquivo (ficheiros número 339 e 340). O inventario describe 1006 unidades de instalación do fondo da Maxistratura de Traballo número 2 non incluídas na presente descrición. Por outro lado, complementarios a este son os fondos das distintas maxistraturas de traballo que custodian os arquivos históricos provinciais, así como o fondo do Tribunal Central do Traballo que se atopa no Arquivo Xeral da Administración de Alcalá de Henares. Temos que facer mención aquí tamén á documentación que nos foi transferida en abril do 2003 pola Subdelegación do Goberno (Área de Traballo e Asuntos Sociais ), derivada do negociado da Organización de Traballos Portuarios, pola relación que ten cos expedientes de prema da Maxistratura iniciados pola OTP.
Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Xunta de Galicia