A mediados do século XIX, na época da chamada "desamortización civil", que aboliu a propiedade vinculada, o pazo de Brandeso conformaba un agregado de diferentes casas que fora medrando desde 1635 a partir dun núcleo inicial: o constituído sobre o vínculo que Fernán Montero e Inés de Villar fundaran nesa data sobre a capelanía da Inmaculada Concepción, en Brandeso (actual municipio de Arzúa). No entanto, e de acordo con determinados testemuños, algunhas das casas agregadas remontan as súas orixes á Baixa Idade Media e mesmo a épocas anteriores, como a casa de Saa. En termos xeográficos, o patrimonio final do pazo comprendía terras e rendas en diversas comarcas do centro e do oeste de Galicia: Caldas, Deza ou Tabeirós-Terra de Montes, na actual provincia de Pontevedra; Arzúa, Terra de Melide, A Ulloa, Ordes, Bergantiños, A Barbanza, A Barcala, ademais das cidades da Coruña e Santiago e as súas respectivas áreas de influencia, na da Coruña; e tamén a terra de Lugo e as bisbarras de Ourense, O Ribeiro, O Carballiño e Celanova. A adquisición de rendas e propiedades, o desempeño de diversos oficios e cargos nas administracións reais ou señoriais, as diferentes estratexias de enlace matrimonial desenvolvidas e a fundación de capelanías e vínculos semellan conformar e apuntalar, como no caso doutras familias da fidalguía, o proceso de crecemento, expansión e consolidación do patrimonio do pazo.
A relación coa casa de Rial iníciase axiña, antes da fundación do vínculo da Capelanía de Brandeso, coa unión de Juan Montero o Vello, pai do fundador do vínculo, con Isabel López Mosteiro. Será pois un descendente deste casal, Bartolomé Montero, quen en 1666 pida a misión en posesión do vínculo daquela casa, fundado en 1594.
Os tres matrimonios que a filla de Bartolomé Montero e Francisca do Mosteiro, Isabel Montero Figueroa, celebrou entre 1637 e 1657, han comportar o establecemento de relacións coas chamadas casas de Fao e de Santiago, de xeito que o seu sucesor, Juan José de Neira y Prado, esgotada a liña dos Montero, será quen de se chamar ao vínculo fundado por Fernán Montero e agregados. Posteriormente, os enlaces de Juan Manuel de Neira, a finais do século XVIII, e Ramón Neira Torre, xa no século XIX, achegaron ao tronco matriz os vínculos e casas de Ribadeza, Vista Alegre, Vilariño, Remesil e Saa.
A familia Neira enlaza a mediados do século XIX cos Gasset a través do matrimonio entre Gerardo Neira y Flórez e Eugenia Gasset y Artime. Unha das súas fillas, María, casará con outro Gasset, Eduardo Gasset y Chinchilla, o fundador de "El Imparcial", quen adquirirá o patrimonio da casa de Torre Xunqueiras, na Pobra do Caramiñal, a finais do século XIX.
Historia arquivística
Antes de ingresar no Arquivo do Reino de Galicia, este fondo estivo depositado no pazo de Brandeso (municipio de Arzúa) e logo en Torre Xunqueiras. Organizábase como amosan os catálogos, instalado en mazos e con numeración dentro de cada un. É posible que se organizase entre os séculos XVIII e XIX, aínda que nos consta que, para a casa de Remesil, un dos seus membros, Gabriel de Novoa Villamarín, que viviu no século XVII, empregou parte do seu tempo na descrición e posible organización do arquivo, xa que algunhas portadas dos documentos desta casa están escritas pola súa man.
Despois esta organización desaparece e en ocasións a documentación mestúrase en grandes agrupacións.
No seu tempo tamén debeu de existir unha peza habilitada para acoller a documentación; pero antes do seu traslado a Torre Xunqueiras, atopábase en diferentes habitáculos e polo xeral, en deficiente estado de conservación, xa que entre outros problemas, dado o abandono do pazo nos últimos tempos, sufriu asolagamentos.
Alcance e contido
O fondo abrangue un período cronolóxico que vai desde 1375 ata os anos setenta do século XX, aínda que a etapa mellor representada é a que comprende os séculos XVI a XIX, ambos incluídos.
O material de escritura preferente é o papel. Consérvase documentación en pergamiño para os documentos máis antigos ou nalgúns de especial solemnidade. En total consérvanse 24 documentos nesta clase de soporte.
As casas máis amplamente representadas son as de Brandeso, Remesil, Saa e Vilariño e Vista Alegre.
Polo que respecta ás diferentes seccións, cómpre destacar en primeiro termo a de patrimonio, tanto no referente a títulos como a administración, con series amplamente representadas como é o caso de diferentes escrituras: arrendamentos, compravendas, doazóns, foros, permutas, testamentos, conciliacións, etc; ou os expedientes de partición de herdanzas, preitos, cartas de pagamento, contas, etc. Convén sinalar que algunhas series se poden atopar tanto nas subseccións de títulos como nas de administración. Este é o caso, por exemplo, de escrituras de foro, ou de preitos: no primeiro caso, se a familia accede ao dominio útil considerámolos títulos; pero se ceden este dominio, aforan ou subaforan, considérase administración. Polo que atinxe aos preitos, se xorden por unha cuestión de propiedades, consideramos que deben organizarse na subsección de títulos; pero se o fan en razón do cobro de rendas, por exemplo, inclúense na de administración.
Tamén podemos destacar en numerosos subfondos as seccións correspondentes a diferentes arquivos individuais, como nas casas de Brandeso, Ribadeza ou Vista Alegre. Nelas podemos atopar información de tipo persoal, como distintos tipos de certificados ou correspondencia; pero, máis habitualmente, información sobre os diferentes cargos e oficios exercidos por diversos membros destas casas, como alguacil maior do Tribunal da Santa Cruzada de Santiago, procurador de número da Real Audiencia, escribáns, rexedores, etc, que en moitos casos estaban incluídos entre os bens dos vínculos: deste xeito, podemos rastrexar pegadas do seu exercicio de xeración en xeración e de casa en casa.
Cómpre destacar, por outra banda, a variada representación documental de diferentes igrexas, capelas, etc, das que foron patróns ou nas que tiñan algún tipo de manda piadosa. Igual que sucede cos oficios, nalgúns casos estaban suxeitas a vínculos, ou ben se vinculaban a elas certos bens.
Polo que respecta á sección de xenealoxía, títulos e vínculos, está representada, máis ou menos extensamente, en case todas as casas, con series como a de árbores xenealóxicas, expedientes de fundación de vínculos e morgados, expedientes de posesión de vínculos, expedientes de información de nobreza e fidalguía, etc.
A sección de organización e arquivo está máis representada para a casa de Brandeso, con series como as de catálogos, extractos de documentos, relacións, etc. Cómpre mencionar que, por norma xeral, é unha documentación difícil de datar, xa que normalmente carece deste dato; e por este mesmo motivo, tamén difícil de adscribir a unha determinada casa.
A sección de xurisdición señorial soamente está representada dun xeito bastante amplo na casa de Saa: autos de xuízos de residencia, causas, escrituras de poder, expedientes de nomeamento de xuíces ordinarios, reais cédulas, etc; e só conta cunha serie na casa de Brandeso: expedientes de xuízos de residencia.
Existe unha sección de coleccións no amplo senso do termo para dúas das casas, con documentos como partituras musicais, algunha fotografía, folletos e revistas ou impresos.
Finalmente, algúns documentos non se puideron catalogar como pertencentes a ningunha das casas ou seccións, polo que se incluíron na sección de documentos sen identificar.
Condicións de acceso
Condicións de acceso
Descrición condicións de acceso:
Acceso libre en xeral.
Determinadas series están afectadas por limitacións no acceso, de acordo coas condicións xerais da lei.
Normativa:
Trátase de documentación pública de titularidade estatal xestionada pola Xunta de Galicia. Ao seren depositados no Arquivo do Reino de Galicia, os documentos que integran o fondo adquiren a condición de bens de interese cultural, tal e como estipulan, respectivamente, os artigos 50 da Lei 8/1995, do 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia; e o 60 da Lei 16/1985, do 25 de xuño, do patrimonio histórico español. Así, pasan a gozar do réxime de protección que as devanditas normas establecen para estas categorías de bens culturais.
Condicións de reprodución
Condicións de reprodución:
A normativa de aplicación é a que segue:
- Decreto 219/2011, do 17 de novembro, polo que se fixan os prezos públicos e as normas dos servizos de reprodución prestados nos arquivos xestionados pola Xunta de Galicia.
- Orde do 31 de agosto de 2010, pola que se establecen as normas para a consulta e reprodución dos documentos nos arquivos propios e xestionados pola Xunta de Galicia.
Dereitos de Autor
Situación de Dereitos de Autor:
Os deseños que forman parte do fondo son obxecto de propiedade intelectual por parte dos seus autores cando se teña constancia deste dato (art. 1, 4, 14 do Real decreto lexislativo 1/1996, do 12 de abril, de aprobación do texto refundido de propiedade intelectual)
Lingua:
Spanish; Castilian
Galician
Características físicas
Descrición do estado de conservación:
Basicamente, documentación textual manuscrita en papel e, en menor medida, en pergameo.
Documentación relacionada
Existencia e localización de orixinais
Localización de orixinais: Arquivo do Reino de Galicia
Existencia e localización de copias
Existencia de copias: Non existen copias
Unidades de descrición relacionadas
Unidades de descrición relacionadas: Existe documentación complementaria no fondo da Real Audiencia do Arquivo do Reino de Galicia. Tamén dentro deste mesmo Arquivo pódese consultar, para cando entra a familia Gasset nesta liñaxe, o fondo familiar de Torre Xunqueiras. Finalmente, outros arquivos, fundamentalmente familiares, cos que estivesen relacionados.
Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Xunta de Galicia