O mosteiro de Sobrado foi fundado no ano 952 polos condes de Présaras, Hermenexildo e Paterna, e abandonado en 1060 cando o rei Fernando I llo confiscou aos descendentes dos nobres fundadores. No ano 1142 volveron a ocupalo os monxes cistercenses procedentes de Claraval e a súa advocación pasou da orixinal de San Salvador á de Santa María. O cenobio mantivo unha boa relación coa diocese de Santiago de Compostela e estendeu o seu dominio con doazóns e compras feitas polos propios frades. Cara a 1220, co apoio dos monarcas, viviu a súa tempada de maior esplendor. Os relixiosos de Sobrado acumulaban doazóns e beneficios cos que mercaban terras e controlaban outros mosteiros e igrexas. Desta forma, ademais das súas posesións no rural, con granxas como as de Gorxá e Couso, o cenobio de Santa María de Sobrado acadou propiedades en núcleos urbanos -como Noia, Santiago ou Melide-, nas proximidades de Betanzos e Ferrol, na converxencia dos ríos Sil e Miño, e no Bierzo. Tras este auxe, e xa desde finais do século XIII, sufriu unha época de decadencia da que non se recuperou ata o ano 1498, coa súa incorporación á Congregación de Castela. Converteuse daquela no primeiro mosteiro reformado da orde do Císter en Galicia. Trala Desamortización do século XIX foi abandonado e arruinouse. En 1954 iniciouse a súa restauración e en 1966 instaláronse nel os monxes da Orde Cistercense da Estrita Observancia.
Historia arquivística
Este fondo ingresou no arquivo procedente da Delegación de Facenda en 1943. Forma parte dos documentos fundacionais do Arquivo Histórico Provincial de Ourense e procede das institucións relixiosas desamortizadas no século XIX. Trala Desamortización os arquivos das institucións relixiosas ingresaron no Arquivo Histórico Nacional pero unha boa parte dos fondos monásticos ourensáns permaneceu nas dependencias provinciais de Facenda e pasou a constituir a documentación fundacional do arquivo.
Condicións de acceso
Características físicas
Material no que se rexistra a información:
Papel
Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Xunta de Galicia