A instauración destes tribunais especiais inscríbese nun proceso iniciado no século XIX cuxa finalidade é a supresión da vixencia legal do foro, contrato basicamente agrario de longa duración. Esta problemática ten un precedente coñecido, a Real Provisión de Carlos III do 11 de maio de 1763 sobre suspensión das demandas de despoxo, que establecía a renovación forzosa dos foros, o que na práctica supoñía convertelos nun contrato perpetuo. Esta indefinición legal (temporal e perpetua á vez) conduciu a un debate que se reflectiu na lexislación liberal do século XIX (redacción de varios proxectos de lei sobre redención e unha lei de redención de foros aprobada durante a I República que estivo en vigor seis meses), que culminou co Código Civil de 1889, que establecía no seu artigo 1.611 a necesidade dunha lei especial.
Finalmente, o Real Decreto-lei do 25 de xuño de 1926 declara redimibles todos os foros, subforos e calquera outro gravame de idéntica natureza e establece un período de cinco anos para que voluntariamente os foratarios soliciten a redención. Pasado este prazo, os aforantes poden esixir aos foreiros a redención ou adquirir eles mesmos o dominio útil. A redención obtense unha vez que os foreiros satisfán o capital esixido, as rendas atrasadas e un determinado interese.
Este decreto de 1926 crea tamén un Tribunal especial para resolver os asuntos relacionados co pago de pensións, recoñecemento de foros, redención, consolidación e calquera outra cuestión. Este órgano xurisdicional está composto polo xuíz de primeira instancia do partido xudicial, que é á súa vez presidente, o rexistrador da propiedade e o notario da cabeza do partido, así como dous vogais nomeados, un pola parte demandante e outro pola demandada.
Estes xuízos seguían a tramitación dos xuízos verbais civís. As sentenzas eran apelables ante a Audiencia Territorial, sempre que a contía en litixio excedese de 1.000 pesetas, senón non había posibilidade de establecer un recurso.
Esta lei acompáñase dunha disposición posterior, o Regulamento do 23 de agosto de 1926 para a aplicación do Decreto-lei do 25 de xuño de 1926 sobre redención de foros. Establece un prazo concreto para a redención por parte dos foreiros, concretamente desde o 26 de xuño de 1926 ao 26 de xuño de 1931. A partir desta data a redención é obrigatoria, pero a instancia dos aforantes ata o 25 de xuño de 1936.
O Decreto do 18 de xuño de 1931 establece que o prazo de cinco anos que sinalaba as disposicións anteriores para redimir as cargas forais queda prorrogado de forma indefinida.
O Decreto do 3 de novembro de 1931 establece que o Real Decreto-lei do 25 de xuño, o Regulamento do 23 de agosto de 1926 e o Decreto do 18 de xuño de 1931 sobre o réxime de foros, sexan aplicables en toda España.
Os tribunais de foros terán o seu fin coa Lei 147/1963, do 2 de decembro, sobre compilación do Dereito Civil Especial de Galicia. Ao mesmo tempo establécese a desaparición do sistema foral.
Esta lei consolida o carácter redimible de todos os foros, ao que terán dereito exclusivamente os pagadores durante o prazo de cinco anos. Se nun ano o foreiro non efectúa o pago considerarase que renuncia ao seu dereito sobre a leira.
Transcorrido o prazo de cinco anos o perceptor da renda, durante outros cinco, poderá esixir do pagador a redención. Se o aforante non exerce este dereito terase por renunciante do foro, sen que lle corresponda indemnización.
Así mesmo, a Lei 147/1963 establece que os asuntos relativos a foros, subforos e outros gravames análogos serán coñecidos polo xuíz de primeira instancia do partido xudicial no que radique a leira e que transcorridos dez anos desde a súa entrada en vigor os xulgados non admitirán demandas relativas ao recoñecemento, redención, apeo e rateo de foros, a súa prescrición, consolidación de dominios ou pago ou redución de pensións forais de calquera especie.
Esta lei ademais derroga o Real Decreto-lei do 25 de xuño de 1926, o Regulamento do 23 de agosto de 1926 e o Decreto do 3 de novembro de 1931.
Historia arquivística
Os documentos xerados polo Tribunal Especial de Foros custodiábanse nas dependencias do Edificio Xudicial de Mondoñedo e consideráronse nun primeiro momento como integrantes do fondo do Xulgado de Primeira Instancia e Instrución. A necesidade de espazo e o interese por conservar a documentación de carácter histórico motivou que se depositase no ano 2014 no Arquivo Xudicial Territorial de Lugo.
Alcance e contido
O fondo abarca un reducido período de tempo relativo á parte central do século XX. Componse basicamente de xuízos sobre reclamacións do pago de renda e redencións forais. A documentación xerada por este organismo xudicial é unha fonte de información para a investigación da propiedade da terra en Galicia.
Condicións de acceso
Condicións de acceso
Descrición condicións de acceso:
A documentación é de acceso libre, segundo o artigo 57 da Lei 16/1985 de Patrimonio Histórico Español (supera o límite de 50 anos desde a data do documento que determina a lexislación para a súa consulta pública) e o artigo 23 da Lei 7/2014 de arquivos e documentos de Galicia.
Condicións de reprodución
Condicións de reprodución:
Os prezos están suxeitos ao Decreto 219/2011, do 17 de novembro, polo que se fixan os prezos públicos e as normas dos servizos de reprodución prestados nos arquivos xestionados pola Xunta de Galicia.
A prestación do servizo quedará condicionada ao estado de conservación dos fondos.
Lingua:
Spanish; Castilian
Documentación relacionada
Unidades de descrición relacionadas
Unidades de descrición relacionadas: Existe documentación relacionada referente aos xuízos que sobre asuntos forais celebrábanse cando este tribunal especial non estaba constituído. En primeiro lugar, pódese consultar o fondo do Xulgado de Primeira Instancia e Instrución nº 1 de Mondoñedo, que se custodia, tanto no Arquivo Histórico Provincial de Lugo, como no arquivo dos Xulgados de Mondoñedo. Ademais, no Arquivo do Reino de Galicia poderían conservarse recursos de apelación substanciados ante a Audiencia Territorial da Coruña.
Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Xunta de Galicia