Oficio da comisión provincial de Lugo ao presidente e vogais da Xunta Superior de Galicia no que acusa recibo da resolución das Cortes sobre habilitar o porto de Palma de Mallorca para o comercio coas Indias durante o conflicto de Cataluña
As Xuntas que xorden en diferentes lugares de España en 1808 son a resposta popular nas vilas, cidades, provincias e territorios ao baldeiro de poder creado en España pola invasión francesa. Estas Xuntas néganse a recoñecer a nova legalidade imposta polo exército intruso e asumen de feito a soberanía nacional. Posteriormente, a constitución da Xunta Suprema Central significará un intento de coordinación e de unificación de forzas. Todas as demais quedarán subordinadas a ela. Esta Xunta será substituída en 1810 por unha Rexencia.
A Xunta Superior de Armamento e Defensa de Galicia créase na Coruña en xuño de 1808. Froito da iniciativa popular, despregará unha grande actividade e actuará con case total autonomía para organizar a resistencia anti-francesa e a vida civil en Galicia. A súa actividade cesa na práctica en 1809 coa toma da cidade polos franceses. A Xunta Superior de Subsidios, Armamento e Defensa de Galicia, que a sucede, corresponde ao período en que xa existe un poder central coordinador (Xunta primeiro e Rexencia despois), ao que- teoricamente ao menos- estará supeditada.
En 1813, as autoridades centrais, en cumprimento da Constitución que acaba de promulgarse, tratarán de reconducir a tendencia centrífuga das xuntas cunha nova división territorial na que xorden as Deputación Provinciais, subordinadas aos Xefes Superiores Políticos (antecedentes dos Gobernadores Civís), e por tanto máis fortemente dependentes do poder central, no contexto da construción dun Estado Liberal centralizado.
As competencias das Xuntas, coma as das Deputacións, eran moi amplas, como corresponde a organismos nacidos en época de conflito bélico ou a períodos iniciais de desenvolvemento institucional. No primeiro caso, centrábanse especialmente no aspecto militar; no segundo, en aqueloutros relacionados co "fomento" do territorio e co control das entidades locais.
Historia arquivística
Este fondo, xunto coa documentación dos órganos que sucederon a estas Xuntas (Deputación Provincial Única de Galicia de 1813-14, Xunta Superior de Galicia de 1820, e Deputación Provincial Única de Galicia, de 1820-22), foi doado ao Arquivo en 1897 polo seu director, Andrés Martínez Salazar, quen o atopara en 1875 nun "almacén de víveres" da rúa de Panadeiras da cidade da Coruña. Este arquiveiro relata nun artigo, publicado no xornal "La Voz de Galicia" en 1908, que unha parte da documentación da primeira Xunta fora levada a Sevilla polo seu secretario, Manuel Acha de Patiño, pouco antes da toma da cidade da Coruña polos franceses en 1809; e de alí a Cádiz, para rematar, moitos anos despois e tras moitas vicisitudes, no Arquivo Histórico Nacional, en Madrid.
En 1826, o fondo da Deputación Única (que compartía localización cos fondos dos órganos que a precederan) conservábase no local do arquivo da Contadoría de Propios da Coruña, "en una pieza del último alto de la casa de Aduana de La Coruña", de acordo coas dilixencias obradas na dita Contadoría en virtude dun oficio remitido polo rexente da Audiencia ao intendente de Exército e Provincia (ARG, DUG, C50/66).
Alcance e contido
Predomina a correspondencia sobre asuntos relacionados coas competencias desenvolvidas polas Xuntas.
Documentación relacionada
Existencia e localización de copias
Existencia de copias: Non existen copias
Unidades de descrición relacionadas
Unidades de descrición relacionadas: -No AHN custódiase a documentación da Xunta Central Suprema Gobernativa do Reino que estivo no Arquivo do Ministerio de Estado ata o ano 1862. Consérvase na “Sección de Estado” e inclúe a documentación que se puido salvar da Xunta Suprema de Galicia (mazos nº 68 a 77). -No Arquivo Xeral de Simancas tamén se custodia un inventario de documentación da Xunta Superior de Galicia dende 1808, entregada polo seu secretario. Figura na “Secretaría de Guerra. Varios de España e Indias” (mazo 7.327). -Probablemente algúns arquivos municipais conserven documentación das Xuntas provinciais que tiñan as súas sedes nos propios concellos. Como exemplo da custodia desta documentación, a da Xunta provincial de Santiago custódiase tanto no Arquivo catedralicio como no Arquivo Histórico Universitario de Santiago, como parte do depósito de documentación municipal. -Hai que ter en conta tamén os arquivos de deputacións, arquivos municipais e históricos provinciais que custodian documentación tanto de xuntas como de deputacións do século XIX.