Fillo de Ignacio Sánchez Moscoso e Bernarda de Prado y Seixas.
Casou con Bernardina Verea y Aguiar. Con este matrimonio uníronse as casas de Castro do Seixo, Bieite, Sada e as Mariñas e Sendelle.
Exerceu diversos cargos.
Historia arquivística
Non consta a historia desta documentación.
Loxicamente estaría nas casas de cada familia o que foi conformando o núcleo final do pazo de Bieite; finalmente, quedaría reunido neste lugar ata o seu traslado ao domicilio familiar da Coruña.
Parece que a organización de tipo xeográfico por zonas ou parroquias só correspondía a unha parte do fondo, xa que os documentos dos séculos XIX e XX chegaron sen asomos de organización.
Alcance e contido
O fondo abrangue un período cronolóxico que vai desde 1375 ata a década dos 70 do século XX, aínda que o período mellor representado é o que comprende os séculos XVI a XIX, ambos incluídos.
O material escritorio é o papel.
Polo que respecta ás diferentes seccións, cómpre destacar en primeiro termo a de patrimonio, tanto no que atinxe os títulos como a administración, con series amplamente representadas como é o caso de diferentes escrituras: arrendamentos, compravendas, doazóns, foros, permutas, testamentos, conciliacións, etc.; ou os expedientes de partición de herdanzas, preitos, cartas de pagamento, contas, etc.
Tamén podemos destacar en numerosos subfondos as seccións correspondentes a diferentes arquivos individuais, como no caso das casas de Bieite, Castrofeito ou Castro do Seixo. Nelas podemos atopar información de tipo persoal, como distintos tipos de certificados ou correspondencia; pero, máis habitualmente, información sobre os diferentes cargos e oficios exercidos por diversos membros destas casas: xa no século XIX e no pazo de Bieite, abundante información sobre cargos públicos de Fernando Barreiro e do seu fillo, o político José Joaquín Barreiro; en Castrofeito, os cargos exercidos, tamén preferentemente no século XIX, por parte de Fernando Ferro de Castro; para os séculos XVII e XVIII conservamos bastante documentación dos cargos exercidos por Andrés Montero de Villar, pai e fillo.
Cómpre destacar, por outra banda, dentro da sección de Padroados e Obras Pías, a documentación da Obra Pía de San Antonio en Melide. En realidade achégase a este fondo porque algúns membros da familia exerceron diversos cargos na institución, que pertencía á casa de Segade, de orixe tamén melidense.
Finalmente, algúns documentos non se puideron identificar como pertencentes a ningunha das casas ou seccións, polo que se incluíron na sección de documentos sen adscrición.
O fondo proporciona información para unha ampla zona do interior da Coruña, especialmente nos municipios de Boimorto, O Pino, Arzúa, Melide, Touro ou Santiago de Compostela. Tamén do municipio da Coruña e doutros próximos como Cambre, Betanzos, Sada, Arteixo, Oleiros, etc. Ademais, conservamos algunha documentación de zonas da provincia de León.
Condicións de acceso
Condicións de acceso
Descrición condicións de acceso:
Acceso libre en xeral. Determinadas series están afectadas por limitacións no acceso, de acordo coas condicións xerais da lei.
Normativa:
Ao estaren depositados no Arquivo do Reino de Galicia e moitos contaren con máis de cen anos, os documentos que integran o fondo adquiren a condición de bens de interese cultural, tal e como estipulan o artigo 50 da Lei 8/1995, do 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia; o capítulo III da Lei de arquivos de Galicia, Lei 7/2014, do 26 de setembro, de arquivos e documentos de Galicia; e o establecido nos artigos 49 e 60 da Lei 16/1985, do 25 de xuño, do patrimonio histórico español. Así, pasan a gozar do réxime de protección que as devanditas normas establecen para estas categorías de bens culturais.
Condicións de reprodución
Condicións de reprodución:
Os límites de reprodución desta documentación veñen dados tanto polo seu estado de conservación (cando este non sexa bo, aínda que non é o caso da meirande parte do fondo), como polas condicións de acceso.
Tendo en conta a segunda opción son reproducibles todos os documentos susceptibles de consulta. A normativa de aplicación é a que segue:
- Decreto 219/2011, do 17 de novembro, polo que se fixan os prezos públicos e as normas dos servizos de reprodución prestados nos arquivos xestionados pola Xunta de Galicia.
- Orde do 31 de agosto de 2010, pola que se establecen as normas para a consulta e reprodución dos documentos nos arquivos propios e xestionados pola Xunta de Galicia.
Dereitos de Autor
Situación de Dereitos de Autor:
Os deseños que forman parte do fondo son obxecto de propiedade intelectual por parte dos seus autores cando se teña constancia deste dato (art. 1, 4, 14 do Real decreto lexislativo 1/1996, do 12 de abril, aprobación do texto refundido de propiedade intelectual).
Características físicas
Descrición do estado de conservación:
Basicamente, documentación textual manuscrita en papel
Documentación relacionada
Existencia e localización de copias
Existencia de copias:
Non existen copias
Unidades de descrición relacionadas
Unidades de descrición relacionadas:
Existen preitos do fondo da Real Audiencia de Galicia que teñen como demandantes ou demandados a membros desta familia.