A Garda Civil,é un instituto armado de natureza militar que forma parte das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado. Nace en 1844 baixo o control do Ministerio da Guerra, froito do grave problema de seguridade pública que había en España no ámbito rural tras finalizar a Guerra Carlista. Segundo o decreto do 13 de maio de 1844, o corpo militar queda suxeito ao Ministerio da Guerra no que se refire á organización, persoal e disciplina e ao Ministerio de Gobernación en canto a servizo e movementos.
Ten unha organización centralista despregada por todo o territorio nacional, quedando estruturado desde a Dirección Xeral ou Inspección Xeral en terzos, comandancias, liñas e postos ou destacamentos.
Durante a Guerra Civil española (1936-1939) divídese en dúas forzas, unha republicana e outra nacional. A partir de 1937 deixa de existir na zona republicana e, polo Decreto do 30 de agosto de 1936, pasa a denominarse Garda Nacional Republicana.
Durante o réxime de Franco prodúcese unha reorganización total coa lei do 15 de marzo de 1940, onde se unifica co Real Corpo de Carabineiros de Costas e Fronteiras (fundado o 9 de marzo de 1829). Tras a unificación da Garda Civil co Corpo de Carabineiros o 23 de xullo de 1942 apróbase o regulamento militar, e o 14 de maio de 1943 o regulamento para o servizo.
Coa aprobación da Constitución de 1978 a Garda Civil adscríbese ás Forzas e Corpos de Seguridade do Estado conservando a súa natureza militar pero deixando de formar parte das Forzas Armadas.