Destacamento Penal de San Esteban de Sil (Ourense, España)
2. Área de descripción
2.2 Historia/Descripción:
O Destacamento Penal de San Esteban de Sil, foi unha dependencia penal que estivo operativa apenas dous anos, entre mediados de 1951 e finais de 1953, na que os reclusos redimían as súas condenas traballando na construción do encoro de Santo Estevo, no canón do río Sil (concello de Nogueira de Ramuín), converténdose nunha das maiores obras da enxeñería hidráulica de Galicia. Este tipo de destacamentos encargábanse da realización de obras estatais ou contratadas por diferentes empresas e que adquirían a cualificación de "interese nacional", neles os reclusos traballarían nunha situación de semilibertade en contacto con obreiros libres.
A orixe deste destacamento debemos situalo a finais de 1951, cando a empresa de Dragados y Construcciones S.A. solicita autorización para o traslado do destacamento de penados que ten ao seu cargo, desde Celucos (Santander) a Santo Estevo de Ribas de Sil (Ourense), co fin de traballar nas obras de construción do encoro de Santo Estevo que deran comezo en 1945. Está solicitude obtivo o visto e prace por parte da Dirección Xeral da Garda Civil, quen o 28 de decembro de 1951 ordena ao xefe da 239 Comandancia de Ourense que tan pronto cheguen os reclusos á mencionada localidade, procedan a constituír un destacamento de forza, cos números que estime necesarios, para a custodia e vixilancia dos mesmos. O 16 de febreiro de 1852, o Padroado Central da nosa Señora da Mercé para a Redención das Penas polo Traballo comunica esta decisión ao director da Prisión Provincial de Ourense para que estableza contacto co xefe da mencionada Comandancia co fin de comezar a preparar o destacamento.
A partir dos meses de maio e xuño vanse incorporando presos de distintas procedencias, tanto doutras prisións galegas como do resto da península: da Prisión Provincial de Ourense, de Pontevedra, de Lugo, da Coruña, de Ávila, de Burgos, de Vitoria, de Zamora ou da Prisión Central do Dueso. Entre os reclusos destinados a este destacamento mesturábanse os condenados por penas de rebelión marxista, rebelión militar, deserción con aqueles outros acusados de delitos comúns.
Con todo, o número de reclusos non debía satisfacer á empresa concesionaria da construción do encoro, debido as constantes flutuacións orixinadas pola obtención da liberdade condicionada de moitos destes penados; en ocasións o seu número oscilou de 96 a 30 nun intervalo duns poucos meses. De feito, o 10 de xuño de 1952 solicítanse máis penados argumentando que os traballos se intensifican polo que se necesita máis xente, especificando que deben ser obreiros cualificados. Un ano máis tarde, o 22 de xuño de 1953, o responsable do penal, Alejandro López Otero, comunica que debido as condicións nas que se atopaba o destacamento neses momentos -escaseza de persoal, enfermos, accidentados, etc.- é moi probable que o empresa propoña o seu peche, polo que aconsella a conveniencia de aumentar a poboación reclusa ata os 100 penados. Finalmente, o 13 de decembro de 1953, os 82 penados do destacamento son trasladados á Prisión Provincial de Ourense, procedéndose nos días seguintes ao peche do mesmo.
O encoro inaugurarase en 1956, aínda que as obras finalizaron un ano máis tarde, en 1957.