Os xulgados comarcais créanse mediante a Lei de Bases para a reforma da Xustiza Municipal, do 19 de xullo de 1944, a cal reorganiza a xustiza municipal en tres clases de órganos xurisdicionais: xulgados de paz, xulgados municipais e xulgados comarcais. Os cargos de xuíces e fiscais nos xulgados comarcais estaban desempeñados por funcionarios da carreira xudicial.
Os xulgados comarcais administraban xustiza nos municipios que eran centros ou capitais de comarca, mentres que os xulgados municipais se establecían nas capitais de provincia e nos concellos de máis de vinte mil habitantes. Pola súa banda, os xulgados de paz exercerían as súas competencias alí onde non houbese xulgados municipais nin comarcais.
Estas medidas serán reforzadas polo decreto do 8 de novembro de 1944, que desenvolve a base primeira da Lei para a reforma da Xustiza Municipal de 1944 ditando unha serie de instrucións para o establecemento das comarcas xudiciais.
O Xulgado Comarcal de Ribadeo constitúese por mor da Orde do 24 de marzo de 1945 que aproba a súa demarcación xudicial e comprende todos os xulgados de paz do seu partido.
A Lei 19/1967, do 8 de abril, sobre modificación de determinados preceptos da Lei de Bases do 19 de xullo de 1944, amplía a trinta mil habitantes de dereito o número polo cal se constitúe un xulgado municipal, quedando dese xeito designados como comarcais os xulgados de municipios de poboación inferior a trinta mil habitantes e que non sexan capitais de provincia.
As funcións asignadas a estes xulgados comarcais de nova creación eran coñecer en primeira instancia das faltas de imprenta, lesións e estafa ocorridas no seu ámbito comarcal, e as demais faltas producidas na capital da comarca (que noutros termos municipais estaban vistas polos xuíces de paz). Así mesmo, encargábanse do sumario ata que interviñese o xuíz de instrución. Correspondíanlle coñecer ademais os xuízos de cognición dunha determinada contía, os procesos de desafiuzamento e os arrendamentos urbanos que non superen unha determinada cantidade e sempre que estes non se refiran a locais comerciais, industriais ou de profesións colexiadas, que nese caso serán atribuídos a xuíces de primeira instancia. Os procedementos preventivos e actos de xurisdición voluntaria que as leis encomendan aos xuíces municipais, serán vistos polos xuíces comarcais no territorio da súa xurisdición. No municipio capital da comarca coñecían os actos de conciliación e as outras funcións que as leis atribuían aos xuíces de paz. Por último, os xuíces comarcais tiñan ao seu cargo o Rexistro Civil da capitalidade comarcal e inspeccionaba os xulgados de paz da comarca.
O Decreto do 24 de xaneiro de 1947 sobre competencia da Xustiza Municipal, que desenvolve a Base novena da Lei do 19 de xullo de 1944, incide nas atribucións que lles corresponden, aclarando algúns preceptos sobre procesos de desafiuzamentos e arrendamentos de predios urbanos, ao mesmo tempo que determina a contía necesaria para tramitar os xuízos verbais e os xuízos de cognición.
Os recursos de apelación e de queixa contra as sentenzas pronunciadas polos xuíces comarcais presentábanse ante o xulgado de primeira instancia e instrución do partido.
Os xulgados comarcais terán o seu final en 1977 ao crearse os xulgados de distrito. O precedente da súa desaparición establécese coa Lei 42/1974, do 28 de novembro, de Bases, Orgánica da Xustiza. Esta disposición normativa integra aos xuíces municipais e comarcais no corpo de xuíces de distrito.
Esta lei será desenvolta polo Real Decreto 2014/1977, do 29 de xullo, polo que se aproba o texto articulado parcial da Lei de Bases 42/1974, do 28 de novembro, Orgánica da Xustiza, en virtude da autorización contida no Real Decreto-lei 24/1976, do 28 de novembro, que unifica os xulgados municipais e comarcais baixo a denominación de xulgados de distrito, que asumirán as súas funcións e competencias e exercerán a súa xurisdición no territorio dun ou varios municipios.
Historia archivística
A documentación xerada por este organismo xudicial era custodiada polo Xulgado de Primeira Instancia e Instrución nº 2 de Mondoñedo
Alcance e conteúdo
O ámbito temporal do fondo circunscríbese á segunda metade do século XX. Principalmente, está formado por expedientes de asuntos civís e xuízos de faltas.
A documentación xerada por este organismo xudicial orixina unha importante fonte de información para a investigación histórica en diferentes ámbitos como a emigración ou a vida cotiá das entidades de poboación que conforman a comarca xudicial de Viveiro. Así mesmo, os procedementos civís poden servir de proba de dereitos, por exemplo, nos asuntos relacionados coa propiedade da terra
Condiciones de acceso
Condiciones de acceso
Descripción condiciones de acceso:
A documentación é de acceso libre, excepto nos casos nos que non se superou o prazo que determina a lexislación vixente para a súa consulta
Condiciones de reproducción
Condiciones de reproducción:
Os prezos e as normas do servizo de reprodución estarán suxeitos ás disposicións establecidas pola Xunta de Galicia. A prestación do servizo quedará condicionada ao estado de conservación dos fondos
Documentación relacionada
Unidades de descripción relacionadas
Unidades de descripción relacionadas: No Arquivo Histórico Provincial de Lugo pódense atopar documentos relacionados no fondo do Xulgado de Primeira Instancia e Instrución de Ribadeo, como poden ser as apelacións das resolucións pronunciadas por este Xulgado Comarcal. Igualmente poderá atoparse documentación relacionada no sucesor, o Xulgado de Distrito, depositado no arquivo do Edificio dos Xulgados de Mondoñedo
Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Xunta de Galicia