Os xesuítas establécense en Galicia a mediados de 1550 e súmanse á rede educativa que existía coas escolas de primeiras letras, contribuíndo ademais ao labor de apostolado no eido rural. A Compañía de Xesús será a partir de entón a principal institución que se encargue do ensino secundario en terras galegas. O colexio de Monterrei, en 1555, foi a primeira fundación xesuíta en Galicia. Inaugurouse grazas á financiación do bispo ourensán Francisco Manrique de Lara e do conde de Monterrei, Alonso de Acevedo, que doaron para isto uns beneficios da súa propiedade, os de San Pedro de Queizás, San Salvador de Vilaza, Santa María de Tamagos, San Salvador de Guillamil e Santa María de Mandín. Posteriormente, o prelado ourensán Francisco Blanco de Salcedo establece alí un seminario de estudantes para o bispado de Ourense, ampliado a partir de 1573 con un colexio maior, o de San Xoán Bautista. En 1569 completouse con unha casa de exercicios espirituais, a onde acodían os abades e capeláns do episcopado auriense. Neste colexio levouse a cabo o primeiro intento de crear unha universidade en Galicia distinta á de Compostela pero a tentativa fracasou. Ademais de fundar unha escola de nenos, os xesuítas ensinan en Monterrei Gramática e Humanidades, Artes e Teoloxía Moral, sendo ata o século XVIII o colexio da Compañía de Xesús máis importante de Galicia. A institución mantívose ata a expulsión dos xesuítas en 1767 coa aplicación da Pragmática de Carlos III. A igrexa pasou entón a mans dos franciscanos e a biblioteca á universidade compostelá.
Historia archivística
Este fondo ingresou no arquivo procedente da Delegación de Facenda en 1943. Forma parte dos documentos fundacionais do Arquivo Histórico Provincial de Ourense e procede das institucións relixiosas desamortizadas no século XIX. Trala Desamortización os arquivos das institucións relixiosas ingresaron no Arquivo Histórico Nacional pero unha boa parte dos fondos monásticos ourensáns permaneceu nas dependencias provinciais de Facenda e pasou a constituír a documentación fundacional do arquivo.
Condiciones de acceso
Características físicas
Material en el que se registra la información:
Papel
Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Xunta de Galicia