O Arquivo da Real Academia Galega está constituído pola documentación xerada e recibida pola institución no exercicio das súas funcións e actividades e conservada para a xestión, a información, a cultura e a investigación. A súa orixe data da fundación da RAG, en 1906, e constitúe unha fonte fundamental para o coñecemento da historia da institución -organización, finalidades, traballo, conexión coa sociedade, etc.- e dos seus membros.

Conserva, asemade, os arquivos que gardan a documentación persoal, familiar e profesional dos intelectuais que, co pasar do tempo, fixeron doazón dos mesmos á RAG. Entre eles destaca o de Emilia Pardo Bazán, que contén tanto os seus manuscritos literarios como unha sección patrimonial de grande interese. Tamén conserva a RAG os de Andrés Martínez Salazar, Murguía, Pondal e doutras figuras destacadas da historia cultural galega do último século.

Os arquivos de empresas, asociacións e institucións, aínda que en menor cantidade que os anteriores, tamén están presentes nos fondos da RAG.

As coleccións, recibidas, compradas ou producidas pola propia institución, compoñen a última sección dos fondos do Arquivo.

 

ACCESO

O acceso á documentación é libre coas restricións que, por razón da materia, impón a lexislación vixente ou o estado de conservación. Para a consulta dos documentos é necesario que o peticionario se identifique con algún documento oficial de identidade (DNI ou pasaporte).

 

HORARIO DE ATENCIÓN AO PÚBLICO

Mañá

Luns a Venres: 8:45 a 14:30 h.

Tarde

Luns a Xoves: 16:30 a 19:45 h.

CONTACTO

Teléfono: 981 20 73 08
Fax: 981 21 64 67
Correo electrónico: arquivo@academia.gal
Web: www.academia.gal