De acordo coa información que achega a Consellaría de Cultura do Principado de Asturias no sitio web "biografiasasturias.es" , Alfredo Álvarez Cascos pertencía a unha das familias máis influentes da parte occidental de Asturias. Naceu en Luarca o 12 de setembro de 1849, fillo de José Álvarez-Cascos Canel e Úrsula González Santamarina.
Rematou a carreira de enxeñeiro de camiños no ano 1870 e foi destinado na Coruña con cargo de director facultativo das obras de construción do porto. Posteriormente, e tras ascender a enxeñeiro de primeira categoría, atopou destino en Asturias, onde dirixiu numerosas obras. En 1896, destinárono á dirección de Ferrocarriles do Norte. En 1902, pasou á dirección da Canle de Isabel II, cargo que ocuparía ata 1909, en que foi nomeado inspector xeral do Corpo de Enxeñeiros. Faleceu o 21 de xuño de 1935.
Este conxunto ingresou no Arquivo do Reino de Galicia por compra o día 6 de outubro de 1998. Inscribiuse no Rexistro Xeral de Entrada de Fondos co número 11/1998. Formaba parte doutro conxunto máis amplo, que comprendía tamén publicacións e documentos cartográficos, ofertado á Xunta de Galicia pola Casa Encuadernaciones Ex-Libris, S.L. Os oito documentos de Álvarez Cascos adquiríronse por 374.700 ptas (2.251,99 €).
Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Xunta de Galicia