A sociedade mercantil regular Hijos de Simeón García y Cía, de Vilagarcía de Arousa, parece ter unha dobre orixe. Por unha banda, a razón social Hijos de Simeón García de Santiago, ao parecer constituída naquela cidade no ano 1857 e cunha sucursal en Vilagarcía. No entanto, no fondo documental consta a constitución como razón social nunha escritura pública do 16 de abril de 1907, prorrogada noutra escritura do 16 de abril de 1915. Por outra banda, un comercio denominado Nuevo Mundo establecido en Vilagarcía o 18 de maio de 1917.
O 18 de xaneiro de 1922 constitúese en Vilagarcía como sociedade mercantil regular colectiva, que é aquela en que todos os socios, en nome colectivo e baixo unha razón social, se comprometen a participar dos mesmos dereitos e obrigas, na proporción que establezan, con responsabilidade indefinida. Constitúese baixo a razón social Hijos de Simeón García y Compañía, con enderezo na rúa Calderón nº 13 e 15. Forman parte dela a razón social Hijos de Simeón García de Santiago, representada por Isabel García Blanco, socia xerente, que participa co 75% do capital en mercadorías; e por Esteban Fuentes Marín e Jacobo Rey Daviña, do comercio e con domicilio en Vilagarcía, no mesmo enderezo que a sociedade creada, correspondente á sucursal da sociedade Hijos de Simeón García. Achegan estes o 25% restante en numerario.
O obxecto da sociedade é a compra e venda por xunto e polo miúdo de tecidos do reino e do estranxeiro, paquetaría, quincalla, operacións de banca e de lícito comercio. Toma ao seu cargo todo o activo e pasivo, dereitos e obrigas, créditos, débedas, existencias e accións da sucursal da sociedade Hijos de Simeón García, da que é continuadora e sucesora universal.
Así, a sociedade desenvolverá as súas actividades desde a súa fundación nos ditos ramos do comercio e da banca. Con todo, unha carta do 27 de agosto de 1958 refírese ao cesamento na actividade bancaria a partir do 1 de setembro dese ano. Este feito é consecuencia do acordo asinado entre a sociedade de Vilagarcía e o Banco Español de Crédito, polo que este se subrogaba nas operacións que ata ese momento viña desenvolvendo aquela.
A documentación conservada parece indicar que, no que respecta á actividade mercantil, a sociedade continuou activa sen interrupción ata o ano 1966. Neste ano, o día 1 de xullo, constituíuse perante o notario do Colexio da Coruña Luis Solano Aza unha sociedade mercantil denominada Almacenes Simeón S.A., domiciliada en Vigo, na que participa a razón social Hijos de Simeón García y Compañía, S.R.C. de Vilagarcía.
Esta sociedade organízase de xeito que para os efectos de consumo global de fin de ano, toda se considera unha soa. Os almacéns son administrados de forma centralizada pola razón social de Vigo, mentres que as tendas, repartidas pola Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago, Vigo e Vilagarcía, son autónomas: o provedor leva unha conta separada de cada unha para facturación, cargo e xiros.
De acordo coa documentación conservada, tanto Almacenes Simeón, S.A como Hijos de Simeón García y Compañía, S.R.C. de Vilagarcía cesan na súa actividade no ano 1978.
Historia archivística
A documentación do fondo Hijos de Simeón García y Compañía conservábase en poder de dona Teresa Barreiro Meiro, viúva de Jacobo Rey Sánchez, quen a comezos do ano 2000 ofreceu cederlle os fondos documentais á Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo en réxime de comodato.
O fondo ingresou no Arquivo do Reino de Galicia o 11 de agosto de 2000, onde se procedeu a un primeiro exame da documentación co fin de coñecer o seu interese. Tras o informe favorable do director do centro, o conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo acepta a cesión mediante a resolución do 24 de xaneiro de 2001.
O día 23 de marzo de 2001 ten lugar a recepción definitiva do fondo no Arquivo do Reino de Galicia. O 14 de maio de 2001 asínase o contrato de cesión en réxime de comodato.
Alcance y contenido
Conforman o fondo, case con exclusividade, diversas series de rexistros contables levados segundo a lexislación mercantil. Entre elas, libros auxiliares de contas debedoras, libros borradores do diario, libros de contas impersoais, libros diarios, libros inventarios, libros maiores, libros auxiliares de provedores, libros borradores diarios de vendas, libros borradores mensuais de almacén, libros borradores mensuais de vendas, libros de ambulantes, libros diarios de mercadorías, etc.
Condiciones de acceso
Condiciones de acceso
Descripción condiciones de acceso:
Determinadas series están afectadas por limitacións no acceso, de acordo do previsto no artigo 57 da lei 16/1985 do patrimonio histórico español.
Condiciones de reproducción
Condiciones de reproducción:
A normativa de aplicación é a que segue:
- Decreto 219/2011, do 17 de novembro, polo que se fixan os prezos públicos e as normas dos servizos de reprodución prestados nos arquivos xestionados pola Xunta de Galicia.
- Orde do 31 de agosto de 2010, pola que se establecen as normas para a consulta e reprodución dos documentos nos arquivos propios e xestionados pola Xunta de Galicia.
Lengua:
Spanish; Castilian
Escritura:
Carolina
Características físicas
Estado de conservación:
Regular
Documentación relacionada
Existencia y localización de copias
Existencia de copias: Non existen copias
Unidades de descripción relacionadas
Unidades de descripción relacionadas: Pode considerarse relacionada a documentación do fondo Jacobo Rey Sánchez. Atoparase documentación complementaria no Arquivo Histórico Provincial de Ourense e no Arquivo Universitario de Santiago de Compostela. Sociedade Mercantil "Hijos de Simeón García y Cía" (AHP Ourense).