A necesidade de dispor de órganos de administración económica e tributaria con xurisdición territorial inferior á provincial responde a unha dobre finalidade: o achegamento da Administración ao cidadán e a busca dunha meirande eficacia na actuación da Administración tributaria periférica, xa que permite un mellor coñecemento da realidade e unha desconxestión das delegacións.
Poden atoparse antecedentes das depositarías especiais nas administracións comarcais creadas no ano 1779, ou nas subdelegacións e depositarías de partido do ano 1916.
O Real decreto do 23 de maio de 1845, que organiza a Administración central e provincial da Facenda Pública, fala de administradores e de depositarios entre as autoridades e empregados con sede en localidades non capitais de provincia. Os depositarios de cada partido administrativo recibían dos cobradores e recadadores todos os produtos da Facenda Pública e efectuaban os pagamentos que lles ordenaba o tesoureiro da provincia, a quen remitían os fondos.
A Lei do 11 de maio de 1888 crea administracións subalternas de Facenda nas poboacións que, non sendo capitais de provincia, tiveren Xulgado de Primeira Instancia ou Rexistro da Propiedade, ou contaren con máis de 20.000 habitantes. Estas administracións subalternas eran de tres clases, contaban cun administrador e un interventor e, nas de Ceuta, Cartagena, Ferrol, Las Palmas, Eivissa e Maó, un caixeiro.
En Ferrol establécese unha administración subalterna de primeira clase que substitúe a depositaría preexistente. O funcionamento queda establecido mediante un regulamento orgánico da Administración económica provincial da mesma data.
Estas administracións subalternas de Facenda tiveron unha vida efémera e pasaxeira, xa que foron suprimidas polo artigo 29 da Lei de presupostos do 30 de xuño de 1892. Xa antes, a Lei de presupostos do 29 de xuño de 1890 autorizaba o Goberno a reorganizalas (artigo 10); mediante Real decreto do 1 de agosto de 1890 suprímense 173 delas e polo Real decreto do 27 de outubro de 1891 elimínanse outras 192, mentres que en determinados puntos establecíanse novas administracións de partido.
O Real decreto do 9 de xullo de 1892, que reorganiza os servizos da Facenda pública, fixa os cadros de persoal do Ministerio de Facenda e detalla os das administracións e depositarías especiais, entre elas a de Ferrol.
O Regulamento orgánico da Administración económica provincial do 13 de outubro de 1903 menciona as administracións especiais, as depositarías especiais e as administracións-depositarías, entre outros organismos que desempeñan un servizo económico do Estado nas provincias. O artigo 19 deste regulamento establece que ás administracións especiais lles corresponde o recoñecemento e a liquidación dos dereitos e obrigas; ás depositarías especiais, o pagamento das obrigas que deban satisfacerse no seu ámbito de actuación.
A Real orde do 7 de febreiro de 1931, completada por outra do día 24, ditou normas sobre o establecemento e funcionamento das administracións-depositarías especiais, dispoñendo que nelas existiría unha Administración, unha Intervención e unha Depositaría Pagadoría. Co tempo fóronse ampliando, adaptando e concretando os servizos que tiñan encomendados: deste xeito, pola Circular do 10 de xaneiro de 1947 poden recibir declaracións de alta da contribución industrial e practicar as correspondentes liquidacións.
Volven ser citadas no Decreto do 3 de xullo de 1965, de reorganización da Administración territorial (art. 14.7) e na Orde ministerial do 31 de xaneiro de 1966 que o desenvolve (no número 9 fai referencia ás depositarías especiais coas funcións que menciona o artigo 19 do regulamento de 1903).
O Decreto do 20 de febreiro de 1979 reorganiza a Administración territorial da Facenda pública: no seu artigo 3º establece que a Facenda pública estará integrada polas delegacións especiais de Facenda, as delegacións de Facenda e as administracións de Facenda. Inténtase un achegamento da Administración ao contribuínte e a delimitación da competencia territorial tendo en conta localización dos suxeitos pasivos, determinada polo domicilio fiscal; así, xustifícase a creación das administracións de Facenda cun ámbito de actuación territorial limitado a demarcacións inferiores á provincia (supón facilitar as relacións do contribuínte coa administración; deste xeito, as relacións desenvolveranse no lugar de residencia habitual). Este decreto regula a competencia, composición orgánica e funcións das administracións-depositarías especiais (art 25-30), que desenvolverán as funcións de xestión tributaria das administracións de Facenda.
A Orde ministerial do 10 de xuño de 1980 outorga ás administracións de Facenda rango de órganos de recadación do Ministerio de Facenda coas funcións de:
- recepción, intervención e contabilización dos ingresos efectuados na Caixa ou nas entidades colaboradoras;
- expedición de ordes de ingreso e de pagamento;
- recepción dos recibos por débedas tributarias;
- cargo dos devanditos recibos ás zonas recadadoras encravadas no ámbito das administracións de Facenda;
- vixilancia dos valores pendentes.
Conclusión:
As Administracións de Facenda deben realizar as seguintes funcións:
- Información e asistencia ao contribuínte
- Realización de actuacións inspectoras
- Realizacións dos actos administrativos de liquidación e demais da xestión tributaria
- Gravación de toda a información con transcendencia tributaria
- Fiscalización dos actos administrativos tributarios ditados na Administración
- As derivadas da súa consideración como órganos de recadación do Ministerio de Facenda.
A Real orde ministerial de 12 de abril de 1984 pola que establecen as administracións de facenda da Delegación especial de Facenda de Galicia recoñece a súa existencia anterior e fixa o seu novo ámbito de actuación
Historia arquivística
A documentación desta administración chegou misturada coa da Intendencia provincial e logo da Administración económica provincial permaneceu no edificio da antiga Intendencia de Galicia, que segundo unha memoria presentada por Andrés Martínez Salazar, ocupaba a mellor parte do edificio ata que as autoridades militares se fixeron con el, relegando esta documentación ao sotos húmidos, onde a arroxaron toda sen nengún tipo de consideración. Na mesma memoria indica que o delegado, enterado de que a Deputación provincial dispoñía dunha casa libre, solicita o traslado a ese espazo duns 725 legaxos de papeis e libros de propiedades e dereitos do Estado e libros procedentes de varias bilbiotecas de conventos da provincia; aquí conservouse ata o seu traslado ao arquivo. Esta situación de abandono explica o mal estado de parte da documentación conservada
Condicións de acceso
Condicións de acceso
Descrición condicións de acceso:
Acceso libre, salvo a aquelas series que conteñan datos de carácter persoal ou que poidan ser obxecto de restrición de acordo coa normativa vixente
Documentación relacionada
Existencia e localización de copias
Existencia de copias: Non existen copias
Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia