A Organización de Traballos Portuarios foi un organismo autónomo, dependente do Ministerio de Traballo, que tiña atribuído o coñecemento dos asuntos referentes á ordenación das relacións de traballo e á asistencia social dos traballadores portuarios, así como a tarefa de velar pola elevación do nivel profesional e socioeconómico e pola mellora da produtividade. Creouse no ano 1969. Herdou as funcións do Servizo de Traballos Portuarios, que á súa vez as recibira da Sección Central de Traballos Portuarios que se formara co patrimonio dos servizos sindicais correspondentes desaparecidos en 1939.
Xa na Orde do 27 de marzo de 1943 —que modificaba o Regulamento nacional de carga e descarga, estiba e desestiba do ano 1939— créase a figura da Sección de Traballos Portuarios en cada porto (dependente da Delegación de Traballo, aínda que coa "debida autonomía"), que se fai cargo do patrimonio dos servizos sindicais. A súa xefatura correspondíalle ao delegado de Traballo. Algunhas das funcións desta sección eran confeccionar listas dos traballadores do porto e establecer quendas; estudar os problemas que podían xurdir e as medidas para a organización das operacións portuarias; executar indemnizacións; colaborar coa Dirección Xeral de Previsión para a implantación de subsidios...
Ao ano seguinte, coa Orde do 12 de decembro, reorganizáronse os servizos de traballos portuarios: a Sección Central, que acababa de crearse a través dunha orde do 10 de febreiro, integrábase coas diferentes seccións nun Servizo de Traballos Portuarios, que seguía dependendo da Dirección Xeral de Traballo, aínda que tiña personalidade xurídica propia. As súas funcións eran as de favorecer o melloramento moral, profesional, económico e social dos traballadores portuarios. O Servizo quedaba constituído pola Sección Central e as seccións provinciais, que radicaban nas capitais das provincias marítimas que se considerase oportuno ou nos portos de maior importancia dentro delas. Como organismos dependentes das seccións podíanse establecer subseccións e comisións técnicas asesoras.
No ano 1947 aprobouse o Regulamento nacional de traballos portuarios, que creou o marco das relacións de traballo e asistencia social no eido dos labores portuarios entre empresarios, traballadores e o Servizo de traballos portuarios. Neste regulamento fíxanse as funcións e a estrutura do Servizo, xa bosquexados na norma anterior, e recálcase a súa función asistencial: faise cargo de servizos como comedores, economatos, escolas, etc., así como da organización de comités de seguridade e hixiene (art. 68). Ademais, encargouse do aboamento de indemnizacións, de primas de seguros, etc. O regulamento tamén menciona que os traballadores amparados por el estaban protexidos pola totalidade dos seguros sociais (para a súa afiliación dependían da sección ou dunha subsección), e establece un seguro de enfermidade propio á parte do réxime xeral. As súas prestacións, tanto sanitarias como económicas, podían ser practicadas por un Montepío (art. 78). Unha orde do 15 de decembro do mesmo ano aproba o Regulamento do Servizo de Traballos Portuarios.
No ano 1952 o Servizo sofre unha reorganización e pasa a depender da Subsecretaría do Ministerio.
O novo regulamento nacional de traballos portuarios do ano 1962 menciona, como organismo reitor, administrativo ou de vixilancia, o Servizo de Traballos Portuarios a través das súas seccións, subseccións e representacións.
No ano 1969 substituíuse aquel regulamento por unha ordenanza do traballo de estibadores portuarios, que integra dentro dos organismos reitores, administrativos ou de vixilancia a Organización de Traballos Portuarios, a través das súas seccións, subseccións e representacións, e dentro delas, oficinas administrativas, xuntas e comisións.
En 1971 apróbase o Regulamento de seguridade, hixiene e benestar dos estibadores portuarios, que contempla a asignación á OTP da vixilancia, instrución, coordinación e asistencia social sobre a materia. Sinala que seguirán funcionando os comités de Seguridade e Hixiene dispostos no artigo 162 da Orde de 1969.
A Orde do 29 de marzo de 1974, de Ordenanza do traballo de estibadores portuarios, di que a Organización de Traballos Portuarios era un organismo autónomo dependente do Ministerio de Traballo, que tiña atribuído o coñecemento e resolución dos asuntos e cuestións referentes á ordenación das relacións de traballo e asistencia social dos traballadores portuarios, así como velar pola elevación do nivel profesional e socioeconómico e pola mellora da produtividade.
Segundo o Real decreto do 24 de outubro de 1980, a OTP estaba constituída como organismo autónomo de carácter administrativo, adscrito ao Ministerio de Traballo a través da súa Subsecretaría, cun cometido esencial en canto a oficina especial de emprego para o sector portuario, xa que atende as solicitudes que formulan as empresas estibadoras. Tamén se encarga da xestión e administración dos fondos correspondentes para o pago de salarios, no seu caso, e outros beneficios aplicables a este sector laboral; da creación e mantemento das instalacións destinadas a servizos relativos ao benestar dos estibadores; da súa formación profesional e de prevención; e da colaboración na aplicación da Seguridade Social a estes traballadores.
A OTP desapareceu co Real decreto lexislativo 2/1986, do 3 de maio, que estableceu as bases dun novo réxime de estiba e desestiba mediante a creación de sociedades estatais con traballadores aos que se lles aplica a regulación propia da relación laboral de carácter especial.
Historia arquivística
Esta documentación chegou ao Arquivo por medio dunha transferencia enviada pola Subdelegación do Goberno (Área de Traballo e Asuntos Sociais) o 29 de abril de 2003.
Alcance e contido
Abarca o período cronolóxico comprendido entre os anos 1947 e 1992. O seu ámbito xeográfico abrangue os portos da provincia da Coruña.
As series identificadas son as seguintes: Actas, Antecedentes para o coñecemento da situación xurídica de bens inmobles da OTP, Certificados, Correspondencia, Expedientes de Nomeamentos e confirmacións de persoal sanitario, Expedientes de reunións, Expedientes de remisións de actas, Expedientes de sancións, Libros de actas e Relacións de membros.
Condicións de acceso
Condicións de reprodución
Condicións de reprodución:
A reprodución da documentación deste fondo está suxeita ás seguintes disposicións:
- Decreto 219/2011, do 17 de novembro, polo que se fixan os prezos públicos e as normas dos servizos de reprodución prestados nos arquivos xestionados pola Xunta de Galicia.
- Orde do 31 de agosto de 2010, pola que se establecen as normas para a consulta e reprodución dos documentos nos arquivos propios e xestionados pola Xunta de Galicia.
Lingua:
Spanish; Castilian
Características físicas
Estado de conservación:
Moi bo
Documentación relacionada
Existencia e localización de copias
Existencia de copias: Non existen copias
Unidades de descrición relacionadas
Unidades de descrición relacionadas: Hai que facer mención dos expedientes de prema da OTP que se atopan no fondo da Maxistratura de Traballo nº 2 da Coruña custodiado no ARG; tamén hai un expediente de visado da delegación da Coruña do COAG sobre a reforma dunha vivenda pertencente á Organización (U.I.11604). Ademais, hai que indicar a posibilidade da existencia de documentación da OTP nos distintos arquivos histórico-provinciais de zonas marítimas (por exemplo, no de Huelva), e no propio Ministerio de Traballo. Sindicato Local do Porto da Coruña
Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia