A principios do século XIV a orde dominicana construíu un primitivo mosteiro en Santa Marta de Ortigueira, no mesmo sitio que ocupa o actual. A súa construción era tan pobre e defectuosa que cando a mediados do século XVIII tentou repararse foi imposible polo seu estado de ruína, polo que houbo que construílo de nova planta.
En 1748 comezou a construción do novo edificio con máis perímetro que o anterior e cuxos traballos duraron máis de dez anos. Serviu de residencia aos frades dominicos ata 1835, momento en que tiveron que abandonalo para sempre por mor da orde de exclaustración decretada polo goberno presidido por D. Juan Álvarez Mendizábal, pasando a mans do Estado.
A primeira dependencia pública que se instalou no exconvento foi o cárcere do partido e en 1836 as oficinas da Real Facenda. Despois de sete anos de trámites e executándose obras por valor de 39.000 reais, instaláronse alí as dependencias do municipio.
Historia arquivística
Desde mediados do século XIX, as oficinas municipais do Concello de Ortigueira están instaladas no exconvento dos dominicos, tras a exclaustración decretada en 1835. Por este motivo no arquivo histórico municipal de Ortigueira conserváronse algúns expedientes dos séculos XVII e XVIII relacionados co citado convento e coa Igrexa católica.
Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia