Don Federico Maciñeira y Pardo de Lama, naceu o 3 de setembro de 1870 en Santa María de Mogor (Mañón, A Coruña). Desde moi novo ocupouse da explotación das súas propiedades, acometendo a modernización e renovación da súa herdade, e influíndo sobre o resto da comarca, promovendo, propulsando e organizando exposicións agrícolas, concursos de gando, introducindo adiantos en maquinaria agropecuaria e fomentando a actualización da arboricultura e pesca, temas aos que dedica numerosos traballos.
Asumiu responsabilidades políticas, sendo alcalde de Ortigueira e deputado por ese termo. O seu interese pola comarca natal reflectiuse na súa faceta como cronista e xornalista, fundando o Boletín Oficial do Concello de Ortigueira en 1916 e dirixindo os xornais El Ortegano e El Cabo Ortegal. En 1892 é nomeado cronista oficial de Ortigueira e posteriormente xefe superior da Administración Civil.
Como investigador destacou pola súa aplicación de modelos novos para a práctica arqueolóxica, rompendo cos utilizados polos seus contemporáneos, mantendo importantes relacións profesionais con investigadores como Hübner e Leite de Vasconcelos. Meritorios traballos en temática arqueolóxica e antropolóxica foron publicados no Boletín da Real Academia da Historia, A Ilustración Española e Americana e outras revistas. Figura entre os seis españois asistentes á XII sesión do Congreso Internacional de Antropoloxía e Arqueoloxía de París en 1900; a súa disertación no Ateneo de Madrid sobre os seus descubrimentos arqueolóxicos no Ortegal tivo gran resonancia, pero foi en Barcelona, no Congreso Internacional de 1929 onde causou profunda impresión con Relacións entre Galicia e Inglaterra nas épocas prehistóricas. Por mor deste traballo o Goberno concede unha asignación para realizar escavacións no porto de Bares. Durante medio século dedicarase sen descanso ao seu estudo, froito do cal verá a luz a súa obra máis coñecida, Bares: porto hispánico da primitiva navegación occidental, publicada póstumamente en Madrid (1947).
Federico Maciñeira falecería en Ortigueira o 25 de xaneiro de 1943.
Historia arquivística
O 4 de maio de 2015, D. Federico Maciñeira Teijeiro fixo entrega a D. José Carlos Breijo Rodríguez, Cronista oficial de Ortigueira, de diversa documentación do seu avó, D. Federico Maciñeiira y Pardo de Lama, para que fose conservada e custodiada no Arquivo histórico municipal de Ortigueira.
A maior parte da documentación entregada pertencía orixinalmente ao arquivo municipal e fora custodiada por D. Federico Maciñeira Pardo de Lama e os seus descendentes ata o momento da súa reincorporación ao citado arquivo.
Outra parte era a relacionada cos traballos de investigación de D. Federico Maciñeira, sendo esta a que se recolle neste fondo.
D. Federico Maciñeira Teijeiro tamén fixo doazón de gran parte dos escritos publicados polo seu avó nas revistas e xornais da época, permanecendo estes custodiados na Biblioteca municipal de Ortigueira e descritos no seu catálogo.
Alcance e contido
Fondo formado por:
- Un libro de anotacións para formar unha reseña histórica da vila de Santa Marta de Ortigueira.
- Dous artigos publicados na colección de documentos históricos do Boletín da Real Academia Galega relacionados con dous documentos que forman parte do arquivo municipal de Ortigueira e que foron estudados por Federico Maciñeira.
- Unha carta de D. Tomás Moar y Garazo a Don Federico Maciñeira Teijeiro que recolle a memoria dos traballos que realizou no arquivo municipal e os avatares polos que pasou a documentación ao longo dos anos.
Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia