Expedientes elaborados con finalidade puramente informativa e de control sobre monumentos e conxuntos histórico-artísticos e que non responden a un procedemento concreto. Así, reúnen diversas clases de documentos sobre estes bens, extraídos en moitos casos dos seus expedientes orixinais. Hai informes, oficios, solicitudes de restauración, planos, orzamentos de restauración, queixas e denuncias, fotografías, etc As partes que semellan máis antigas deste expedientes son unhas anotacións descritivas mecanografadas, tomadas directamente da bibliografía e acompañadas de fotografía que comunmente van adheridas sobre folios. Frecuentemente estas notas compleméntanse con outras tamén mecanografadas sobre fichas de cartolina nas que se rexistran saídas ou entradas de documentos relacionados co monumento ou o conxunto histórico-artístico que se consideran importantes. Este conxunto documental non recolle a totalidade de monumentos declarados nas datas que abarca, pero os que están representados achegan información textual, gráfica e fotográfica de grande interese para coñecer múltiples aspectos da actividade desenvolvida polos poderes públicos en Galicia durante a segunda metade do século XX en relación cos bens culturais.
Textual