Foro outorgado por Xoán Fernández, abade do mosteiro de Celanova, a Gonzalo Neto de Gontán, e á súa muller, María Fernández, do casal da Pia, en Gontán, pola quinta parte da colleita entre outras rendas
Mosteiro beneditino fundado no ano 936 por Rosendo Gutérrez, bispo de Dumio e Mondoñedo, co apoio da súa familia, unha das máis destacadas daquela no reino de León. O futuro san Rosendo situou o mosteiro en terras do seu irmán o conde Froilán, baixo a autoridade do abade Franquila (quen sería canonizado) e cunha comunidade de monxes procedentes de Santo Estevo de Ribas de Sil. Foi o cenobio máis poderoso de Galicia na Idade Media. O seu dominio señorial abranguía unha gran extensión entre os ríos Miño, Arnoia, Limia e a liña que sería despois fronteira con Portugal. Coa reforma gregoriana e a imposición da regra bineditina a principios do s.XII quedou baixo a submisión do bispo diocesano de Ourense. Non obstante, no s. XIII, conseguíu ser cabeza dun distrito eclesiástico na diócese auriense conformado polas igrexas do seu couto, tendo un considerable poder xurisdicional. Ademais o abade foi dignidade na sede ourensá co título de vicearcediago. Tivo unha importante rede prioral, cos priorados de San Pedro de Rocas, Santa Comba de Naves, Coruxo, Ribeira, San Pedro de la Nave e Monte Córdova. Fóra da rede prioral, integrou no seu patrimonio o mosteiro de Arnoia. A finais do s. XV foi unha das primeiras comunidades relixiosas galegas que acataron a reforma da Observancia, entrando na Congregación de San Bieito de Valladolid. O ingreso na Observancia suporá un incremento do seu patrimonio ao unir o que ata entón era propio dos seus priorados. A eficiente xestión dos seus recursos económicos permitirá unha renovación completa do seu edificio, de singular riqueza arquitectónica, manifesta, entre outros elementos, nos seus claustros. A riqueza artística do mosteiro é perceptible en pezas como o coro baixo de estilo barroco atribuído a Castro Canseco, ou o coro alto, de maior antigüidade, executado nun estilo plateresco-oxival de finais do s. XV, que o converten nunha peza única en Galicia. Non obstante, o elemento de maior rareza histórica e artística é a capela de San Miguel (s. X), de estilo mozárabe, situada en peza exenta no que fora o antigo xardín do Noviciado. A exclaustración decimonónica afectou ao mosteiro, co seu abandono. No s. XX recuperouse cun uso civil dalgunhas dependencias, sendo cárcere durante a Guerra Civil, ou dando cabida a diversos servizos municipais, ao Xulgado ou ao Instituto de Ensino Secundario, entre outros usos.
Historia archivística
Este fondo ingresou no arquivo procedente da Delegación de Facenda en 1943. Forma parte dos documentos fundacionais do Arquivo Histórico Provincial de Ourense e procede das institucións relixiosas desamortizadas no século XIX. Trala Desamortización os arquivos das institucións relixiosas ingresaron no Arquivo Histórico Nacional pero unha boa parte dos fondos monásticos ourensáns permaneceu nas dependencias provinciais de Facenda e pasou a constituír a documentación fundacional do arquivo. Posteriormente, en 1947, producíronse dúas entregas de documentación por parte de don José Osorio Martínez e don Fausto Parada Crespo (alcalde de Esgos).