Foro outorgado por Margarida Gómez, abadesa de Santa Clara de Allariz, a Afonso Pérez, morador en Pereiras, e á súa muller, María González, dunhas herdades en Pereiras, por tres tegas de centeo cada ano
O convento de Santa Clara de Allariz foi un dos primeiros cenobios de monxas clarisas de España. Fundouse en 1286 por un privilexio de Sancho IV concedido a instancias da raíña dona Violante. As relixiosas fundadoras procedían de Zamora. A raíña, viúva do rei Afonso X o Sabio, residiu na vila de Allariz para impulsar a fundación do convento, onde quería ser soterrada. É o único cenobio de fundación rexia en Galicia e ao longo da súa historia foi moi ben tratado pola Coroa, de quen recibiu numerosas mercés e privilexios, como a posesión do señorío sobre as terras da súa propiedade. Tamén acadou beneficios papais mediante bulas nas que se eximía ás monxas de pagar tributos ou nas que os fieis podían escoller sepultura para enterrarse no convento, o que supoñía importantes ingresos para a comunidade. Durante a Idade Media obtivo numerosas doazóns de nobres e xente con boa situación económica, ademais de ingresar nas súas arcas as elevadas dotes das profesas. Destacou sobre todo na compra de terras e propiedades por toda a provincia ourensá. Foi o preferido pola nobreza local para recluír as súas fillas excluídas do matrimonio e chegou a ser un dos centros máis importantes das clarisas en Galicia. Dende o século XV é a única casa relixiosa feminina da diocese de Ourense e nel residen monxas de clausura.
Historia archivística
Descoñecemos a xenese do arquivo do Convento de Santa Clara de Allariz, ainda que pode estar relacionada coas transformacións que se viven a partir do século XVI, cando asistimos a un incremento da preocupación pola organización dos arquivos eclesiásticos, exemplificado nunha serie de normas que teñen por finalidade a boa conservación dos documentos, como a Sollicitudo pastoralis officii (1588) de Sixto V na que se establece que en todas as catedrais, mosteiros e abadías se creen arquivos públicos e xerais onde se conserven os documentos.
Ao longo dos séculos o arquivo do convento de Santa Clara de Allariz sufriu distintas alteracións na súa organización, así como no seu volume, como consecuencia de distintos procesos de organización e, fundamentalmente, a raíz do proceso desamortizador.
Orixinalmente a maior parte da documentación que integraba o arquivo de Santa Clara de Allariz atopábase cosida en forma de libros – a maioría aínda o está- e en séculos posteriores estes libros foron descosidos ou desmembrados para darlles ordenacións diferentes. A principal proba de que os criterios de ordenación foron variando ao longo do tempo é a existencia de máis dunha foliación nun mesmo libro, nalgúns casos existen ata tres foliacións distintas. Temos constancia, por algúns dos libros que así o indican, que no ano 1715 iniciouse por parte das monxas arquiveiras Dª Sebastiana Berea e Dª Lucia Teresa de Soto a que debeu de ser a última reorganización do arquivo, probablemente esta nova organización debeu obedecer a algún tipo de directrices xa que é un feito que tamén se observa noutros arquivos do Antigo Regimen. A ordenación que estás arquiveiras déronlles aos distintos documentos, unha vez desencadernados os libros, non parece responder a un criterio moi ríxido nin uniforme, pero se se aprecia unha ordenación toponímica de lugares, encadernando xuntos todas aquelas escrituras -desde foros, apeos, prorrateos de distintos anos ou preitos- que afectaban a unha determinada propiedade, que se completaría cos documentos doutras propiedades que se atopaban dentro da súa área xeográfica. Isto poñería de manifesto a súa preocupación polo control e xestión do seu patrimonio e respondería a unha dobre finalidade: evitar perdidas e manter reunidos e ordenados os documentos que son necesarios para a defensa de dereitos e para a xestión administrativa.
O segundo gran cambio que será determinante no devir deste fondo é a Desamortización de Mendizabal de 1835, por mor da cal todas as posesións o convento de Santa Clara de Allariz, incluído o seu arquivo, pasaron a mans do Estado. Unha vez efectuada a desamortizacion, todos os fondos documentais dos distintos arquivos conventuais e monásticos foron recollidos polas Contadorías de Desamortización e levados nun primeiro momento ás oficinas de Facenda das capitais de provincia desde onde se remitiron, a mediados do século XIX, á Academia da Historia e posteriormente, ao Arquivo Histórico Nacional, aínda que unha boa parte dos fondos monásticos ourensáns permaneceu nas dependencias provinciais de Facenda, sobre todo a de carácter económico, de interese para o control dos dereitos sobre bens patrimoniais e dos ingresos de cada un dos conventos e mosteiros. É en está fase, cando a documentación volve sufrir un forte revés, á dispersión do fondo debemos sumar que debeu ser relativamente frecuente que tras as poxas de bens se lles entregase aos novos propietarios aqueles documentos que lles permitisen a cobranza de rendas que levaban asociadas, proba diso é que en fondos privados como o dos Marqueses de Leis atopamos ata dúas unidades de instalación que conteñen expedientes de prorrateos pertencentes ao convento que no seu día formaban parte dos distintos libros do seu arquivo, como así o indica a presenza dunha foliación que se corresponde con escrituras que faltan nos libros e que aparecen recollidas nos índices dos libros respectivos.
A documentación que non se enviou á Academia da Historia ingresou no Arquivo Histórico Provincial de Ourense no ano 1943, pasando a formar parte dos fondos fundacionais do arquivo.
Recentemente, no ano 2011 tivo lugar un novo ingreso, por mor da compra dun xuro do convento de Santa Clara de Allariz a unha librería anticuaria de Madrid.
Alcance e conteúdo
Estamos ante un fondo fragmentado como consecuencia do proceso desamortizador que veu a dispersar toda a masa documental producida por esta institución ao longo dos séculos, ao que debemos de sumar a inestabilidade política do século XIX, o que tamén debeu favorecer algúns roubos e saqueos. A pesar diso, a parte do fondo conservado no AHPOu ofrece aos investigadores un importante campo non só para o estudo do convento de Santa Clara de Allariz, senón que tamén para coñecer e analizar a realidade socioeconómica que lle rodeaba.
O fondo está formado polas tipoloxías documentais habituais nos arquivos monásticos e conventuais, con preeminencia dos documentos relacionados co patrimonio e a súa xestión. Con todo, as serie documentais son moi variadas o que nos permitiu realizar distintas agrupacións, así nun primeiro grupo atopámonos coa sección de goberno e réxime interno da institución, que comprende todos os documentos referentes á administración interna do convento, entre os que destacan as disposicións emanadas tanto das autoridades eclesiásticas como das reais e os nomeamento de distintos cargos como o sancristán, o mordomo ou o boticario. De maior volume é a documentación de carácter patrimonial, onde englobamos os distintos tipos documentais que fan referencia ás propiedades e bens do convento: escrituras de compravenda, dotes, inventarios de bens, testamentos, litixios por propiedades, etc. Pero sen dúbida o grupo máis variado e voluminoso constitúeo o de xestión administrativa, no que nos atopamos tipoloxías documentais relacionadas coa xestión do patrimonio conventual e a súa contabilidade, entre as que destacan especialmente a serie facticia que denominamos administración de bens xunto cos distintos tipos de contrato de arrendamento, os libros de contabilidade, os apeos, os repartimientos de rendas, litixios pola cobranza de rendas... Outro grupo de documentos englobámolo dentro da sección de patroado e obras pías, son as fundacións de capelanías, inventarios, litixios e un libro de memorias no que se recollen testamentos e codicilos, nos que se outorga distintos bens á institución para o sostemento desas obras pías ou para que se celebren misas e cultos a perpetuidade polo descanso da alma do seu fundador, entre as doazón destaca o testamento da raíña dona Violante. Completa o conxunto unha serie facticia que denominamos colección de documentos en pergameo, na que se recollen os 71 documentos escritos en soporte pergameo entre os que atopamos escrituras de foros, vendas, trocos, doazóns, sentenzas, testamentos, privilexios e xuros.
Clase de documento:
Textual
Condiciones de acceso
Condiciones de acceso
Descripción condiciones de acceso:
A documentación é de acceso libre, este dereito está garantido polo artigo 57 da Lei 16/1985 de Patrimonio Histórico Español e o 23 da Lei 7/2014 de arquivos e documentos de Galicia. En todo caso o acceso estará condicionado polo estado de conservación dos documentos.
Condiciones de reproducción
Condiciones de reproducción:
A reprodución está suxeta ao estado de conservación dos documentos e ao establecido no Decreto 219/2011, do 17 de novembro, polo que se fixan os prezos públicos e as normas dos servizos de reprodución prestados nos arquivos xestionados pola Xunta de Galicia así como na Lei 6/2003, de 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia. Igualmente a publicación dunha reprodución debe ser autorizada, devengando o prezo público establecido no Decreto 219/2011 (artigo 5).
Lengua:
Galician
Escritura:
Precortesana
Características físicas
Material en el que se registra la información:
Pergameo
Estado de conservación:
Bo
Documentación relacionada
Unidades de descripción relacionadas
Unidades de descripción relacionadas: Fondo dos Marqueses de Leis do Arquivo Histórico Provincial de Ourense. Localización (Código de archivo): ES.GA.32054.AHPOU/2.4.2.19 Código/s de referencia/signaturas: Caixas 9778 e 9779
Unidades de descripción relacionadas: Fondo da Casa de Vilanova de Arroxo do Arquivo Histórico Provincial de Ourense Localización (Código de archivo): ES.GA.32054.AHPOU/2.4.2.41 Código/s de referencia/signaturas: Caixa 23942/01
Unidades de descripción relacionadas: Fondo de Real Audiencia de Galicia do Arquivo do Reino de Galicia Localización (Código de archivo): ES.GA.15030.ARG/1.1.1.2.
Unidades de descripción relacionadas: No Arquivo Histórico Nacional, na Sección de Clero Regular e Secular e na de Códices e Sixilografía.
Unidades de descripción relacionadas: Por último, tamén é posible atopar documentación no propio arquivo do convento de Santa Clara de Allariz.
Notas
Nota general
Diego González, notario
Nota al área de identificación
A data límite dana uns autos xudiciais polos que se reclama o pago de rendas duns bens vinculados a unha capelanía.