Xosé María Álvarez Blázquez naceu en Tui en 1915, fillo Darío Álvarez Limeses, neto de Emilio Álvarez Giménez e sobriño de Xerardo Álvarez Limeses. Estuda bacharelato por libre, examinándose en Pontevedra, cidade á que se traslada para comezar os estudos de Maxisterio, que rematará en 1934. No ano 1933 ingresa na Federación de Mocedades Galeguistas, inicialmente vinculada ao Partido Galeguista, exercendo o cargo de secretario provincial ao ano seguinte. No Partido Galeguista militan o seu curmán Xerardo Álvarez Gallego e Alexandre Bóveda, xenro deste. Tras exercer de maneira provisional coma mestre en A Guarda en 1935 e nunha parroquia de Tui, Pazos de Reis, en 1936, acada a praza definitiva no mesmo ano, tras aprobar a oposición, na escola de Coia en Vigo, onde nunca chegaría a exercer. Depurado polas autoridades franquistas, é desterrado a un pobo de Zamora, Coreses, no ano 1938, onde tomará posesión da praza en 1939 tras rematar a guerra, que cumplirá en Santiago de Compostela destinado no Hospital Militar de San Caetano. Neste período son asasinados o seu pai e Alexandre Bóveda, mentres que Xerardo Álvarez Gallego toma o camiño do exilio. En 1942 cesa, por excedencia voluntaria, no seu destino de Coreses, renunciando posteriormente a reincoporarse no corpo de Maxisterio. De volta en Vigo traballa na telleira instalada pola familia en Nigrán ata 1945, ano no que se produce un accidente nas instalacións, cesando a súa actividade. Comeza entón a traballar como Axente Local de Seguros Sociais dos Pescadores, exercendo tamén como Secretario da Confraría de Pescadores San Francisco de Vigo. En 1948 abre, con Luís Viñas Cortegoso, a librería de anticuario Monterrey, que manterá a súa actividade ata 1979. No ano 1950, tamén xunto con Viñas Cortegoso, funda a Editorial Monterrey, que estará activa ata o ano 1967. Cos seus irmáns establece no ano 1963 a Editorial Castrelos, que desenvolverá a súa actividade ata o ano 1979. En 1966 trasládase coa súa familia a Oviedo como delegado de ventas da empresa Pescanova, onde permanerá ata mediados do ano seguinte, voltando a Vigo. En 1968, tras 26 anos alonxado das aulas, comeza a impartir clases no Instituto Politécnico Marítimo Pesqueiro de Vigo, como profesor contratado para impartir Formación Humanística, onde se xubilará en 1982. Falece en Vigo en 1985. Estudioso da cultura galega, a súa actividade intelectual abarcou diversos campos: a literatura e a investigación literaria, a arqueoloxía e o folclore. Como arqueólogo, actividade que desenvolve dende moi novo coma afcionado, é nomeado Comisario de Escavacións Arqueolóxicas de Vigo en 1949, cidade na que dirixiu numerosas escavacións. O seu nome esta asociado a importantes cuestións, coma o estudo dos xacementos paleolíticos das Gándaras de Budiño e do Baixo Miño, ás estelas galaico romanas atopadas en Vigo e instaladas no museo da cidade grazas a súa intervención e á cista de Atios, entre outras actividades. Salientable é o seu papel fundamental na celebración en 1953 do III Congreso Nacional de Arqueología. Publicou numerosos textos de creación literaria e ensaio científico e literario, tanto en castelán coma en galego. A súa primeira novela, EN EL PUEBLO HAY CARAS NUEVAS (1945), resulta finalista no primeiro Premio Nadal. Como poeta cabe destacar as súas obras POEMAS DE TI E DE MIN (1949), ROSEIRA DO TEU MENCER (1950), CANCIONEIRO DE MONFERO (1953) e CANLE SEGREDO. Entre as súas investigacións sobre literatura merecen mención os seus estudos sobre Amado Carballo, Nicomedes Pastor Díaz, Gil Vicente ou Aurelio Aguirre. Compre destacar os seus estudos sobre literatura popular, publicados moitos deles nas editoriais Monterrey e Castrelos. Salientables son tamén os seus estudos de literatura medieval, ESCOLMA DE POESÍA MEDIEVAL (1975), e dos séculos escuros, ESCOLMA DE POESÍA GALEGA II: A POESÍA DOS SÉCULOS XIV A XIX (1959). Con todos eles contribuiu a popularizar o coñecemento da historia da literatura e do folclore galegos. Nunha época difícil para a literatura e a cultura galega, como foron os anos da dictadura franquista, compre destacar o seu traballo á fronte das editoriais Monterrey e Castrelos. Na primeira tira a colección LEIXADO DO VENTO, onde se publica a ÉGLOGA DE BELMIRO E BENIGNO (atribuída por Álvarez Blázquez a Nicomedes Pastor Díaz), e as coleccións BEATUS IACOBUS e FROL E FROITO. En Castrelos publícanse as coleccións CUADERNOS DE ARTE GALLEGO, POMBAL , PICO SAGRO e O MOUCHO. Dende elas divulgou e dignificou a Galicia e a súa cultura, consagrándose coma unha figura capital na historia recente da edición galega. De moi novo fundara en Pontevedra a revista literaria Cristal (1932) continuando ao longo da súa vida as colaboracións na prensa escrita. A súa colaboración no Faro de Vigo na sección CALENDARIO HISTÓRICO DE VIGO será o xérmolo da futura publicación LA CIUDAD Y LOS DÍAS (1960). Colaborou tamén nos medios radiofónicos, iniciándose nas emisións galegas da BBC de Londres, e participando en numerosos progamas en Radio Vigo e Voz de Vigo. A librería anticuaria Monterrey foi unha auténtica institución viguesa. Xosé María Álvarez Blázquez, co seu socio Luis Viñas Cortegoso, percorreu mosteiros, pazos e casas particulares de toda Galicia na procura de exemplares curiosos e valiosos, incunables e manuscritos incluídos. Anualmente facíase un catálogo de existencias da mesma. O bibliófilo Fermín Penzol foi un dos seus principais clientes. Membro correspondente da Real Academia Galega dende 1949 e numerario dende 1963. En 1976 é nomeado Cronista Oficial de Vigo. Cinco anos despois recibe o Pedrón de Ouro e pasa a formar parte do Instituto de Estudios Gallegos Padre Sarmiento. Recibe o recoñecemento literario nos I Xogos Florais de Vigo (1950), premio Pondal do Centro Galego de Buenos Aires, premio Pérez Galdós de novela, premios Biografía e Álvarez García da Asociación da Prensa de Vigo, e López Cuevillas no I Certame Literario do Miño, entre outros. Utilizou os seudónimos A. del Sarne, Pepe do Rollo, Celso Baión e o acrónimo Mario Vázquez Xerez Bal-Sala.
Historia archivística
Trátase dunha colección confeccionada orixinariamente por Xosé María Álvarez Blázquez, adquirida posteriormente por Fermín Penzol e legada por este a Fundación Penzol, onde hoxe se custodia.
Alcance y contenido
Colección heteroxénea de documentos en papel de procedencia moi diversa que abarca un amplo abanico cronolóxico (séculos XV ao XX), na que o único elemento común é que os produtores dos documentos que a integran teñen orixe galega ou unha vinculación moi forte con Galicia, aínda que en ocasións a súa labor, sobre todo no que se refire ao terreo político, desenvolveuse noutros ámbitos xeográficos. Integrada por cartas de contido persoal, político ou científico e escritos literarios de diverso tipo, cun amplo predominio da poesía. Entre os nomes que se atopan detras dos textos figuran personaxes literarios como Rosalía de Castro, Valle-Inclán, Álvaro Cunqueiro, Emilia Pardo Bazán, Curros Enrríquez, Francisco Añon ou Camilo José Cela, entre outros; personaxes do mundo científico como José Cornide Saavedra, Ramón María Aller Ulloa, Domingo Fontán ou Benito Jerónimo Feijoo; personaxes da esfera política tanto galega coma nacional, como Castelao, Alfredo Brañas, Eduardo Vincenti, o marqués de Elduayen, Luis López Ballesteros ou Augusto González Besada. Concebida como unha colección de autógrafos, o seu valor como fonte de investigación é relativo. Os documentos ofrecen información complementaria sobre os seus autores, non chegando nunca a ofrecer unha visión de conxunto sobre ningunha das personaxes que figuran na mesma..
Condiciones de acceso
Lengua:
Castelán
Características físicas
Descripción del estado de conservación:
Presenta en xeral un bo estado de conservación
Notas
Nota general
Ao dorso ten un texto a lapis ilexible, riscado, sobre o que se escribiu