A inspección educativa nace en España con carácter profesional a mediados do século XIX, ligada ao ensino primario, obrigatorio e gratuíto. O seu punto de partida é o Real Decreto de 30 de marzo de 1849 polo que se establece a organización das escolas normais e a creación da Inspección de Ensino Primario. O 20 de maio dese mesmo ano se publica o Reglamento para los inspectores de Instrucción Primaria del Reino. A Inspección queda organizada en dúas estruturas: a Inspección Xeral de Madrid e a Inspección Provincial. Meses máis tarde, o 12 de outubro de 1849, unha Real Orde fixa as normas que han de seguir os inspectores nas súas visitas ás escolas. A Lei de Instrución Pública, do 9 de setembro de 1857, coñecida como Lei Moyano, favoreceu o asentamento da inspección profesional na súa dobre vertente xeral e provincial, o que propiciou o marco regulador sobre o número, requisitos e soldos do persoal seleccionado para exercer a inspección e vixilancia no contexto educativo. Dous anos máis tarde, o 20 de xullo de 1859, sanciónase o chamado Reglamento General para la Administración y el Régimen de la Instrucción Pública, que se manterá practicamente invariable ata a promulgación do Real Decreto do 27 de marzo de 1896 onde se aproba un novo Regulamento para a inspección do ensino. As reformas en torno á inspección continúan ao longo do século XX. Así, a comezos do novo século un novo Real Decreto crea, o 1 de xaneiro de 1911, a primeira Dirección General de Primera Enseñanza, da que dependerá a Inspección Xeral e todos os seus organismos e un Real Decreto do 5 de maio de 1913 determina a estrutura funcional e orgánica da Inspección que permanecerá inalterable ata 1932. As disposicións sobre Inspección, publicadas a partir da II República, emanaban da lexislación anterior, pero adoptan unha vertente eminentemente democrática e laica. O Decreto de 1932 supoñerá, dende o punto de vista profesional e técnico, o maior avance da lexislación ata ese momento. A finalidade do corpo queda claramente definida no art.º 1º: "la inspección profesional de Primera Enseñanza, es el organismo encargado de orientar, impulsar y dirigir el funcionamiento de las escuelas nacionales y de las instituciones educativas auxiliares de las mismas". Entre as novidades importantes do Decreto encóntranse: o establecemento da Inspección Central con xurisdición sobre as inspeccións Provinciais e Escolas Normais, a creación do corpo de Inspectores-Mestres, que sen abandonar o ensino, visitarían un determinado número de escolas próximas á súa; a creación dos Centros de Colaboración Pedagóxica (agrupacións de mestres que, dirixidos polo Inspector Xefe da Zona, terían como fin o perfeccionamento técnico-pedagóxico), a publicación polas Inspeccións Provinciais do Boletín de Educación, como órgano de comunicación coas escolas... A raíz do Movemento Nacional configúrase un novo concepto de Educación, no que se suprimen a maioría das directrices do Decreto de 1932. Neste sentido, en plena Guerra Civil, o 5 de marzo de 1938, ditouse unha circular dirixida a Inspección e aos mestres nas que se ordenaba a educación relixiosa, patriótica e cívica, a volta dos crucifixos ás escolas, as clases de catecismo e historia sagrada, a lectura do Santo evanxeo os sábados... As novas orientacións e composición do Consello Provincial de Inspección regúlanse na Lei de Educación Primaria de 1945, do 17 de xullo, na que se establece unha clara diferenciación entre zonas de inspección feminina e Masculina, e establece como o primeiro dos dereitos e deberes dos inspectores profesionais de Ensino Primario "mantener ejemplar conducta moral desempeñando su función en servicio de Dios y de la Patria". Unha clara referencia á nova ideoloxía que vén acompañada doutras medidas encamiñadas a establecer un ríxido control ideolóxico da Escola. En 1957, unha Orde de 23 de xaneiro, establece a normativa que regula a visita de inspección. Por último, o Decreto 2915/1967, do 23 de novembro, establece que a Inspección Profesional de Ensino Primario estaba constituída por unha Inspección central e unha Inspección provincial. As súas disposicións sobrevivirán tanto á lei Xeneral de Educación de 1970, como ás primeiras fases da Transición política española, dado que as modificacións que introduce en materia de Inspección Educativa a Lei de 1970 non se materializan na súa totalidade ata 25 anos despois, en decembro de 1995, coa creación dun único Corpo de Inspectores de Educación.
Descoñécese, supoñemos que o fondo da Inspección Provincial compartiu os mesmos locais de instalación e servizo que os fondos xerais da Delegación Provincial do Ministerio de Educación e Ciencia.
Descripción de la forma de ingreso: O fondo foi entregado por unha persoa anónima, que o abandonou na porta de entrada do arquivo. A forma de ingreso deste tipo de fondos debería ser a transferencia dende o organismo produtor ou o seu herdeiro e non a través de persoas particulares. Descoñécese a situación actual do resto do fondo.
Fondo de pequenas dimensións, pero de grande interese para o estudo da historia do ensino primario na nosa provincia. A serie máis interesante constitúea as actas da Comisión que abranguen un período cronolóxico comprendido entre 1946-1961; aínda que tamén destacan, o libro rexistro dos asuntos tramitados ante a Comisión Provincial de Instrución Primaria (1855-1876), o libro rexistro de altas e baixas de inspectores (1947-1971), libro rexistro de persoal da Inspección [1932-1968]. Así mesmo, é interesante o libro de visita á escola de Baños, onde se analiza con detalle a situación desta escola (1918), achegando información sobre o funcionamento desta e o control que se exercía sobre ela a través dos inspectores; ou os informes cursados pola visita que se realiza ás escolas unitarias de Amiudal (1959). Dende o punto de vista do profesorado destacamos a documentación da Comisión cualificadora dos mestres que querían pasar do segundo á primeira escala (1933-1935, 1941), a correspondencia relativa ao curso de capacitación profesional (1945-1946) e os certificados e correspondencia que, entre outros asuntos, nos informan sobre cesamentos e cambios de destino (1946-1949, 1970-1971).
Clasificación funcional, con ordenación cronolóxica 1. ASUNTOS XERAIS 1.1. Correspondencia 1.2. Libros rexistro 1.3. Memorias 2. ORDENACIÓN ESCOLAR 2.1. Libros de actas do Consello de Inspección 2.2. Libros de actas de visitas de Inspección 2.3. Libros rexistro de matrículas 2.4. Correspondencia 2.5. Informes 2.6. Certificados 3. INFRAESTRUTURAS ESCOLARES 3.1. Correspondencia 4. PERSOAL 4.1. Libros rexistros de persoal 4.2. Comisión cualificadora dos mestres da segunda escala que aspiran pasar ao primeiro 4.3. Correspondencia 4.4. Cursos de Capacitación Profesional 4.5. Certificados 4.6. Boletíns da Irmandade de Inspectores técnicos de Educación (EGB) 5. ESTATÍSTICAS 5.1. Correspondencia 5.2. Relación de mutualidades e coutos escolares
Acceso restrinxido para determinadas series, por conter datos de carácter persoal.
Toda reprodución devengará o prezo público establecido no Decreto 219/2011, do 17 de novembro, polo que se fixan os prezos públicos e as normas dos servizos de reprodución prestados nos arquivos xestionados pola Xunta de Galicia.
Inventario do fondo en base de datos access
No existen copias
Descrición realizada polo equipo técnico do Arquivo Histórico Provincial de Ourense.