Hai que remontarse ao ano 1937, ao Decreto lei de ordenación trigueira do 23 de agosto, que crea o Servizo Nacional do Trigo (SNT) como organismo dependente da Comisión de Agricultura e Traballo Agrícola da Xunta Técnica do Estado. Esta disposición, ademais de regular todos os aspectos da produción e distribución do trigo e os seus derivados, regula tamén a adquisición, mobilización e prezo. Establece en cada provincia un xefe provincial nomeado polo delegado nacional.
As funcións do Servizo Nacional do Trigo defínense ao ano seguinte, no Regulamento provisional para a aplicación do Decreto lei de ordenación trigueira. Respecto das xefaturas provinciais, afírmase que, aínda que nomeados polo delegado nacional, os xefes dependen directamente do secretario xeral. Do xefe provincial depende todo o persoal e servizos provinciais, comarcais e de almacéns situados na súa xurisdición.
A Lei do 24 de xuño de 1941, que reorganiza a Comisaría Xeral de Abastecementos e Transportes (CAT), establece que todos os organismos con funcións de abastecementos quedan subordinados á autoridade do comisario xeral: entre eles está o Servizo Nacional do Trigo. Así pois, cómpre delimitar a dobre dependencia do SNT do Ministerio de Agricultura por un lado e da CAT por outro. Isto faise coa Lei do 7 de maio de 1942: a función de ordenación da produción trigueira correspóndelle ao Ministerio de Agricultura, e a de regulación das compravendas de trigo e ordenación da distribución e regulación da mobilización correspóndelle á Comisaría.
O Servizo Nacional do Trigo reorganízase e regula o seu funcionamento coa Orde do 19 de novembro de 1953. Ademais de definir os obxectivos do SNT, incide na súa dependencia da CAT naquelas actividades comprendidas dentro da órbita da competencia da devandita Comisaría. Os xefes provinciais son nomeados polo delegado nacional e dependen directamente do secretario xeral do SNT. Tamén dependen xerarquicamente do inspector da zona correspondente. A organización provincial complétase cos inspectores comarcais e cos xefes de silo, de selección e de almacén.
O SNT pasa a denominarse Servizo Nacional de Cereais (SNC) no 1968, co Decreto 161 /1968 do 1 de febreiro: organismo autónomo adscrito ao Ministerio de Agricultura, conserva o rango de Dirección Xeral, e o delegado nacional, coa mesma categoría e funcións, pasa a denominarse director xeral do SNC. En cada unha das provincias refúndense todos os servizos do Ministerio nunha delegación provincial na que se integran os servizos territoriais do SNC, sen prexuízo da súa autonomía funcional.
O mesmo ano créase o FORPPA: Fondo de Regulación de Prezos e Produtos Agrarios, a través da Lei 26 /1968 do 20 de xuño, coa misión de ordenar os mercados dos produtos agrarios. Defínese como un organismo autónomo encadrado no Ministerio de Agricultura.
O Servizo volve cambiar de nome no 1971, co Decreto lei 17/1971, do 28 de outubro: de aquí en diante denomínase Servizo Nacional de Produtos Agrarios (SENPA) e mantén o seu carácter de organismo autónomo dependente do Ministerio de Agricultura.
A Orde do 30 de xuño de 1973, pola que se estruturan as delegacións provinciais do Ministerio de Agricultura, establece que as xefaturas provinciais do SENPA se integren con rango de sección nas delegacións provinciais correspondentes.
Máis transcendental é o cambio introducido polo Real decreto 2183/1980, do 10 de outubro: o SENPA pasa a depender directamente da Presidencia do FORPPA, conservando o carácter de organismo autónomo e de entidade executiva do FORPPA. Mantén a súa estrutura, rango xerárquico e funcións.
A creación dun Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación supón tamén cambios no eido que nos ocupa: o Real decreto 2924/19 81, do 4 de decembro, supón a extinción da Comisaría Xeral de Abastecementos e Transportes, cuxas funcións son asumidas polo SENPA, que queda adscrito, igual que o FORPPA, á Secretaría de Estado de Alimentación. Conservan o carácter de organismos autónomos e manteñen a súa estrutura, réxime e funcións. O SENPA mantén a dependencia da presidencia do FORPPA, asume as funcións da CAT, que queda suprimida, así como a titularidade dos seus bens, dereitos e obrigas. Como consecuencia, as delegacións provinciais de abastecementos e transportes pasan a depender da Dirección Xeral do SENPA a través dos seus xefes provinciais (Orde do 15 de abril de 1982).
Co fin de integrar, definitivamente, as funcións e estruturas da CAT no SENPA, apróbase o Real decreto 1239 /1984, do 8 de xuño, que modifica a estrutura orgánica do SENPA. Búscase tamén acomodar as estruturas do SENPA aos novos cometidos, derivados tanto da supresión da CAT como da propia evolución do SENPA. Isto desenvólvese, a nivel central, na Orde do 5 de xullo de 1984, pero a organización provincial non se define ata a Orde do 2 de agosto de 1984. Constitúense dez inspeccións territoriais do SENPA nas comunidades autónomas non uniprovinciais, como unidades das direccións territoriais do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación. Correspóndenlles as actividades de control e inspección, a coordinación das distintas dependencias e as funcións derivadas da súa adscrición ás unidades territoriais do Ministerio.
As xefaturas provinciais do SENPA, unha en cada provincia, dependen directamente do director xeral como unidades das respectivas direccións provinciais do Ministerio.
A nivel central, o SENPA recibe unha nova estrutura no ano 1991, no Real decreto 654/1991, do 26 de abril, así como unha nova definición e funcións, pero non se alude á organización provincial.
No 1993 suprímense as xefaturas provinciais do SENPA a través do Real decreto 141/1993, do 29 de xaneiro. A nova estrutura baséase na existencia, en cada provincia, dunha Dirección Provincial do Ministerio na que se integran todos os servizos periféricos do departamento e dos organismos autónomos: así, ao suprimírense as xefaturas provinciais do SENPA, as súas funcións son asumidas polas novas direccións provinciais, nas que se integra tamén o seu persoal. A Inspección Territorial do SENPA, sen prexuízo da dependencia do director provincial do Ministerio, manterá a súa vinculación funcional co director xeral do SENPA.
O Real decreto 2205/1995, do 28 de decembro, refunde o FORPPA e o SENPA nun novo organismo autónomo de carácter comercial e financeiro, denominado Fondo Español de Garantía Agraria (FEGA), adscrito ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación. Isto é consecuencia da perda de funcións polo proceso de transferencia ás comunidades autónomas en materia de agricultura. Con carácter xeral, correspóndenlle as funcións de ordenación económica de competencia estatal en relación cos produtos e mercados agrarios. Á fronte hai un director xeral que asume todos os bens, dereitos e obrigas dos organismos suprimidos.
Historia archivística
A documentación da Xefatura Provincial do SENPA permanecera desde 1984 na Delegación do Ministerio de Agricultura, xunto coa da CAT. O seu paso á Delegación Provincial da Consellería de Agricultura da Xunta de Galicia, que posteriormente a transferiu ao Arquivo, veu regulado por dúas disposicións: o Real decreto 92/1996, do 26 de xaneiro, de traspaso á Xunta de Galicia dos medios do SENPA afectados ás actividades de xestión de axudas; e o Real decreto 1790/1996, do 19 de xullo, que establece o traspaso á dita Administración dos medios persoais e presupostarios precisos para a xestión das actuacións relativas á intervención e regulación de mercados.
Alcance y contenido
O conxunto da documentación deste fondo custodiada no Arquivo abrangue os anos 1938-1989. Aínda que predomina a correspondente á década comprendida entre 1970 e 1980, tamén atopamos documentación de anos anteriores, pero en menor cantidade.
Polo que respecta ás series, o maior número corresponde ás seccións de Contabilidade e de Secretaría. As máis voluminosas son as seguintes: Expedientes de obras para mellora de almacenamento; Expedientes de autorización de muíños maquieiros, que comprende os anos 1940-1983; Expedientes de venda de cereais e pensos; e tamén as series económicas, como os Expedientes de ordes de ingresos e pagamentos.
Outras series menos voluminosas pero tamén interesantes son as Relacións de muíños maquieiros, as Cartillas de agricultor e os Expedientes de descarga e saída de cereal. Da sección de Contabilidade destacan as Contas de desenvolvemento orzamentario e os diversos libros de contabilidade, como os Libros rexistro de ingresos e pagos polo Plan de Operacións Comerciais, Libros rexistro de mandamentos de ingreso, as Ordes de aboamento en conta, ademais dos diversos partes de movemento de cereais, como os Partes mensuais de movemento entre provincias, Partes quincenais de movemento de cereais ou Partes diarios das campañas de cereais.
Trátase, pois, dun fondo que ilustra o funcionamento dun organismo autónomo de gran relevancia durante o primeiro período franquista. Contén información sobre aspectos tan importantes como a agricultura e a gandaría dese período e posterior, sobre os muíños e fábricas fariñeiras e sobre a intervención do Estado na comercialización destes produtos e nese sector da economía en xeral.
Copia
Condiciones de acceso
Condiciones de acceso
Descripción condiciones de acceso:
Acceso libre en xeral.
Condiciones de reproducción
Condiciones de reproducción:
A reprodución da documentación deste fondo está suxeita ás seguintes disposicións:
- Decreto 219/2011, do 17 de novembro, polo que se fixan os prezos públicos e as normas dos servizos de reprodución prestados nos arquivos xestionados pola Xunta de Galicia.
- Orde do 31 de agosto de 2010, pola que se establecen as normas para a consulta e reprodución dos documentos nos arquivos propios e xestionados pola Xunta de Galicia.
Lengua:
Spanish; Castilian
Escritura:
Humanista
Características físicas
Estado de conservación:
Bo
Descripción del estado de conservación:
Trátase de documentación textual sobre papel en bo estado de conservación
Documentación relacionada
Existencia y localización de copias
Existencia de copias: Non existen copias
Unidades de descripción relacionadas
Unidades de descripción relacionadas: Pode considerarse relacionada con este fondo a documentación da Delegación Provincial de Abastecementos e Transportes e a do Goberno Civil. Atoparemos documentación complementaria nos arquivos históricos provinciais e no Arquivo Xeral da Administración de Alcalá de Henares. Tamén é documentación complementaria a dos Ministerios de Agricultura, Industria e Comercio; a de concellos, Organización Sindical-AISS , etc.
Notas
Nota general
Das 278 unidades de instalación, tres están compartidas con outro fondo (CAT).
Conta con instrumentos de traballo complementarios: estudos das series indentificadas.
Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Xunta de Galicia