Livro da montaria de João I de Portugal

O Livro da montaria do rei D. João I é un códice portugués escrito entre 1415 e 1433. Este tratado sobre a caza do xabaril é unha das obras máis notables do século XV escritas en lingua portuguesa. Está estruturado en tres libros formando un total de 70 capítulos nos que se abordan, desde os beneficios da práctica da montaría ata os coidados dos cans, desde o papel dos mozos e monteiros ata as tácticas e estratexias a seguir no desenvolvemento da caza.

Sábese que este códice se conservaba na biblioteca de D. Duarte, o fillo de João I de Portugal, e posteriormente no século XVII aparecerá na biblioteca do Colexio da Nosa Señora da Antiga, en Monforte de Lemos. O seu fundador, o cardeal D. Rodrigo de Castro, que estaba emparentado coa casa de Braganza, probablemente trouxese o códice nalgún dos seus viaxes diplomáticos.

Coa expulsión dos xesuitas en 1767 o edificio quedou abandonado e a biblioteca debeu de empezar a desmembrarse. Sabemos que as follas e pregos do códice foron utilizadas para encadernar documentos no século XVIII porque os fragmentos conservados apareceron nas cubertas de protocolos notariais do distrito de Monforte, os cales custodiáronse nas dependencias do Concello de Monforte de Lemos ata a súa transferencia ao Arquivo Histórico Provincial de Lugo. Foi neste centro onde estos fragmentos foron atopados, identificados e restaurados.

Consérvase aproximadamente unha cuarta parte da obra, na súa maioría dos libros primeiro e terceiro e, en menor cantidade, do segundo

Ligazón: http://arquivo.galiciana.gal/arpadweb/gl/consulta/registro.do?id=1701994