A casa de comercio Bengoechea de Ribadeo foi fundada polo vizcaíno Francisco Antonio de Bengoechea a principios do século XIX e estivo dedicada á actividade comercial, navieira e bancaria.

O fondo está formado por documentos que reflicten a xestión empresarial da casa de banca e comercio, a xestión do patrimonio familiar e outras funcións e actividades de carácter persoal desenvolvidas por diferentes membros da familia.

O arquivo empresarial, que constitúe a parte máis voluminosa do fondo, abarca un período cronolóxico comprendido entre os anos 1820 e o ano 1952. As series máis destacadas son as relacionadas coa contabilidade da empresa (balances, cartas de pago, dietarios, libros copiadores de letras, facturas, recibos, libros rexistro de cotización de valores...) e  os libros diarios e maiores de contas.

Destacan tamén os documentos relacionados coa comunicación entre provedores e clientes e moi especialmente, as series de correspondencia e de libros copiadores de cartas que dende xuño de 2018 pódense consultar en liña.

Os Libros copiadores de cartas da Casa de banca e comercio Bengoechea, trátase dun conxunto de 181 libros auxiliares da empresa nos que se asentaron copias das cartas remitidas polos correspondentes repartidos en diferentes países entre os anos 1823 e 1927.

A súa consulta permite profundar no coñecemento deste tipo de empresa e as actividades comercial, navieira e bancaria que desenvolvía ao longo de máis dun século. 

O arquivo foi recollido no ano 2010 en Ribadeo e custodiado dende entón na sede do Arquivo de Galicia.

Acceda os documentos na seguinte ligazón.