Mosteiro de monxas da orde beneditina na cidade de Santiago de Compostela. Foi o primeiro cenobio desa cidade, fundado como mosteiro masculino por Alfonso II El Casto, rey de Asturias, en 813, para custodiar o sepulcro do Apóstolo. Primitivamente estaba situado ante os altares da Catedral, de aí deriva o seu nome. Hoxe pecha a Praza da Quintana. Tivo gran relevo como elemento pertencente ao núcleo devocional e cultural do Lugar Santo. Ocupouse do servizo litúrxico e da atención aos peregrinos. Naceu baixo a advocación de San Pedro, cambiando no s. XII á de Paio, o neno mártir galego; o cambio coincidiu coa mingua progresiva da súa importancia fronte a puxanza da Catedral veciña. Dous dos seus abades foron canonizados: San Pedro de Mezonzo e San Faxildo.
A reforma observante realizada polos Reis Católicos fixo que en 1487 fose anexionado a San Martiño Pinario, pero os abades lograron manter a independencia ata finais da centuria. Na década de 1490 foi sede transitoria do colexio de San Gregorio, xerme da universidade compostelá. En 1499 o mosteiro vese afectado pola reforma observante realizada por frei Rodrigo de Valencia, prior de San Benito de Valladolid, pasando a congregar nel ao conxunto das monxas beneditinas de Galicia. Actualmente mantense a comunidade de relixiosas.
Historia arquivística
Este fondo ingresou no arquivo procedente da Delegación de Facenda en 1943. Forma parte dos documentos fundacionais do Arquivo Histórico Provincial de Ourense e procede das institucións relixiosas desamortizadas no século XIX. Trala Desamortización os arquivos das institucións relixiosas ingresaron no Arquivo Histórico Nacional pero unha boa parte dos fondos monásticos ourensáns permaneceu nas dependencias provinciais de Facenda e pasou a constituír a documentación fundacional do arquivo.
Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Xunta de Galicia