A orixe deste mosteiro bieito coñecido como San Martiño Pinario ou de Fóra está ligada á igrexa de Santa María da Corticela. O primitivo oratorio da Corticela, de finais do século IX, estaba vencellado ao culto apostólico e debía albergar aos diáconos. A escasez de espazo neste templo, que estaba situado moi preto da muralla da cidade, fixo que houbera que buscarlle aos relixiosos un lugar fóra da cerca de Santiago polo que o bispo Sisnando traslada no ano 912 un grupo de frades a un lugar fóra do muro, en Pignario, e failles unha serie de doazóns. Neste lugar extramuros constrúese unha igrexa e adícase a san Martiño. Posteriormente amplíase con outras edificacións e a principios do século XII o templo é consagrado polo arcebispo Xelmírez. Esta comunidade conserva as propiedades e privilexios sobre o antigo asentamento da Corticela incrementadas coas doazóns do bispo Sisnando e do rei Ordoño II. Desde o século XII o mosteiro sitúase baixo a regra bieita e a partir da centuria seguinte expande o seu dominio pola cidade compostelá e a súa zona de influencia, chegando ata as Rías Baixas e a zona do Ribeiro ourensán. En 1495 uniuse á Congregación de Valladolid, vivindo desde entón a súa mellor época. A finais desta centuria chegou a ser o mosteiro máis rico de Galicia ao anexionar os cenobios suprimidos pola reforma observante. Fíxose cos bens de boa parte dos mosteiros galegos incorporando os de San Paio de Antealtares e san Pedro de Fóra en Compostela, así como os de Lovio, San Lourenzo de Carboeiro, Santo Isidro de Montes, Santo Estevo de Boiro, etc, ata facer un total de 33 cenobios anexionados. A gran cantidade de recursos que posuía o mosteiro permitiulles aos frades renovar e ampliar constantemente as súas instalacións ao longo do tempo co que a construción do edificio se alongou desde finais do século XVI ata o século XVIII. Trala Desamortización do século XIX, San Martiño Pinario adicouse a distintos usos e alberga varias institucións. Nel ten a súa sede o Seminario Maior da arquidiocese compostelá desde 1868 e, desde 1975, o Arquivo Histórico Diocesano de Santiago de Compostela.
Historia arquivística
Este fondo ingresou no arquivo procedente da Delegación de Facenda en 1943. Forma parte dos documentos fundacionais do Arquivo Histórico Provincial de Ourense e procede das institucións relixiosas desamortizadas no século XIX. Trala Desamortización os arquivos das institucións relixiosas ingresaron no Arquivo Histórico Nacional pero unha boa parte dos fondos monásticos ourensáns permaneceu nas dependencias provinciais de Facenda e pasou a constituír a documentación fundacional do arquivo.
Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Xunta de Galicia