De acordo cos principios liberais da separación de poderes, a Constitución de Cádiz organizará un poder xudicial independente baseado na igualdade dos cidadáns perante a lei, na unidade de foros e xurisdicións e na simplificación e aplicación automática dos procedementos por parte de xuíces inamovibles e predeterminados. Establécese deste modo unha estrita xerarquización dos órganos xudiciais: no cumio estará o Tribunal Supremo de España e Indias. No chanzo máis baixo, os alcaldes, que actuarán como xuíces de paz e ordinarios. Por riba deles, os xuíces de primeira instancia (de partido), no civil e no criminal, subordinados ás audiencias reais, iguais e independentes entre si. Pero a inestabilidade política do primeiro terzo do século XIX impediu o desenvolvemento real da Administración de xustiza ata o ano 1834, cando se establece a demarcación xudicial unificada coa administrativa e se crean novas audiencias, iguais en autoridade e facultades (Real decreto do 26 de xaneiro de 1834). Esta disposición foi complementada, entre outras, co "Reglamento provisional para la administración de justicia en lo respectivo a la real jurisdicción ordinaria” (Real decreto do 26 de setembro de 1835). Dentro da "real xurisdición ordinaria" achábanse os xulgados de partido, circunscricións en que se divide todo o territorio español, que estarían a cargo de "xuíces letrados de primeira instancia" únicos para a súa demarcación para as "causas civís e criminais" (artigo 36). Este deseño conceptual e organizativo perdurará basicamente ata a actualidade. Plásmase así, por exemplo, noutras disposicións posteriores, como o Real decreto do 1 de maio de 1844 ou na Lei orgánica do Poder xudicial de 1870. Pero non será ata a promulgación da Lei adicional á orgánica do Poder xudicial do 14 de outubro de 1882 cando se consolide a denominación actual de "xulgados de primeira instancia e instrución". Esta lei estableceu que naqueles lugares en que por mor da poboación houbese necesidade de crear máis dun xulgado, estes numeraríanse de forma correlativa. Ao número seguiríalle o nome da localidade. (No entanto, os xulgados denominaranse inicialmente polo nome do distrito municipal onde se atoparen). Con esta denominación e carácter mantivéronse practicamente sen cambios ata que o Decreto 2160/1973, do 17 de agosto, atribuíu a xulgados distintos as xurisdicións civil e penal, e creou así xulgados de 1ª instancia por un lado e de instrución por outro. Os xulgados de primeira instancia e instrución eran órganos unipersoais que coñecían en primeira instancia en materia civil e tiñan facultade de instrución no criminal. Ademais, reciben en apelación os asuntos dos xuíces inferiores (xulgados municipais, comarcais e de paz). Poden intervir tamén en cuestións disciplinarias do persoal xudicial baixo a súa xurisdición e na resolución de cuestións de competencia.
A primeira transferencia recibiuse en 2003, xunto con outros fondos xudiciais, do edificio dos novos xulgados da Coruña, onde se achaban con escaso control. A segunda foi unha transferencia normalizada, de 2017. Recibíronse 222 unidades de instalación.
Forma jurídica del ingreso: Transferencia
Non existen copias
Bibliografía: - GALDÓN SÁNCHEZ, Miguel Ángel; ZURITA GÓMEZ, José Antonio. "Fondos judiciales del Archivo Histórico Provincial de Sevilla", en Congreso de Archivos Judiciales. Sevilla 16, 17 y 18 de mayo de 2007: Los archivos judiciales en la modernización de la Administración de Justicia". Sevilla : Junta de Andalucía, Consejería de Justicia y Administración Pública, 2007, pp. 455-467. Disponible en: http://www.juntadeandalucia.es/cultura/archivos_html/sites/default/contenidos/archivos/ahpsevilla/documentos/Fondosjudiciales.pdf - QUIROGA BARRO, Gabriel. "Fondos xudiciais do Arquivo do Reino de Galicia", en Imaxes da Xustiza en Galicia: Cartografía e iconografía nos fondos documentais da Real Audiencia e da Audiencia Territorial de Galicia. Santiago de Compostela: Xunta de Galicia, Dirección Xeral do Patrimonio, 1998, p. 49-67.