Os xulgados municipais exercen a administración de xustiza no ámbito local; este organismo ten o seu precedente máis inmediato na figura dos xuíces de paz, creados a partir do Real Decreto do 22 de outubro de 1855, que establecía en todos os concellos este cargo de carácter obrigatorio por dous anos e gratuíto cunhas funcións sobre todo conciliadoras, ademáis de exercer primeiras dilixencias en determinados asuntos como os procesos de abintestato ou coñecer os xuízos verbais de menor contía.
A instauración dos xulgados municipais é froito da Lei Provisional do 15 de setembro de 1870 sobre organización do Poder Xudicial, que establece que en cada termo municipal haberá un ou varios xuíces municipais cun cargo de duración bienal. Na práctica os xulgados municipais substitúen aos xulgados de paz, feito que se constata, tanto na Lei Provisional de Rexistro Civil, do 17 de xuño de 1870 que confire aos xuíces municipais as atribucións do Rexistro Civil, como pola Circular do 30 de setembro de 1870, onde se determina que os xuíces de paz deben ser denominados como xuíces municipais e deben exercer as atribucións destes. Estas funcións dos xuíces municipais que lles encomendaba a Lei orgánica do Poder Xudicial de 1870 eran en materia civil coñecer os actos de conciliación, os xuízos verbais que non excedan dunha determinada cantidade, as primeiras dilixencias de testamentarías ou sucesións e exercer a xurisdición voluntaria. En materia penal axuizaban as faltas cometidas e encargábanse das primeiras dilixencias dos asuntos criminais. O Decreto do 27 de outubro de 1870 crea a figura do fiscal a nivel municipal, en substitución dos promotores fiscais e procuradores síndicos dos concellos.
A Lei de reorganización da Administración de Xustiza nos Xulgados Municipais do 5 de agosto de 1907 establece unha nova figura xurídica, o Tribunal Municipal, que estaba composto polo xuíz e dous adxuntos. Os xuíces e fiscais municipais eran nomeados por un período de catro anos. Os xuíces municipais tiñan unha función basicamente de instrución xa que practicaban as dilixencias dos procesos civís e penais que posteriormente axuizaba o Tribunal Municipal; así mesmo executaban as sentenzas pronunciadas polo devandito tribunal. Por outra banda, o Tribunal Municipal encargábase en materia civil das demandas que non excedesen dunha cantidade concreta; dos xuízos atribuídos aos xuíces municipais por algunha lei; dos conflitos que se produzan no ámbito dos pousadeiros, hóspedes, cocheiros e viaxeiros, axentes de emigración e emigrantes, patróns de embarcacións e persoas que transporten, sempre que tales cuestións refíranse a gastos, indemnizacións ou salarios e que non excedan dunha determinada contía; así mesmo resolverá as cuestións relacionadas co comercio de gando nas feiras que non excedan unha cantidade concreta. En materia penal o Tribunal Municipal coñecía en primeira instancia as infraccións denominadas como faltas. A acción civil procedente dunha falta estaba limitada á mesma contía que esta lei sinalaba para os asuntos civís e se excedía era o Xulgado de Primeira Instancia o competente para resolver. As sentenzas pronunciadas polo Tribunal Municipal eran apelables ante o xuíz de primeira instancia e instrución; de igual maneira o recurso de queixa por non admitir a apelación dun procedemento civil era presentado ante o Xulgado de Primeira Instancia. Os tribunais municipais foron suprimidos mediante o Real Decreto do 30 de outubro de 1923 sobre reorganización da Xustiza Municipal, que establecía que as funcións dos organismos desaparecidos pasarían a ser competencia dos xulgados municipais.
Os xulgados municipais serán reestruturados pola Lei do 19 de xullo de 1944 de Bases para a reforma da Xustiza Municipal, que reorganiza a xustiza local en tres clases de órganos xurisdicionais: xulgados municipais, xulgados comarcais e xulgados de paz. Os xulgados municipais establecíanse nas capitais de provincia e nos concellos de máis de vinte mil habitantes (posteriormente a Lei 19/1967, do 8 de abril, amplía o número a trinta mil habitantes), mentres que os xulgados comarcais administraban xustiza nos municipios que eran centros ou capitais de comarca. Pola súa banda, os xulgados de paz exercerían as súas competencias alí onde non houbese xulgados municipais nin comarcais. Establécese que o cargo de xuíz municipal será desempeñado por un funcionario da carreira xudicial. Estas medidas serán reforzadas polo decreto do 8 de novembro de 1944, que desenvolve a base primeira da Lei para a reforma da Xustiza Municipal de 1944. A Orde do 24 de marzo de 1945 pola que se aproba a demarcación dos xulgados municipais, comarcais e de paz determina a creación dun Xulgado Comarcal en Becerreá en substitución do Xulgado Municipal, e que comprende os xulgados de paz de Cervantes, Baralla e Triacastela, (e a partir de 1953 engádeselle a xurisdición do Xulgado Comarcal das Nogais ao suprimirse este órgano xudicial).
As funcións que a Lei de Bases de 1944 asignaba aos xulgados municipais eran coñecer os actos de conciliación en materia civil e penal, as faltas (incluídas as de imprenta, lesións e estafa), os procedementos preventivos e os actos de xurisdición voluntaria. Así mesmo, encargábanse do sumario ata que interviñese o xuíz de instrución. Ademais correspondíalles coñecer os xuízos de cognición dunha determinada contía, os procesos de desafiuzamento e os arrendamentos urbanos que non superasen unha determinada cantidade e sempre que estes non se referisen a locais comerciais, industriais ou de profesións colexiadas, que nese caso eran atribuídos a xuíces de primeira instancia. Por último, tiñan ao seu cargo o Rexistro Civil do territorio que abarca a súa xurisdición e inspeccionaba os xulgados de paz que estaban agregados ao xulgado. Os xuíces de primeira instancia e instrución eran os competentes para entender os recursos de apelación e de queixa contra as sentenzas e resolucións que emiten os xuíces municipais. Os xulgados municipais terán o seu final en 1977 ao crearse os xulgados de distrito (Real Decreto 2014/1977, do 29 de xullo), que asumirán as súas funcións e competencias e exercerán a súa xurisdición no territorio dun ou varios municipios.
A documentación producida por este organismo xudicial conservábase no local destinado a arquivo do Xulgado de Primeira Instancia e Instrución de Becerreá. No ano 2014 a documentación de conservación permanente transferiuse ao Arquivo Xudicial Territorial de Lugo.
Forma jurídica del ingreso: Transferencia
O fondo abarca un período temporal desde finais do s. XIX ata a segunda metade do século XX. Predominan os Expedientes de asuntos civís. A documentación xerada por este organismo xudicial orixina unha importante fonte de información para a investigación histórica en diferentes ámbitos como a emigración ou a vida cotiá de Becerreá. Así mesmo, os procedementos civís poden servir de proba de dereitos, por exemplo, nos asuntos relacionados coa propiedade da terra.
A normativa ministerial en materia de eliminación de expedientes xudiciais do século XX (Real Decreto do 29 de maio de 1911, Orde do 29 de marzo de 1937) afectou a composición do fondo, xa que a maior parte dos procedementos civís corresponde aos anos posteriores a 1932 e non se conservan causas penais.
O fondo segue unha clasificación orgánica-funcional e está organizado da seguinte maneira: - Administración e Goberno. - Civil. - Penal.
Esta documentación contén datos de carácter persoal e procesual, polo que só se poderá consultar co consentimento dos afectados ou cando supere o prazo que determina a lexislación, é dicir, 25 anos desde a morte da persoa afectada, ou 50 anos a partir da data dos documentos (art. 57.1.c. da Lei 16/1985 de Patrimonio Histórico Español).
Os prezos están suxeitos ao Decreto 219/2011, do 17 de novembro, polo que se fixan os prezos públicos e as normas dos servizos de reprodución prestados nos arquivos xestionados pola Xunta de Galicia. A prestación do servizo quedará condicionada ao estado de conservación dos fondos.
Existe un inventario nunha base de datos Access.
No Arquivo Histórico Provincial de Lugo pódense atopar documentos relacionados no fondo do Xulgado de Primeira Instancia e Instrución de Becerreá, como poden ser as apelacións das resolucións pronunciadas por este Xulgado Municipal. A documentación do organismo que lle sucede nas súas funcións, o Xulgado Comarcal de Becerreá, conservarase no local de arquivo dos Xulgados de Becerreá.
Antonio López Bodaño