A instauración dos xulgados de primeira instancia e instrución iníciase no período das Cortes de Cádiz ao establecer a Constitución de 1812, no seu artigo 273, que en cada xulgado que sexa cabeza de partido xudicial haberá un xuíz de letras. Posteriormente, o Decreto do 9 de outubro de 1812, que aproba o Regulamento das Audiencias e Xulgados de Primeira Instancia, incide na distribución de partidos onde exercerá un xuíz letrado de primeira instancia. A Orde das Cortes do 2 de maio de 1813 recalca a maneira en que se deben distribuír os partidos xudiciais. Tanto a Deputación Provincial como a Real Audiencia de Galicia realizaron unha proposta de división xudicial que incluía o partido de Sarria. A instauración do absolutismo en 1814 conleva a supresión das medidas reformadoras, polo que a demarcación xudicial non se volve a propoñer ata a instauración do Trienio Liberal. A Orde das Cortes do 29 de xuño de 1821 mantén en Galicia a división dos 47 partidos xudiciais efectuada en 1813. Novamente a restauración absolutista de 1823 elimina os partidos xudiciais. As reformas do período liberal establecen o Real Decreto do 30 de novembro de 1833, que divide o territorio en provincias para atribucións administrativas, militares, xudiciais e facendísticas. Posteriormente, o Real Decreto do 21 de abril de 1834 divide as provincias en partidos xudiciais, un dos cales é o de Sarria. Mediante o Decreto 3388/1965, do 11 de novembro, polo que se modifica a Demarcación Xudicial, o partido xudicial de Sarria é incorporado ao de Lugo. Na actualidade, a Lei 38/1988, do 28 de decembro, de Demarcación e Planta Xudicial, fixa definitivamente o partido xudicial de Sarria.
En canto ás competencias xudiciais destes organismos o Decreto do 9 de outubro de 1812, que aproba o regulamento das Audiencias e Xulgados de Primeira Instancia sinala que o xuíz letrado de primeira instancia coñecerá causas civís e criminais en primeira instancia, excepto as que coñezan os alcaldes dos pobos (demandas civís de menor contía e os xuízos verbais de faltas pero con previsión dos xuíces de partido) e as que se reservan aos tribunais especiais. O Real Decreto do 21 de abril de 1834 establece o cesamento das funcións xudiciais dos alcaldes ordinarios, que deberán remitir os procesos xudiciais aos xuíces letrados das cabezas de partido. O Regulamento Provisional de Administración de Xustiza de 1835 sinala as competencias dos xuíces letrados de primeira instancia, que son os únicos que coñecen no seu partido en primeira instancia todas as causas civís e criminais, (incluídos os suprimidos casos de corte), con excepción dos xuízos verbais. O Regulamento do 1 de maio de 1844 dos xulgados de primeira instancia concreta determinadas funcións. A Lei Provisional sobre Organización do Poder Xudicial do 15 de setembro de 1870 propoñía dividir o territorio para efectos xudiciais en distritos, partidos, circunscricións e termos municipais. En cada partido habería polo menos un tribunal de partido, que estaría formado por tres xuíces e en cada circunscrición un xuíz de instrución. Os tribunais de partido non chegaron a establecerse e mediante a Circular do 30 de setembro de 1870 atribúese aos xuíces de primeira instancia as funcións que a lei de 1870 asignaba a estes tribunais. Por tanto, estes xuíces en materia civil coñecen en primeira instancia os xuízos que expresamente lle atribúen as leis, así como as apelacións verbais; na orde penal instrúen os sumarios das causas criminais que se pronuncian nunha instancia superior e ademais coñecen en única instancia e en xuízo oral e público os delitos aos que a lei impón como máximo unha pena correccional (isto é segundo os casos, un máximo de prisión de seis anos) e resolven as apelacións dos xuízos de faltas dos xulgados municipais. A Lei do 14 de outubro de 1882, adicional á orgánica do poder xudicial, incide nestas atribucións. Posteriormente diversas reformas do artigo 14 da Lei de Axuizamento Criminal de 1870 (como a Lei 3/1967, do 8 de abril, sobre modificación de determinados artigos do Código penal e da Lei de Axuizamento Criminal) onde se definen as súas funcións atribúenlle os delitos castigados con penas non superiores a arresto maior, privación do permiso de conducir ou multas que non excedan dunha determinada cantidade, así como o coñecemento e fallo de xuízos de faltas ou delitos leves.
No momento presente a Lei Orgánica 6/1985, do 1 de xullo, do Poder Xudicial confírelles os xuízos civís en primeira instancia que non estean atribuídos a outros xulgados ou tribunais, e os recursos contra as resolucións dos xulgados de paz; en materia penal encargaranse da instrución das causas que posteriormente axuicen as audiencias provinciais e os xulgados do penal (excepto as causas que sexan competencia dos xulgados de violencia sobre a muller) e os recursos contra as resolucións ditadas polos xulgados de paz. Actualmente na orde penal, os xulgados de paz quedan sen competencias debido á Lei Orgánica 1/2015, do 30 de marzo, pola que se modifica a Lei Orgánica 10/1995, do 23 de novembro do Código penal. A Lei Orgánica 10/1980, do 11 de novembro, de axuizamento oral de delitos dolosos, menos graves e flagrantes, establece como competencia dos xuíces de instrución o coñecemento e sentenza dos delitos castigados con pena privativa de liberdade cuxa duración non exceda de seis anos. As súas resolucións apelábanse ante a Audiencia Provincial. Esta lei foi derrogada en 1989 pola Lei 7/1988, do 28 de decembro, dos Xulgados do Penal, que modifica o artigo 14 da Lei de Axuizamento Criminal que actualmente dita que o xuíz de instrución será competente para o coñecemento e sentenza dos xuízos por delito leve e a instrución das causas. Este artigo 14 establece que será o xuíz do penal o que coñeza e sentencie as causas por delitos aos que a lei sinale pena privativa de liberdade de duración non superior a cinco anos ou calquera outras de distinta natureza, ben sexan únicas, conxuntas ou alternativas, sempre que a duración destas non exceda de dez anos.
A documentación deste fondo xudicial custodiábase nas dependencias do Edificio Xudicial de Sarria. A necesidade de espazo e o interese por conservar a documentación de carácter histórico motivou que se depositase no ano 2014 no Arquivo Xudicial Territorial de Lugo.
Forma jurídica del ingreso: Transferencia
O fondo abarca principalmente a primeira metade do século XX. Predominan as causas civís (procedementos en primeira instancia e apelacións). Esta documentación xudicial orixina unha importante fonte de información para a investigación histórica en diferentes ámbitos como a emigración ou a vida cotiá dos municipios que conforman o partido xudicial de Sarria. Así mesmo, os procedementos civís poden servir de proba de dereitos, por exemplo, nos asuntos relacionados coa propiedade da terra.
A normativa ministerial en materia de eliminación de expedientes xudiciais do século XX (Real Decreto do 29 de maio de 1911, Orde do 29 de marzo de 1937) debeu de afectar á composición do fondo, xa que a maior parte dos procedementos civís corresponde aos anos posteriores a 1923 e practicamente non se conservan procedementos penais.
O fondo segue unha clasificación orgánica-funcional e está organizado da seguinte maneira: - Administración e Goberno. - Civil. - Penal.
Esta documentación contén datos de carácter persoal e procesual, polo que só se poderá consultar co consentimento dos afectados ou cando supere o prazo que determina a lexislación vixente.
Os prezos están suxeitos ao que dispón a lexislación vixente nos arquivos xestionados pola Xunta de Galicia. A prestación do servizo quedará condicionada ao estado de conservación dos fondos.
Existe un inventario elaborado nunha base de datos Access, que contén 125 rexistros.
A documentación posterior ás datas sinaladas deste xulgado se custodia no Arquivo do Xulgado de Primeira Instancia e Instrución de Sarria. Por outra banda, os sumarios que se sentenciaban na Audiencia Provincial provenientes do Xulgado de Instrución de Sarria poden consultarse no Arquivo Histórico Provincial de Lugo (1945-1962) e no Arquivo Xudicial Territorial de Lugo Consérvase documentación no Arquivo Xudicial Territorial de Lugo do fondo da Audiencia Provincial referente ás apelacións realizadas ante este organismo xudicial contra as resolucións ditadas polo Xulgado de Primeira Instancia e Instrución. No Arquivo Histórico Provincial de Lugo custódiase o fondo da Casa Palacio de Bóveda, que contén causas civís e penais do Xulgado de Primeira Instancia e Instrucción de Sarria, maioritariamente da década dos anos 30 do século XIX. Tamén neste arquivo pódese consultar documentación do Xulgado Municipal de Sarria, do Xulgado Comarcal de Sarria e do Tribunal Especial de Foros de Sarria.
LÓPEZ RODRÍGUEZ, Olimpia, PEREIRA OLIVEIRA, Mª Dolores. "Los Archivos Judiciales: Un viaje por la provincia de Lugo". En: La administración de justicia en la historia de España: actas de las III Jornadas de Castilla-La Mancha sobre investigación en archivos: Guadalajara 11-14 de noviembre 1997. : Junta de Comunidades de Castilla-La Mancha ; Guadalajara : Anabad Castilla-La Mancha, 1999.
Antonio López Bodaño