O "Fuero del Trabajo", aprobado o 9 de marzo de 1938, estipulaba na súa declaración sétima a creación das maxistraturas de traballo como tribunais especiais encargados da xurisdición laboral. Neste mesmo ano, o Decreto do 13 de maio suprime os xurados mixtos e crea as maxistraturas de traballo, que asumen as competencias laborais daqueles xurados. Será a Lei orgánica do 17 de outubro de 1940 a que estableza as funcións e a organización da Maxistratura de Traballo como única institución xurisdicional contenciosa na rama social do dereito. A súa función sería intervir nos conflitos individuais entre empresarios e traballadores; nas reclamacións contra o Estado; nos conflitos colectivos; nos preitos sobre Seguridade Social; nas cuestións contenciosas entre os asociados e as súas mutualidades e nas execucións en vía de prema derivadas do incumprimento das obrigas coa Seguridade Social. A Maxistratura de Traballo dependía do Ministerio de Traballo; por iso, malia ser órgano de xustiza, ficaba arredada da administración xudicial. A segunda instancia correspondíalle ao Tribunal Central de Traballo, que tamén dependía do Ministerio de Traballo. A base territorial da Maxistratura era a provincia, onde había polo menos un maxistrado de Traballo. O Ministerio de Traballo podía modificar o número de maxistrados por proposta do director xeral competente, unha vez oído o inspector xeral das maxistraturas.
Na provincia da Coruña, créase, en 1946, outra Maxistratura; a máis antiga denominarase entón "número 1", mentres que a nova será a "número 2". Unha e outra faranse cargo dos asuntos mediante sorteo. Con todo, cando a número 2 é suprimida pola Orde do 11 de decembro de 1962, farase cargo de todos os asuntos a Maxistratura de Traballo número 1. Non será ata 1967, a través da Orde do 10 de outubro, cando volva crearse na provincia a número 2. Xa na década de 1970, segundo a Orde do 19 de outubro de 1978, créase unha terceira Maxistratura de Traballo, con sede na capital e xurisdición en toda a provincia. O Real decreto 493/1985, do 2 de abril, crea unha cuarta maxistratura que non estará na Coruña, pois a súa sede establécese en Santiago de Compostela. Con posterioridade, o Real decreto 607/1988, do 10 de xuño, crea a número 5, con sede outra vez na Coruña. As Maxistraturas de Traballo desaparecen en 1988, consonte a Lei 38/1988, do 28 de decembro, de demarcación e planta xudicial. Os Xulgados do Social pasan a desempeñar as súas funcións. O Tribunal Central de Traballo tamén desaparece segundo o estipulado no Acordo do Consello do Poder Xudicial do 10 de maio de 1989. As súas competencias son asumidas pola Sala do Social da Audiencia Nacional e polas salas do social dos tribunais superiores de xustiza en cadanseus territorios. O Tribunal Supremo queda como órgano revisor exclusivo fóra da área da comunidade autónoma.
O fondo permaneceu en poder do seu produtor ata a transferencia ao Arquivo do Reino de Galicia.
Descripción de la forma de ingreso: Este fondo documental, xunto co da Maxistratura de Traballo número 2 da Coruña e o da Maxistratura de Traballo Única, chegou ao Arquivo do Reino de Galicia a través de varias transferencias. A primeira, o 27 de xullo de 1972; a segunda, o 28 de novembro de 1980; a terceira, o 14 de febreiro de 1986; e a cuarta, en maio de 1991. Nos dous primeiros envíos, ademais dos expedientes das propias maxistraturas de traballo da Coruña, enviouse ao Arquivo documentación dos tribunais industriais, dos comités paritarios e dos xulgados mixtos, institucións que as antecederon na xurisdición laboral. Na terceira transferencia remitíronse expedientes laborais e de prema da Maxistratura número 1 da Coruña (1970 -1975). A cuarta transferencia foi enviada polos Xulgados do Social número 1 e 2 da Coruña, e estaba composta por expedientes laborais da Maxistratura número 1.
Forma jurídica del ingreso: Transferencia
A fracción de fondo descrita aquí abrangue o período cronolóxico comprendido entre os anos 1976 e 1981 e está formada por unha soa serie documental: "Expedientes laborais", que reflicten as funcións propias deste órgano xudicial.
A serie de "expedientes laborais", que compón esta sección de fondo, é de conservación permanente.
Pode haber máis ingresos, xa que aínda que o organismo produtor desapareceu en 1988 e foi substituído polo Xulgado do Social, a documentación xerada desde 1984 ata 1988 aínda non foi transferida.
Polas características propias desta fracción de fondo, ao non conter máís que unha serie documental, non se considerou oportuno desenvolver un cadro de clasificación exhaustivo.
Acceso restrinxido de acordo coa normativa de aplicación.
A reprodución da documentación deste fondo está suxeita ás seguintes disposicións: - Decreto 219/2011, do 17 de novembro, polo que se fixan os prezos públicos e as normas dos servizos de reprodución prestados nos arquivos xestionados pola Xunta de Galicia. - Orde do 31 de agosto de 2010, pola que se establecen as normas para a consulta e reprodución dos documentos nos arquivos propios e xestionados pola Xunta de Galicia.
Estado de conservación: Bo
- Inventario de fichas manuais- Base de datos do fondo Maxistratura de Traballo número 1
Non existen copias
As primeiras transferencias de documentación das Maxistraturas de Traballo da Coruña (única, número 1 e número 2) foron organizadas e descritas por medio dun inventario en fichas manuais que se conserva neste arquivo (ficheiros número 339 e 340). O inventario describe 1006 unidades de instalación do fondo da Maxistratura de Traballo número 2 non incluídas na presente descrición. Por outro lado, complementarios a este son os fondos das distintas maxistraturas de traballo que custodian os arquivos históricos provinciais, así como o fondo do Tribunal Central do Traballo que se atopa no Arquivo Xeral da Administración de Alcalá de Henares. Temos que facer mención aquí tamén á documentación que nos foi transferida en abril do 2003 pola Subdelegación do Goberno (Área de Traballo e Asuntos Sociais ), derivada do negociado da Organización de Traballos Portuarios, pola relación que ten cos expedientes de prema da Maxistratura iniciados pola OTP.
Descrición realizada por Olga Castañeda Rodríguez, Mª del Rosario Torreiro Martínez baixo a dirección de Gabriel Quiroga Barro.